.jpg)
Manifestación nacional, o 17 de maio, baixo o lema “Non queremos ser estranxeiras na nosa Patria. Queremos galego!”
A saída está prevista ás 12:00 horas da Alameda compostelá
Queremos galego fai este chamamento lembrando, no manifesto publicado con motivo desta data, que “o noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador”.
A plataforma denuncia que o goberno galego, que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, “en lugar diso fai xustamente o contrario”, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sufrir. Entre outras sinala o mal chamado decreto de plurilingüismo, que “mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística”.
Xunto a isto, denuncia un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así “é burlado de xeito tan esperpéntico” como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que le mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! Por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.
Tampouco esquece a plataforma un Estado que “abafa”, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI. “Leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela”.
O manifesto conclúe que “unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola”.