
Publicada a resolución provisional do proceso de integración do PTFP
A resolución definitiva da integración publicarase previsiblemente este mes
Relación provisional de persoas que se propoñen para a súa integración no corpo de profesores de ensino secundario
PTFP en servizo activo a 19/01/21 nomeado PES entre a anterior data e o 10/11/22 (Anexo III)
PTFP en servizo activo a 19/01/21 xubilado con anterioridade ao 10/11/22 (Anexo IV)
Reclamacións: do 9 ao 22 de marzo seguindo as indicacións desta ligazón.
Na mesa sectorial que tivo lugar o 7 de marzo a CIG- Ensino trasladou á Consellaría unha serie de cuestións sobre a equiparación salarial do PTFP, logo do anuncio do Consello da Xunta da semana pasada de recoñecer un complemento a 665 docentes que quedan para extinguir.
- Vai discriminar o profesorado de FP que se integre de novo nas 10 especialidades do corpo de PESSFP, reducindo o pago do complemento a quen queda a extinguir, ou vai tratar a todo o colectivo por igual, incluído o profesorado interino destas especialidades? A Consellaría vai negar o dereito ao cobro das mesmas retribucións a este profesorado.
- Vai discriminar os 665 docentes para extinguir sen recoñecer o dereito ao cobro desde xaneiro de 2021? A Consellaría só vai recoñecer os efectos desde o 1 de setembro de 2023.
- Vai discriminar o profesorado interino das 19 especialidades que se integran en PES, limitando o cobro como A1 ao mes de setembro de 2023 sen efectos retroactivos? A Consellaría só vai recoñecer eses efectos retroactivos ao funcionariado de carreira.
- Vai discriminar o profesorado que aprobou as oposicións de PTFP no 2021 sen recoñecer o pago con efectos desde que aprobaron?. Non vai recoñecer eses efectos e van manter o que di a convocartoria.
- Vai discriminar o profesorado que se xubilou antes da publicación da orde? Neste caso, a Consellaría vai pagar de oficio a quen se xubilou antes da publicación do procedemento de integración.
- Vai discriminar o persoal das listas de profesorado especialista actualmente vinculadas ao corpo de PTFP, sen incluílos no complemento compensador ou incorporalos ás listas de PES? A Consellaría limítase a dicir que levará á Mesa Sectorial a integración nas listas correspondentes do persoal especialistas e que, cando corresponda, serán do grupo A1.
- Hai a día de hoxe uns 26 docentes do corpo de mestras e mestres de taller de artes plásticas e deseño. Vai incorporalos a Consellaría no pago dese complemento de equiparación, tendo en conta a previsión de que se poidan integrar nun futuro no corpo de profesorado? A Consellaría non pensa facer nada a este respecto mentres non se saiba como queda a lei que está en fase de debate polo Ministerio.
En resposta ás cuestións da CIG Ensino, a Consellaría informa que publicará o mércores 8 de marzo a resolución provisional do procedemento de integración do Profesorado Técnico de Formación profesional. Segundo os datos ofrecidos pola administración son un total de 1008 as docentes que serán admitidas.
A publicación que podedes ver na parte superior da nova consta de dous anexos:
- Nun incluiranse as persoas que na data da publicación da convocatoria de integración eran funcionariado do corpo de PTFP e con posterioridade aprobaron un proceso selectivo e pasaron a PES, indicando que recibirán un complemento compensador desde o 19 de xaneiro do 2021 até o seu nomeamento como funcionario de carreira do corpo de PES.
- Noutro anexo recolleranse as persoas que estando en activo o 19 de xaneiro se xubilaron con anterioridade á convocatoria de integración e que tamén percibirán un complemento compensador desde o 19 de xaneiro do 2021 ata a data da xubilación.
A Consellaría, ao respecto do anuncio feito tras o Consello de Goberno da Xunta, informou que o que se produciu a semana pasada foi a autorización do goberno a negociar un complemento compensador e que a negociación terá lugar na Mesa Sectorial.
A CIG-Ensino congratúlase da segunda rectificación da Consellaría en breve prazo de tempo ao incorporar o profesorado xubilado no pago, mais considera totalmente improcedente que non se estendan os mesmos dereitos a todo o profesorado de FP e, de se manter esa negativa no texto que pasará pola Mesa Sectorial para recoñecer o pagamento do complemento compensador a quen quede para extinguir, acudirá á vía xudicial.