MÁIS RAZÓNS PARA IR Á FOLGA XERAL O DÍA 29 DE SETEMBRO

FOLGA XERAL. AREA PÚBILCA

As federacións da área pública da CIG –Administración, Saúde e Ensino- veñen de manifestar, na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, reunida esta mañá en Madrid, a súa “rotunda oposición” á proposta de redución salarial presentada na mesma. Un recorte que se engade á redución do 5% imposta o pasado mes de maio e á perda de poder adquisitivo que veñen acumulando desde hai anos por mor duns incrementos salariais inferiores ao IPC real.

MÁIS RAZÓNS PARA IR Á FOLGA XERAL O DÍA 29 DE SETEMBRO
 
As federacións da área pública da CIG manifestan o seu máis rotundo rexeitamento a que os salarios dos empregados/as públicos/as continúen rebaixándose no ano 2011
 
As federacións da área pública da CIG –Administración, Saúde e Ensino- veñen de manifestar, na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, reunida esta mañá en Madrid, a súa “rotunda oposición” á proposta de redución salarial presentada na mesma. Un recorte que se engade á redución do 5% imposta o pasado mes de maio e á perda de poder adquisitivo que veñen acumulando desde hai anos por mor duns incrementos salariais inferiores ao IPC real.
 
Na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas convocada para esta mañá, o Ministerio de Presidencia anunciou a pretensión do goberno central de recortar os salarios dos empregados/as públicos/as nos mesmos termos que aplicaron desde o mes de xuño (5%)e continuar coa redución das pagas extra en idénticos termos que imos percibir en decembro (aproximadamente un 30% menos). Xunto a iso presentouse a proposta de conxelar a oferta de emprego público, ademais das interinidades e as coberturas por xubilación, alén de limitar a taxa de reposición ao 10%. A reunión da Mesa foi simplemente un traslado de información por parte do Ministerio, xa que non se deu ningún tipo de negociación.
 
Na reunión, a CIG criticou a actitude da administración do estado e denunciou que as decisións adoptadas ano tras ano no que respecta aos empregados/as públicos/as, coa intención de presentar unha acción exemplarizante para o resto da sociedade en canto ás políticas de contención dos incrementos retributivos, contribuíu á perda de peso das rendas salariais no conxunto das rendas económicas do estado. “Tamén teñen contribuído á mala imaxe que existe sobre o ‘funcionariado’ como estereotipo do empregado público”, dixo.
 
Alén diso, lembrou que os sucesivos gobernos, “fosen da cor que fosen”, téñense aproveitado, cando non promovido esa imaxe social para adoptar as referidas medidas de política salarial restritiva das que dixo que “tamén é partícipe o goberno”. Campañas que cualificou de ‘irresponsábeis’ e que deterioran “calquera concepción socialmente digna do servizo público”.
 
A secretaria nacional de Área pública da CIG, denunciou que en virtude do Real Decreto 8/2010, de 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para reducir o déficit público, os empregos/as públicos non saben se ademais da redución do seu salario, a partir do ano próximo tamén se verá afectada a contía das súas cotizacións á Seguridade Social e haberes reguladores do Réxime das clases pasivas. “Estásenos a exixir non só un sacrificio presente, alegando a necesidade de solucionar a situación económica pola que atravesa o país, senón que tamén nos veremos afectados no futuro, vendo como as nosas pensións son inferiores ao que correspondería”, manifestou.
 
Demandan que os recortes non afecten ao cálculo das pensións futuras
 
Diante da proposta de recorte e conxelación salarial para o ano 2011, a CIG presentou unha serie de medidas, co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo que veñen perdendo os empregados/as públicos/as.
 
Neste sentido, solicitou que o previsto na Disposición Adicional Sétima do Real Decreto-lei 8/2010 referido á cotización Xeral da Seguridade Social, sexa tamén de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2011, de maneira que as medidas contempladas no devandito RD “sexan realmente de carácter extraordinario co obxecto de acelerar a redución do déficit público, tal e como se expresa no apartado 1 da exposición de motivos do texto normativo e que non afecten ao cálculo de pensións futuras”, manifestou, “tanto para cotizacións á Seguridade Social, Haberes reguladores das clases pasivas, etc.”. A esta petición a Mesa respondeu que estas cuestións non entran na Lei de Orzamentos, polo que non tiñan unha resposta que dar á CIG.
 
Alén diso, demandou o restabelecemento do soldo do persoal das administración públicas ao importe total do mesmo antes da redución salarial, co aumento do IPC perdido e que se revise o criterio aplicado ás pagas extraordinarias de decembro deste ano. Para iso, demandou que para as pagas extraordinarias do ano 2011 se teña en conta e se calculen coa totalidade das retribucións que se viñan percibindo antes do recorte salarial e que se diten as normas necesarias para que nas instrucións de aplicación do RD se estabeleza a obrigatoriedade de que nas nóminas, a minorización apareza en forma dunha partida de desconto facilmente identificábel e distinta do resto dos conceptos retributivos.
 
Cláusulas de revisión salarial
Outra das demandas presentadas na Mesa Xeral foi a da aplicación das cláusulas de revisión salarial, onde se contemple o IPC real e non o previsto e que haxa unha recuperación total da perda de poder adquisitivo; que o 0,3% previsto para achega ao fondo de pensións do persoal da administración do Estado se dedique a salario directo e que se impulsen as medidas lexislativas oportunas que permitan aos empregados/as públicos ter acceso e dereito á xubilación parcial ou anticipada.
 
Ademais solicitouse a paralización da restrición de oferta de emprego público, que está a impedir a cobertura de diferentes servizos mediante xestión directa, porque, “reducir o emprego público empeora os servizos prestados xa que o traballo será realizado mediante empresas privadas subcontratadas ou asistencias técnicas que procuran abaratar custos para obter os maiores beneficios precarizando as condicións laborais”.
 
Control das subvencións
Como medidas complementarias, a Área pública da CIG demandou na Mesa Xeral de Negociación que se actúe sobre os ingresos públicos e se controlen as subvencións e axudas públicas, atacando as bolsas de evasión fiscal e a economía somerxida, mediante unha actuación decidida e firme por parte do goberno sobre os defraudadores que non contribúen de forma xusta e equitativa, para evitar que as subas de impostos e os sacrificios económicos da crise recaian só sobre os colectivos máis desfavorecidos.
 
Xunto a esta, propuxeron intervir sobre o gasto menos sensíbel ao consumo e aumentar e mellorar o control da xestión do gasto e que se efectivice unha política fiscal e impositiva máis progresiva, onde os que teñan máis sexan os que máis paguen; revisar a fórmula de tributación de colectivos como empresarios e profesionais, para que se avance na súa contribución en porcentaxes equiparábeis aos dos países máis desenvolvidos nas súas políticas sociais; xestionar de forma eficaz os recursos humanos existentes na propia administración, excluíndo a contratación de empresas privadas para a prestación de servizos públicos; promover políticas reguladoras do sistema financeiro, a recuperación dunha banca pública e a imposición de taxas sobre transaccións financeiras internacionais; regular os mercados de valores para salvagardar os dereitos básicos da poboación en materia de alimentación, sanidade, educación, vivenda e da economía social ou pública e reducir ao máximo os orzamentos relacionados coas intervencións militares no estranxeiro, reformulando as políticas de defensa para que obedezan estritamente a obxectivos defensivos.
 
A representante da CIG tamén demandou que se informe en tempo e forma aos representantes dos traballadores de asuntos tan serios como o borrador de anteproxecto de lei de Administración do Estado ou dos resultados do estudio sobre xubilación parcial e anticipada.
 
Moitas destas medidas terán que ser aprobadas en Galiza, a través da Lei de Orzamentos, polo que dependerá do goberno galego a súa aplicación.

Volver