Máis que nunca, Queremos Galego, o lema deste ano para as mobilizacións do 17 de maio

A Plataforma Queremos Galego presentou esta mañá as mobilizacións previstas para o 17 de maio para pedir "liberdade, igualdade e xustiza" para o galego.

No acto o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que se cumpren 10 anos da publicación do Decreto do plurilingüismo que significou unha auténtica involución na defensa e promoción da nosa lingua. "En Galiza Feijóo xa marcou un antes e un despois na política de exterminio do noso idioma, polo que o programa máis reaccionario do PP en materia lingüística xa se está a aplicar aquí desde hai unha década", afirmou en referencia ás últimas propostas a nivel estatal do Partido Popular en materia educativa.

A Plataforma Queremos Galego presentou hoxe as mobilizacións que van ter lugar o vindeiro 17 de maio simultaneamente ás 12 da mañá co obxectivo de esixir "liberdade, igualdade e xustiza" para a nosa lingua. Na presentación, o seu voceiro, Marcos Maceira, lembrou que "a situación do galego actualmente é crítica, pola perda acelerada de falantes sobre todo nas novas xeracións e nos ámbitos urbanos, pola imposibilidade cotiá de desenvolvernos con normalidade na nosa lingua e polos atrancos nos eidos legal, educativo, laboral, sanitario ou dos medios de comunicación". "Porque sen igualdade, liberdade e xustiza non hai democracia, temos que saír todas e todos á rúa o vindeiro 17 de maio para reclamarmos os nosos dereitos lingüísticos que se ven conculcados diariamente". Ao tempo incidiu en que os que queren prohibir o galego na administración son os mesmos que atacan as mulleres, a diversidade sexual ou a liberdade de expresión. 

Maceira aproveitou para dar a coñecer publicamente o cartaz deseñado para este ano por Luis Davila baixo o lema "Máis que nunca, Queremos Galego". 

Decreto da vergoña

Pola súa banda, Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino fixo un balance extremadamente negativo do goberno Feijóo e lembrou que precisamente este ano se cumpre unha década da publicación do Decreto de Plurilingüismo, "a primeira vez que se lexislou directamente para prohibir o noso idioma para impartir as materias científico tecnolóxicas". Esta afrenta, que busca a irrelevancia e o desprestixio do galego, está detrás das cifras desoladoras a nivel sociolingüístico que nos sitúa moito peor en número de falantes e en nivel de uso e competencia que hai dez anos. "Polo tanto, para os galegos non é nada novo ter un goberno que busca o exterminio da nosa lingua, porque é algo que vimos padecendo especialmente desde a chegada de Feijóo á Xunta, rachando con consensos históricos en etapas anteriores". 

"Efectivamente vivimos tempos escuros para a lingua, a cultura e a nosa identidade pero temos reaxir como sociedade fronte a todos estes ataques e plantarlle cara aos gobernos que nos queren deixar sen dereitos lingüísticos e de ningún tipo", sentenciou Suso Bermello.

Volver