Máis profesorado, menos ratios, distanciamento físico, alteración de espazos e medidas de protección e hixiene, principais eixes para garantir a presencialidade no curso 2020/21
Ante o inmobilismo e a despreocupación da Consellaría cun asunto de vital importancia, o Consello Federal do sindicato aprobou un documento con propostas concretas sobre a docencia e a seguridade e saúde da comunidade educativa para o vindeiro curso.
A CIG-Ensino amosa a súa preocupación pola falta de avances na planificación de cara ao próximo curso, toda vez que o Ministerio abandonou o falso mando único que non lle correspondía pero que intentou asumir ao comezo da crise, e que a Consellaría de Educación aínda non presentou ningún protocolo nin proposta concreta.
Esta parálise tácita da Xunta por motivos electorais agocha a intención de comezar as clases en setembro “como se non estiveramos nunha situación pandémica mundial” e de non realizar investimentos en reforzar o ensino público, como se extrae das palabras do propio presidente Núñez Feijóo que pediu destinar os fondos exclusivos para educación “a outros fins”. O sindicato insiste en que a xestión desta crise sanitaria evidenciou “o desprezo e a desvalorización do profesorado por parte das administracións” e avanza en que, de concretarse unha volta ás aulas como se nada pasara, o vindeiro curso estará marcado pola conflitividade.
A situación actual creada pola pandemia da COVID-19 e a improvisación coa que se actuou por parte das administracións educativas deixa ás claras a necesidade de realizar un traballo de planificación para o curso 2020/2021, que nestes intres tiña que estar xa avanzado, tanto no que respecta ás necesidades de dotación e de formación do profesorado como á organización dos centros educativos, unha organización que ten que centrarse na docencia e na seguridade e saúde laboral. Por este motivo, e ante a ausencia dun protocolo por parte da Consellaría de Educación a estas alturas do mes de xuño, o Consello Federal da CIG-Ensino vén de aprobar un documento con propostas para unha negociación que debe ser inminente e que parte de dous principios irrenunciábeis para o sindicato: o reforzo do ensino público e a consideración da educación presencial como elemento referencial e central do sistema educativo, mais tendo presente as necesidades tecnolóxicas das que poidamos precisar en calquera momento se hai un rebrote de contaxios.
Esta planificación ten que levar aparellado un aumento considerábel de investimento material e humano se se quere apostar por un retorno ás aulas seguro e que pasa por aumentar o número de profesorado para facer posíbel unha baixada das ratios, xa que esta última é a única fórmula que pode garantir o distanciamento físico, que se amosou como a medida sanitaria máis eficaz, tal e como afirman especialistas en epidemioloxía, para evitar os contaxios do coronavirus. Así mesmo, o documento evidencia que se algo demostrou o final deste curso é que a teledocencia só pode ser entendida como un recurso excepcional e que a súa aplicación non serve para as etapas iniciais e básicas do sistema educativo.
No texto proponse a necesidade de planificar para dous posíbeis escenarios. O primeiro sería o de “normalidade alterada” polas limitacións sanitarias (distanciamento físico, alteración de espazos, medidas de protección e hixiene especiais), para o que é necesario un aumento de dotación orzamentaria que Feijóo primeiro rexeitou ao pedir destinar o que lle corresponda a Galiza dos 1.600 millóns de euros destinados polo Ministerio para educación “a outros fins” e despois a súa conselleira de Educación cualificou como insuficiente. O segundo escenario sería o dun novo confinamento para o que xa non habería escusas de non estar preparadas. No debate que se xerou no Consello Federal púxose en evidencia que o profesorado e os centros “laváronlle a cara ás administracións educativas durante todo este tempo, adaptándose en tempo récord á nova realidade da formación online e que, de novo, a Xunta pretende que sexan os centros os que asuman toda a responsabilidade do que aconteza coas escasas medidas de protección e hixiene que se prevén implementar o ano que vén. O que demostrou esta crise é que o profesorado foi vilependiado pola Consellaría durante todo este tempo, no que se ditaminaron instrucións contraditorias e se incrementou a carga burocrática de forma abafante, sen ningunha colaboración ou recoñecemento por parte da administración ao enorme esforzo feito durante este último trimestre”. Así pois, de mantérense as intencións da Xunta de non aplicar ningunha mellora que permita esa redución das ratios con fins sanitarios e de protección da saúde da comunidade educativa, o máximo órgano de goberno do sindicato anuncia que o comezo do vindeiro curso será conflitivo e que levarán a cabo todas as accións oportunas para defender a saúde de profesorado e alumnado.
Nestes sentido, a CIG-Ensino insta á administración a poñer en marcha xa un estudo real de cal é a situación dos centros educativos en canto a dotación tecnolóxica, de espazos e de necesidades de persoal para cumprir o distanciamento de 1,5 metros entre persoas. Non é de recibo que esta medida sexa necesaria en calquera espazo cerrado, incluídos os centros de traballo ou as reunións familiares, e que non se manteña como obrigatorio nas aulas. Ademais nestes momentos as direccións dos centros teñen que facer a previsión do persoal provisional que van necesitar para o vindeiro curso polo que hai que ter en conta a necesidade de incremento de efectivos para cumprir con esta premisa. Así mesmo, o documento tamén recolle que é fundamental suplir as carencias formativas que pode ter o persoal docente no manexo das ferramentas propias da educación a distancia e garantir que o uso do noso idioma estea presente tanto nos contidos como nas propias plataformas empregadas para o desenvolvemento de forma excepcional dun ensino semipresencial. A análise destas necesidades debería estenderse así mesmo á dotación das familias e ao seu acceso e manexo da rede e, mediante o impulso da Consellaría, debería manterse unha relación fluída cos servizos sociais de cada Concello para coñecer realidades complexas ou conflitivas que poda estar vivindo o alumnado.
Cinco áreas de actuación preferentes
As propostas recollidas no documento están organizadas en cinco grandes eixes: estrutural, laboral, educativo, sanitario e social.
Medidas estruturais
En canto ás medidas estruturais , o horizonte debe ser garantir o ensino presencial a través dunha actuación a tres niveis: nacional, municipal ou por localidades e por centro educativo. Neste apartado é onde se ten que prever a realización das adaptacións físicas de espazos para facilitar desdobres e a diminución de ratios, así como, na medida do posíbel, evitar desprazamentos do alumnado polo centro. Neste sentido, a CIG-Ensino propón estudar a reapertura de centros pechados nos últimos anos así como a dotación de maior profesorado para a apertura das máximas liñas posíbeis en todos os centros educativos do país. A utilización de espazos que teñen unha función educativa propia (ximnasios, polideportivas, talleres, aulas de música, biblioteca…) non pode facerse en detrimento das materias ou dos traballos que neles se realizan. Tamén aquí se terán que abordar as adaptacións para garantir o comedor e o transporte escolar, os programas de atención ao alumnado previos ás actividades lectivas, actividades extraescolares ou de reforzo educativo, o control das entradas, saídas, recreos ou uso de espazos comúns.
Todas estas actuacións poden levar consigo cambios nos horarios lectivos, tanto na duración das clases como no horario lectivo xeral ou mesmo nos centros nos que o profesorado presta servizos, o que pode ocasionar importantes dificultades na conciliación da vida familiar e laboral que deben ser abordadas nunha negociación específica na Mesa Sectorial.
A CIG-Ensino defende que o recurso á teledocencia ou a fórmulas mixtas debe ser unha vía excepcional. A planificación de cara a ter que recorrer de novo a esta situación debe ir desde asegurar a dotación de material ata as necesarias conexións nos centros educativos e, se for preciso, nas casas de profesorado e alumnado, para rachar coa fenda social e dixital existente e que se puxo de manifesto na recente enquisa realizada polo sindicato ao persoal docente. Debe reforzarse tamén a formación específica do profesorado no uso das ferramentas de ensino telemático, a galeguización tanto destas plataformas como dos contidos a disposición do alumnado e as aplicacións de comunicación coas familias como Abalar.
Medidas sanitarias
No tocante ás medidas sanitarias, as achegas que fai a CIG-Ensino para o vindeiro curso xa lle foron presentadas á Xunta no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Educación e están baseadas en varios eixes:
PLAN DE ACTUACIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS
AVALIACIÓN DE CENTROS GUÍA
Estabelecer as diferentes tipoloxías de centro para fixar avaliacións de riscos, con
especial atención a traballadoras e traballadores especialmente sensíbeis.
PLANIFICACIÓN DA ACTIVIDADE PREVENTIVA
Estabelecer medidas preventivas en función dos centros guía anteriores, definindo:
‣ Medidas correctoras
‣ Orzamento
‣ Prazos de execución
‣ Responsabilidade do cumprimento
PROTOCOLO DE ACTUACIÓN
- Información das medidas preventivas e formación para implementar esas medidas a todo o persoal e alumnado dos centros dirixida polos servizos de prevención coa colaboración de delegados e delegadas de prevención ou de persoal coa suficiente cualificación en materia de prevención de riscos laborais.
- Detección de traballadoras e traballadores sensíbeis e estabelecemento de criterios de actuación en caso de detección de positivos, sospeitosos de selo ou por teren
estado e contacto estreito con contaxiados ou posíbeis contaxiados.
- Aprobación dun Catálogo de medidas preventivas
PLAN DE CONTINXENCIA EN CADA CENTRO EDUCATIVO
Partindo do Protocolo xeral, cada centro educativo deberá aprobar un plan de continxencia no que se se adapte e se leve ao concreto o protocolo no propio centro para o seu persoal, identificando a persoa ou persoas responsábeis e remitíndoo ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral e ao Servizo de Prevención para coñecemento e control.
Medidas educativas
Neste apartado o documento recolle como principais propostas recuperar as carencias que esta situación de confinamento provocou nos colectivos máis desfavorecidos, con especial incidencia na atención á diversidade e o alumnado dos centros de educación especial, reducir as ratios, apostar por unha resposta estrutural ante os problemas educativos e non parches como os programas de reforzo que ten implementado nos últimos anos a Consellaría, potenciar a función da titoría, adaptar os currículos facéndoos máis flexíbeis e máis centrados nas competencias e menos no exceso de contados, fomentar estilos de aprendizaxe colaborativos e participativos, deseñar protocolos pedagóxicos para o ensino a distancia ou regular as especificidades que teñen determinadas ensinanzas como as de réxime especial (deseño, música e artes escénicas), idiomas, persoas adultas ou FP ante os dous escenarios que se contemplan para o vindeiro curso...
Medidas laborais
Nas medidas laborais, a CIG-Ensino fai fincapé na ampliación de efectivos para dar resposta á necesidade de distanciamento físico, a regulación do teletraballo e de todo o que ten que ver coa docencia online, a reorientación da función da inspección cara á colaboración, a mellora da coordinación pedagóxica, a compensación por parte da administración polo uso de medios propios...
Medidas sociais
A situación da pandemia que estamos a vivir puxo patas arriba o noso día a día e serviu para amplificar algúns problemas sociais que xa viñamos padecendo e aos que cómpre poñerlles solución por parte dos gobernos competentes. É o caso do sistema laboral que se amosou incompatible coa conciliación familiar, da fenda dixital que en Galiza xa é de por si acusada polas dificultades xeográficas pero á que se engade a fenda social, tamén moi importante e que está detrás da desconexión de moito alumnado neste último trimestre, a importancia da educación pública presencial como elemento de socialización e de equidade social, así como dos servizos complementarios que contribúen a esta igualdade (comedor, transporte..., así como os efectos dos recortes nos servizos públicos na incapacidade para atender unha situación de crise como a que estamos a vivir.