Máis do 9% das prazas das oposicións docentes xa se poden declarar desertas

195 prazas de promoción interna quedarán sen cubrir, xa que só se matricularon 81 persoas para as 276 prazas ofertadas pola Consellaría

Unha vez publicadas as listas de persoas admitidas e excluídas nas oposicións aos diferentes corpos docentes, confírmase un ano máis a farsa creada pola Consellaría de Educación á hora de vender como convocatorias históricas oposicións como a do 2018 ou a actual do 2019, ambas superando teoricamente as 2.000 prazas mais que nunca chegan a esas cifras.

Para vender estas ofertas de emprego a Consellaría bota man da oferta de prazas de promoción interna do grupo A2 ao A1 (paso dos corpos de mestres e profesorado técnico de FP ao corpo de secundaria). Fíxoo no 2018 coa oferta de 262 prazas para as que só se matricularon 113 persoas, concorrendo aos exames 85 e aprobando 21 persoas. Así nesa convocatoria só un 8% das prazas de cambio de corpo se cubriron finalmente. 

As cifras da convocatoria do 2019 vaticinan peores resultados xa que malia se incrementaren as prazas ofertadas de 262 a 276 (mais dun 5% de aumento) só se matricularon 81 persoas (unha diminución do 28%).

O engano de superar a cifra das 2.000 prazas

A Consellaría de Educación está máis preocupada de vender cifras que de negociar e analizar na Mesa Sectorial os efectos das ofertas de emprego sobre o persoal interino que leva anos ocupando prazas, nun escandaloso abuso da temporalidade. Así o fixo no 2018 cando vendeu que a oferta chegaba ás 2.050 prazas e de novo repetiu a operación no 2019 “chegando” ás 2.064. O máis insultante da oferta deste ano é que para poder afirmar que se superaba a oferta de emprego de 2018 engadiron 14 prazas….. de promoción interna que quedarán sen cubrir.

A realidade é, sen embargo, moi diferente. No 2018, tal e como denunciou a CIG-Ensino, só se cubriron 1.723 prazas, quedando un 16% das prazas desertas (327). A maioría destas prazas correspondíanse coas prazas de promoción interna (241). 

Todo parece indicar que esa porcentaxe de prazas desertas pode incrementarse este ano, xa que só tendo en conta a matrícula xa temos un 9,45% de prazas que non se cubrirán (195).

A Consellaría debería deixar de vender fume e enganar á opinión pública coas cifras infladas que proporciona e aplicar un mínimo rigor, sen faltar ao respecto a miles de aspirantes ao ensino público galego.

A CIG-Ensino reclama un verdadeiro concurso oposición e a cobertura de todas as prazas

Como sindicato maioritario no ensino público en Galiza chamamos a atención, un día despois de se celebrar o sorteo dos tribunais que xulgarán os procesos selectivos deste ano 2019, sobre a ausencia da fase de concurso que leva anos evidenciándose nas oposicións docentes e lamentamos que a Consellaría non asumira as nosas propostas para facilitar os traballos dos tribunais, coa redución da ratio de aspirantes por tribunal e a realización da fase de baremación por unha comisión técnica, a garantía ao máximo posíbel do anonimato das probas e a publicación diaria da notas das persoas que se examinan. 

Despois da reiterada negativa da Consellaría a nomear as presidencias dos tribunais por sorteo como lle propuxemos, desde a CIG-Ensino demandamos que se evite a repetición de persoas nesas presidencias.

Especialidade

ACCESO A2-A1 (xeral e discapacidade)

MATRICULA (listas provisorias)

Filosofía

8

0

Lingua Castelá e Literatura

18

4

Xeografía e Historia

18

8

Matemáticas

40

1

Física e Química

10

1

Bioloxía e Xeoloxía

12

1

Francés

18

1

Inglés

13

10

Educación Física

13

18

Tecnoloxía

15

1

Lingua Galega e Literatura

20

3

Economía

22

2

Administración de Empressas

17

1

Formación e Orientación Laboral

20

7

Informática

10

5

Organización e procesos de mantemento de vehículos

7

8

Organización e procesos de fabricación mecánica

5

7

Procesos na industria alimentaria

5

1

Sistemas electrónicos

5

2

Total

276

81

MÍNIMO DE PRAZAS QUE NON SERÁN CUBERTAS

195

 

Volver