Máis de 460 interinos e interinas de ensino secundario quedan sen traballo mentres numerosas necesidades dos centros seguen sen ser atendidas

Adxudicación destinos provisionais

Ante esta grave situación, a CIG-Ensino convoca a unha concentración para o mércores 16 de setembro, ás 11.30 horas, diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para esixir que se satisfagan as necesidades dos centros e que se adxudiquen prazas a todos os interinos e interinas.
Mais de 460 interinos e interinas de ensino secundario quedan sen traballo mentres numerosas necesidades dos centros seguen sen ser atendidas
 
A Consellaría de Educaciónvén de publicar a adxudicación definitiva do profesorado de secundaria, bacharelato e FP. Con esta adxudicación non se asigna praza a ningún profesor interino de Lingua Castelá e non se lles asigna praza a máis de corenta profesores ou profesoras interinos en cada unha das seguintes especialidades: xeografía e Historia, Matemáticas, Debuxo, Francés, Música e Lingua Galega, en conxunto 468 profesores, moitos deles con varios anos de servizo, pasan ao paro.
 
Resulta inadmisíbel que a Consellaría non atenda a petición de dotar de máis profesorado os centros, recortando os cadros de persoal destes, e que, porén, deixe sen traballo a máis de 460 profesores. Este recorte do profesorado supón un duro golpe á calidade do ensino público xa que vai ser imposible facer fronte ás necesidades educativas e á atención á diversidade. Non se poderá levar a cabo medidas tendentes a reducir o fracaso escolar xa que non haberá profesorado para implementar desdobres, unha atención personalizada e moito menos a redución de alumnos/as por aula. Esta adxudicación tamén confirma que numeroso profesorado terá que impartir materias das cales non é especialista o que suporá unha mingua lóxica na calidade da docencia e un empeoramento no traballo que ten que realizar o profesorado.
 
Ademais do profesorado interino sen posto adxudicado, hai tamén funcionarios en expectativa de materias comúns de secundaria aos que non se lles adxudicou posto de traballo aínda sendo funcionarios de carreira: Lingua castelá e literatura, Música e Lingua e literatura galega, entre outras.
 
Unha vez máis, evidénciase a necesidade dun acordo de estabilidade que evitaría que os interinos e interinas quedasen sen traballo e que os centros puidesen ter uns cadros de persoal máis amplos.
 
Ante esta grave situación, a CIG-Ensino convoca a unha concentración para o mércores 16 de setembro, ás 11.30 horas, diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para esixir que se satisfagan as necesidades dos centros e que se adxudiquen prazas a todos os interinos e interinas.

Volver