Arredor de 20 centros educativos participaron hoxe nas actividades do Correlingua na Coruña
O percorrido da carreira, como viña sendo habitual, foi nas inmediacións da Torre de Hércules onde tivo lugar a festa final coa actuación de Cuarta Xusta
Alumnado dunha vintena de centros dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Oleiros, Vimianzo, A Laracha, Carral, Laxe e Cerceda correu "literalmente esta mañá" polo galego ao longo do paseo marítimo coruñés e participou na festa final presentada por Isabel Risco, na que se entregaron premios, se leu o manifesto e se contou coa presenza da alcaldesa da cidade e na presentación do acto coa actriz Isabel Risco.
Despois do parón da pandemia o estudantado galego fixo gala do lema desta edición do Correlingua "Na casa, na escola, bota a lingua fóra" e volveu botar a lingua fóra correndo, esta vez na cidade da Coruña, para reivindicar o dereito a vivir en galego en cada unha das súas facetas, tanto dentro das aulas coma no ámbito do lecer. En total, participou estudantado dos centros da Coruña (CEIP ALBORADA - IES AGRA DE ORZÁN - IES Monelos - IES Fernando Wirtz - IES Elviña - Ceip Torre de Hércules), Arteixo (IES MANUEL MURGUÍA - IES da Pastoriza - CEIP Ponte dos Brozos), Cambre (IES DAVID BUJÁN), Oleiros (IES Miraflores - IES MARÍA CASARES - CEIP PLURILINGÜE DA RABADEIRA), Vimianzo (IES TERRA DE SONEIRA - CEIP BAÍÑAS), A Laracha (IES Agra de Leborís), Carral (IES DE CARRAL), Laxe (CPI Plurilingüe Cabo da Area) e Cerceda (CPI O Cruce).
Unha vez rematada a carreira, a carón da estatua de Breogán, tivo lugar a festa final coa actuación da banda A Cuarta Xusta, finalista nos premios Cantalingua deste ano, nun acto presentado pola actriz Isabel Risco, e no que interveu a alcaldesa da cidade, Inés Rey. Durante o mesmo deuse lectura ao manifesto desta edición do Correlingua, que foi elaborado nun obradoiro de escrita creativa organizado o ano pasado tamén no marco desta iniciativa nos centros de ensino, e fíxose entrega de distintos premios.
O Correlingua continuará durante todo o mes de maio como unha actividade que combina a parte reivindicativa e a lúdica nas seguintes cidades e vilas galegas:
Mércores 10 Ourense
Xoves 11 Lugo
Luns 12 Lourenzá
Martes 23 Ferrol
Mércores 24 Pontevedra
Xoves 25 Moaña
Venres 26 Compostela
Luns 29 Monforte
Mércores 31 A Estrada
As entidades organizadoras desta actividade, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino, chaman aos centros educativos do país a participar activamente tanto nos actos máis tradicionais de carreiras e concertos como nos obradoiros e concursos que, ano tras ano, intentan concienciar a miles de alumnos e alumnas da situación que vive o noso idioma e de como o seu futuro está nas súas mans "e sobre todo na súa lingua", como se reflicte no lema desta edición.