Máis de 2.200 estudantes participan na primeira xornada da XXV edición do Correlingua

Baixo o lema "A mocidade activa por unha lingua digna" deu comezo hoxe na Coruña a festa da lingua do mes de maio nos centros educativos de Galiza.

Con pancartas con frases como "defende o galego, defende o teu", "o galego non se toca, é a nosa raíz" ou "contáxiate de lingua", uns 2.200 estudantes de once institutos e colexios da Coruña, así coma doutros da Laracha, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Ponteceso ou Pontedeume inauguraron a edición deste ano do Correlingua que cumpre medio século de vida. A iniciativa, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino vén a encher o mes de maio de reivindicación e festas pola nosa lingua dentro e fóra dos centros educativos. 

O percorrido desta mañá transcorreu polo paseo marítimo desde o estadio de Riazor até a Torre de Hércules, onde rematou a carreira e tivo lugar a festa final que contou coa actuación da artista Pauliña e a animación de Isabel Risco. 

O alumnado do IES Breamo de Pontedeume foi o gañador do concurso de lemas desta convocatoria e foi o encargado de ler o manifesto desta ocasión. "A mocidade galega sae á rúa hoxe para demostrar á cidadanía que temos a forza e a determinación para defender o futuro da lingua. Porque somos unha mocidade comprometida. E nas nosas mans está manter o galego vivo", comezaba o discurso. O CEIP Juana de Vega de Oleiros recibiu o premio por ser a escola máis animada, mentres que o IES Agra do Orzán recibiu o galardón á mellor pancarta. 

Mañá o Correlingua fai parada en Cangas e Monforte, mentres que o xoves tócalle a Compostela e o venres a Vigo.

Volver