Máis de 11.000 sinaturas apoian a Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego

Tras cumprir co requisito exixido, continua o trámite lexislativo para que o conxunto obra de Castelao poda ser debidamente contemplada

Pilar García Negro, portavoz da Comisión promotora: “Castelao continúa duplamente enterrado para a poboación galega. O obxectivo da ILP é rematar coa ocultación da súa figura e da súa obra. Queremos que a utilización do seu nome non sexa en van”

Representantes da comisión promotora entregaron esta terza feira no rexistro do Parlamento Galego máis de 11.000 sinaturas que avalan a Iniciativa Lexislativa Popular “sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”.

A presidenta Galiza Cultura -entidade que agrupa as asociacións culturais-, María Pilar García Negro, o secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Marcos Maceira, e membros de asociacións culturais como Mª Antonia Pérez, de O Galo, Alberte Ansede, da Fundación Manuel María, ou Xoán Carlos Garrido, de Vagalume entregaron no rexistro do Pazo do Hórreo as sinaturas que permitirán que Castelao sexa o protagonista dun debate parlamentario sobre a necesidade de visibilizar a súa obra e a súa biografía.

“A tres semanas de seren entregadas as medallas que levan o seu nome podemos dicir que Castelao continúa estando duplamente enterrado para a poboación galega. Queremos que se se utiliza o seu nome non sexa en van”, explicou María Pilar García Negro ao tempo que defendeu a urxencia de mostrar a súa obra ara que sexa coñecida e apreciada.

“Cómpre sacalo do enterramento duplo ao que está a ser sometido e ter en conta a actualidade do seu pensamento xa que o debate político que está a haber agora está perfectamente guionizado en moitas das páxinas que el escribiu”, engadiu García Negro que lamentou que boa parte da súa obra non estexa exhibida nin ao dispor do pobo galego. En especial, citou a obra “A derradeira lección do mestre”, que se atopa en Arxentina e da que se pide o retorno na propia ILP.

En canto ao resultado da tramitación parlamentar da ILP, García Negro mostrou a súa confianza en que “deputados e deputados se comporten como xente ilustrada e que fagan honra ao patriota, pensador e artista sen o cal ninguén estaría agora como representante no Parlamento galego”, dixo, destacando, neste caso que foi o propio Castelao o que “resgatou o Estatuto e conseguiu a súa tramitación parlamentaria e a aprobación nas Cortes”.

Cando se vai conmemorar en 2016 o centenario das Irmandades da Fala, García Negro lembrou que Castelao é un dos seus impulsores polo que reclamou tamén para el unha maior atención de cara ao vindeiro ano.

A ILP demanda o “acceso público e aberto a través da rede de Internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego” das case 4.000 obras da súa autoría. Desde a súa presentación pública, desde Galiza Cultura e as outras entidades promotoras desenvolvéronse actos por todo o país para buscar apoios e difundir o contido da ILP e, alén diso, a propia obra e figura de Castelao.

 


Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego. 

É un feito incuestionábel a ausencia e desatención da Historia de Galiza e das súas manifestacións culturais no sistema educativo, nos medios de comunicación públicos e na inmensa maioría dos privados, así como nos organismos dedicados a velar polo noso patrimonio artístico e natural. A Xunta, a  administración pública galega, é a principal responsábel deste desleixo calculado que non fai máis que repercutir negativamente na conciencia social galega, en forma de ignorancia e falta de autoestima  sobre o  propio país.

Dentro desta desatención histórica e cultural é especialmente significativa a ignorancia e desprezo sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ambas multifacéticas, de valor  incuestionábel e moi representativas do mellor que deu Galiza na política, na arte e na literatura nunha etapa tan crucial da nosa historia como foi a primeira metade do século XX.

Da importancia simbólica de Castelao dá conta o feito de que os seus restos mortais fosen trasladados  en xuño de 1984 desde o cemiterio da Chacarita en Buenos Aires, onde morrera no exilio en 1950, ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval.  O tempo demostrou cal era a verdadeira intención dos que, desde a institución autonómica, dirixían a operación: lexitimar o marco autonómico e facerlle  un segundo enterro, que algúns quererían definitivo.

Desde 1986, en que se celebrou o centenario do seu nacemento por parte do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galiza, a única lembranza oficial do seu nome é a utilización do mesmo para a concesión dunhas medallas que se entregan a diferentes persoeiros con carácter anual e que ocultan a falta de actuación real.

No ano 2000 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural, mais nunca se chegou a efectivizar tal decisión.

Por outra parte, de maneira puntual, aparece en boca de figuras políticas que logo se esforzan en perpetuar o descoñecemento do que é a personalidade nacional galega de maior relevo do século XX. O novo Rei de España, na súa investidura, fixo uso do seu nome de forma desleixada e equívoca, dando a entender que era un poeta da posguerra. O Presidente da Xunta acode a citalo con frecuencia para afirmar que a historia xa se encargou de superalo, e para xustificar políticas moi contrarias ao seu ideario. Esta invocación a Castelao, lonxe de ter consecuencias prácticas no sentido de promover un maior coñecemento da súa figura e da súa obra pola sociedade galega, tivo como resultado unha calculada ocultación que se agudizou nos últimos 25 anos. Só un pobo que descoñece unha obra tan valiosa pode permitir que se lle negue na práctica o acceso a ela.

Por todo isto, os miles de persoas asinantes desta Iniciativa Lexislativa Popular consideramos que chegou o momento de que as citas retóricas e baleiras vaian acompañadas de feitos prácticos. Esiximos que se acabe, de unha vez por todas, coa censura, ocultación, descoñecemento e ignorancia sobre a figura e a obra multifacética de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Que, de unha vez por todas, poda ser contemplada debidamente toda a súa obra artística. Que sexa de fácil acceso a súa obra literaria, tamén a ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo. Que a historia de Galiza en xeral, e en particular, o período en que desenvolveu Castelao o seu labor, ocupe o lugar debido na formación escolar e académica. Que, sen máis dilacións nin subterfuxios, a Xunta de Galiza se preocupe de catalogar toda a obra de Castelao e establecer un plano de colaboración entre as distintas institucións e organismos, públicos e privados, que posúan obras, informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista coa finalidade de que podan ser  coñecidas e contempladas  en exposición pública e estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. Só así o pobo galego coñecerá e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e obra que por el foi motivada e que ten nel o  seu principal destinatario.

Artigo 1.

É obxecto da presente Lei impulsar as actividades a desenvolver pola  Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Artigo 2. 

A Xunta de Galiza realizará a catalogación de toda a obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas e privadas, que posúen en propriedade obra de Castelao.

Artigo 3.

A Xunta de Galiza definirá un espazo museístico, de dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realizará as xestións necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que poda ser contemplada na súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza. 

Artigo 4.

A Xunta de Galiza, polo seu valor e simbolismo,  emprenderá as xestións oportunas para que se adquira ou para que se ceda o cadro “A derradeira lección do mestre” e trasladalo desde Buenos Aires a Galiza para ser exposto, nas debidas condicións, xunto ao  conxunto da súa obra, no  espazo museístico que se define no artigo anterior.

Artigo 5. 

A Xunta de Galiza divulgará o coñecemento da multifacética obra de Castelao, por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX. Dun xeito singular:

  1. Impulsará a introdución, a través das disposicións e instrucións pertinentes,  no sistema educativo, de forma transversal, da obra de Castelao.
  2. Asumirá o compromiso de espallala tamén a través dos medios escritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta.
  3. Facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego 

Artigo 6

A Xunta xestionará a sinalización, accesibilidade e promoción dos espazos relacionados coa vida e obra de Castelao.

Disposicións finais 

Primeira.-Facúltase ao Consello da Xunta de Galiza para a adopción das disposicións regulamentarias e cantos acordos executivos sexan precisos para o cumprimento efectivo e desenvolvemento desta Lei. 

Segunda.-A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galiza. 

Volver