Máis de 100 membros de equipos directivos reunidos en Asemblea convocada pola CIG-Ensino e celebrada en Compostela fan público o seguinte comunicado

Conclusións Asemblea de Directores

Máis de 100 membros de equipos directivos reunidos en Asemblea convocada pola CIG-Ensino e celebrada en Compostela rexeitan a enquisa para atacar o galego e reclaman que se lle exima de responsabilizarse dese traballo alleo aos seus cometidos.
Máis de 100 membros de equipos directivos reunidos en Asemblea convocada pola CIG-Ensino e celebrada en Compostela fan público o seguinte comunicado:
 
1. A actitude da Consellaría de Educación, impedindo que o profesorado poida emitir a súa opinión sobre a chamada “consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia”, vulnera  dereitos fundamentais como é o da liberdade de expresión e de cátedra , pretendendo converter os centros nunha canle de pensamento único e adoutrinamento parcial e sesgado.  Non deixa de ser paradoxal que a Consellaría emita esta consigna cando ela é a primeira en cuestionar o Decreto vixente, malia que a súa legalidade foi confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e despois de insistir na mentira da imposición.
 
2. A Consellaría usa de xeito partidista a educación e censura opinións diferentes á súa, que o único que procuran é dar outra opinión a quen se lle pide que participe nunha consulta amañada, prohibindo que se dea información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidas na actual normativa.
 
3. Como profesores e profesoras e membros dos equipos directivos imos actuar segundo o noso  criterio sen deixarse intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político. Neste sentido esiximos a retirada das notificacións enviadas ao centro por represivas e ilegais.
 
4. Denunciamos a irresponsabilidade da Consellaría de Educación que non ten reparo, no momento de máis traballo nos centros, coincidindo co fin de curso, en cargar sobre as direccións, en contra da súa vontade, con encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, esixíndolle ao mesmo tempo a custodia destes documentos e obrigándoos a recoller datos que poden conculcan a Lei de protección de datos..
 
5. Obrígasenos a responsabilizarnos da vixilancia dunha chapuza xurídica que non cumpre ningunha garantía mínima. Dun inquérito tendencioso que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego. Co único obxectivo de xustificar a involución na normalización lingüística  e restrinxindo, exclusivamente ás familias que nestes momento teñen alumnado escolarizado, o dereito a opinar, cando o sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade..
 
6. Resulta paradoxal que se nos estea anunciando recortes na calidade do ensino (supresións de prazas, agrupamentos,...) coa escusa da crise e se leve a cabo este dispendio en recursos económicos para atacar á nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise.
 
Polo anteriormente dito rexeitamos esta enquista e reclamamos que se nos exima de responsabilizarnos deste traballo alleo aos nosos cometidos.

Volver