Lugo e Ourense vibraron co Correlingua na semana previa á celebración das nosas Letras

Máis de 30 centros educativos participaron nas dúas capitais de provincia correndo e botando a lingua fóra nos concertos e actividades organizadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino

Na semana previa á celebración do día das Letras o Correlingua fixo parada tamén nas cidades de Lugo e Ourense contando coa presenza de centos de alumnos e alumnas procedecentes de máis de 30 centros das dúas provincias. Hoxe, cita especial en Lourenzá, localidade natal do homenaxeado este ano, Paco Fernández del Riego.

O pasado 10 de maio as rúas de Ourense acolleron a tradicional marcha pola lingua con parada na praza Maior e fin de festa no Auditorio Municipal con concertos a cargo das bandas Cuarta Xusta e A Run Run e como animadora e presentadora Isabel Risco. Durante este acto, dividido en dúas quendas, o alumnado do CPR Cardenal Cisneros e do CPR Concepción Arenal foi o encargado de ler o manifesto e contouse coa actuación de estudantes de 3º e 4º da ESO do CEIP O Couto. Ademais destes centros do Concello de Ourense participaron tamén o CPR Seminario Menor Ourense A Inmaculada, o CPR Salesianos, o IES 12 de Ourtubro, o CEIP PLURILINGÜE IRMÁNS VILLAR, o IES O Couto e o IES Eduardo Blanco Amor da localidá ourensá. Doutros concellos houbo presenza de centros de MACEDA, o IES SAN MAMEDE; de CARTELLE, o CEIP San Marcos; de CEA, o CPI VIRXE DA SALETA; IES de Allariz, o CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro e o CEIP Filomena Dato de BARBADÁS e da POBRA DE TRIVES o IES Xermán Ancochea Quevedo.

A Muralla, protagonista na carreira de Lugo

En canto á capital lucense foi o día 11 cando se deron cita 15 centros da provincia, tanto da capital, como dos concellos de Sarria, Becerreá, Vilalba, Baralla, Guitiriz, Cervantes e As Nogais. O punto de saída e de chegada foi a Praza de Santa María con percorrido pola Muralla e polas rúas próximas ao casco histórico. En concreto participaron os seguintes centros: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Lucus Augusti, Ceip de Casás, IES XOÁN MONTES, EEI Fingoi nº 2, IES Sanxillao, IES Xograr Afonso Gómez, IES Gregorio Fernández, IES de Becerreá, IES Santiago Basanta Silva, CPI Luís Díaz Moreno, IES Poeta Díaz Castro, CPI de Cervantes e CEIP das Nogais. 

A festa-concerto final contou coa presentación de Fran Rei e a actuación da banda gañadora deste ano do Cantalingua, o certame no que participaron este ano 35 bandas e solistas cos seus temas en galego. O xurado deste concurso está aberto á participación de alumnado da ESO. Mekánika Rolling Band é un grupo de animación de rúa, que conta cun escenario móvil autoamplificado, e que incorpora efectos visuais de lume e pirotecnia a parte dun show enérxico, participativo e dinámico. Conta cunha traxectoria de 15 anos, nos que xiraron por toda a península e parte de Europa, exportando a música galega pola Península e a países como Alemania, Austria, Francia e Italia. A banda está formada por Nolo Chazo a Batería, Pepe Noya ó baixo, José Hermo a guitarra, Martín Chenlo ó trombon, Adrián Trillo ó saxo alto, Daniel Vieito ó saxo tenor e voces e Aitor Garcia ó keytar e voces. No ano 2017, foron semifinalistas no Concurso GOT TALENT SHOW de Telecinco e desde hai 5 anos, lideran o Ranking da plataforma Orquestas de Galicia facendo unha media de 90 concertos por temporada. No acto tamén interviu a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Ferreiro, e o alumnado do IES ánxel Fole, encargado da lectura do manifesto. 

Hoxe día grande en Lourenzá e a partir da semana que vén, moito máis

A actividade do Correlingua organizada desde hai 21 anos polas entidades A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino para combinar reivindicación e lecer arredor da defensa da nosa lingua non se detén e hoxe estará en Lourenzá, dado que é a localidade natal do homenaxeado este ano polo día das nosas Letras, Francisco Fernández del Riego. Mais para o que resta do mes están aínda programadas máis actividades en cidades e vilas galegas, como vén sendo habitual.  Este é o calendario previsto:

Vigo

[Luns] 22 de Maio de 2023

Ferrol

[Martes] 23 de Maio de 2023

Pontevedra

[Mércores] 24 de Maio de 2023

O Morrazo-Moaña

[Xoves] 25 de Maio de 2023

Compostela

[Venres] 26 de Maio de 2023

Monforte

[Luns] 29 de Maio de 2023

A Estrada

[Mércores] 31 de Maio de 2023
 

Volver