
Lingua Vital Xa!
O proceso Lingua Vital bota a andar en Compostela, despois da multitudinaria manifestación do 17M
Entidades, colectivos e organizacións de toda Galiza (entre as que se atopan a CIG e a CIG-Ensino) constituíron a pasada fin de semana en Compostela o proceso social Lingua Vital, co obxectivo de “conseguir avances na normalización da lingua galega” e “garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos”, como recollen os acordos e nacionais e internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea das Lingua Rexionais e Minorizadas (2001) ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
Este proceso recolle o malestar amosado pola sociedade galega nas multitudinarias mobilizacións de febreiro e maio de 2025 e de novembro de 2024, cando milleiros de persoas saíron á rúa para denunciar que estes acordos non se están a respectar, que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles, acelerando a tendencia negativa no uso do galego e acadando unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.
As 60 entidades galegas de todos os ámbitos integradas no proceso Lingua Vital Xa (entre as que está a CIG e a CIG-Ensino) comprometéronse, de cara ao último trimestre deste ano, a organizarse en grupos de traballo nos que avaliar de xeito sectorial o grao de cumprimento e efectividade das medidas contempladas no PXNLG.
Tamén identificar os principais obstáculos para a efectivización das medidas incumpridas, detallando que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución; e propor un calendario de accións normativas e executivas concretas para o cumprimento e materlización das medidas do PXNLG, da CELRM, da DUDL e do PGDL.
Xunto a isto, acordouse fixar os mínimos que cada entidade social está en condicións de asumir na súa acción diaria na medida en que poden producir un efecto normalizador no seu ámbito; e, finalmente, a acadar un compromiso de aplicación polas institucións públicas.