Lanzan o manifesto pola recuperación de dereitos e a devolución do horario lectivo do profesorado galego

O camiño trazado cara á folga no ensino do 12 de decembro segue o seu rumbo co lanzamento do manifesto unitario, que terá un protagonismo especial na manifestación con saída ás 12 da Praza de Cervantes.

No texto, entre outras cuestións, destácase o empeoramento das condicións de traballo docentes tras os recortes practicados polos gobernos do PP: incremento das ratios, desatención á diversidade, recortes orzamentarios, perda de máis de 1.000 postos de traballo en Secundaria, redución de apoios e denegación de desdobres, aumento das itinerancias e da impartición de afíns, etc. e insístese en que a devolución do horario non significa traballar menos senón poder facelo en mellores condicións para aumentar a calidade do ensino público.

Sen sinais de que a Consellaría tomara nota do malestar e das problemáticas que sofre o profesorado galego froito das súas políticas de recortes, a folla de ruta iniciada cara á folga do ensino o 12 de decembro segue o seu camiño hoxe co lanzamento do manifesto subscrito por todas as organizacións convocantes e que será lido durante a manifestación convocada para ese día e que partirá da praza de Cervantes ás 12 da mañá.

No documento sinálase a importancia de volver aos 18 períodos lectivos en secundaria, que desde sempre tivo este corpo docente, e que permitiría, entre outras melloras, recuperar os máis de 1.000 postos de traballo perdidos coa aplicación da suba aos 20 períodos lectivos decretada por Rajoy no ano 2012. Así mesmo tamén serviría para reducir as afíns e a ratio de alumnado por aula sobre todo nas áreas urbanas, aliviar a sobrecarga de traballo burocrático actual, recuperar os desdobres que permiten unha mellor atención individualizada do alumnado...

No caso de infantil, primaria e educación especial no manifesto sinálase que a recuperación das 21 horas, fronte ás 25 actuais, significaría recuperar un dereito que foi froito dun acordo coa administración galega no ano 2007 e que permitiu reducir as diferenzas entre os distintos corpos docentes e tamén entre as mestras do mesmo centro educativo. A ampliación horaria nestes corpos foi aplicada por Feijóo mesmo antes que no resto do Estado no ano 2011 e supuxo, tal e como se recolle no manifesto que “a Consellaría mantivo formalmente os mesmos cadros de persoal durante este tempo mais non en todos os centros. Naqueles nos que puido reducir apoios en infantil ou persoal das especialidades de atención á diversidade, aplicou a tesoira con contundencia, aumentando as itinerancias e a impartición de especialidades nas que non somos especialistas”.

Por último, no texto tamén se fai referencia ao desprestixio social da función docente e dos servizos públicos en xeral, alimentado polas administracións que defenden a súa privatización, á xestión antidemocrática dos centros introducida pola LOMCE e á desgaleguización atroz do ensino público froito das políticas lingüicidadas de Feijóo e do PP na Xunta. Pero o profesorado galego avisa: 

Cargamos sobre as nosas costas na última década o peso dos recortes e agora dicimos que abonda xa. Como docentes non estamos dispostas a seguir nas mesmas condicións. Non renunciamos a nada (…) O primeiro paso é recuperarmos os nosos horarios lectivos, coa intención de mellorar a calidade do ensino público. Facelo é de xustiza. Conseguilo vai ser o noso obxectivo”.

Volver