IV Xornadas de historia. A nosa historia facémola nós

Paseos histórico-pedagóxicos.

1.A Capela Real da Catedral de Santiago.

Durante esta xornada á que asistiron un total de 83 docentes, realizamos catro percorridos didácticos que resumimos a seguir e dos que achegamos documentación gráfica e ligazóns  a material didáctico relacionado.

Da man de Ramón Yzquierdo, director técnico do museo da Catedral e persoa responsable do estudo e posta en valor do Panteón Real, coñecemos o sepulcro atribuído ao Conde de Galicia Raimundo de Borgoña, o da raíña Berenguela, o de Pedro Froilaz ou Conde de Traba, da Raíña Xoana de Castro,  do Rei Afonso IX e o do seu pai o Rei Fernando II. Este último, personaxe esencial para a finalización das obras da catedral e a construción do Pórtico da Gloria, outorgándolle en 1168 unha renda vitalicia ao Mestre Mateo.

Tamén puidemos ver de cerca o “Tombo A” no que se recolle documentación e unha galería de fotos rexias.

Na seguinte ligazón pódese acceder a máis información e mesmo a un proxecto educativo dirixido ao alumnado: https://panteonrealdecompostela.gal/

2. Espazos de Asorey en Compostela.

Mercedes Espiño levounos por distintos lugares de Santiago para ver de cerca e escoitar as explicacións de diferentes obras de Francisco Asorey: desde o monumento a San Francisco, pasando por distintas placas como a de Enrique Mayer ou Bernardo Barreiro ata o petador do pazo de Vaamonde, entre outras obras que se esparexen por Compostela. Quixemos así coñecer algo máis  deste autor e renderlle un recoñecemento aproveitando que este ano se lle adica o Día das Artes Galegas.

Pódese consultar o percorrido completo no folleto elaborado por Mercedes Espiño e tamén unha serie de obras ás que non se puido acceder fisicamente o día da actividade por estar pechados os lugares onde se atopaban.

3. O traballo de Compostela en feminino

O traballo de Compostela en feminino foi o título do terceiro percorrido polo que nos guiou Encarna Otero. Coas explicacións desta historiadora, especialmente comprometida coa historia das mulleres, pisamos os espazos das lavandeiras na zona do Sarela e das costureiras nas zonas do ensanche onde se localizaron importantes fábricas textís, para rematar na praza de abastos directamente relacionada co traballo feminino vinculado ao abastecemento de alimentos.

Nas seguintes ligazóns podemos acceder aos folletos informativos aos que aludiu a relatora durante o percorrido e a distintas páxinas nas que atopar  ademais materiais didácticos sobre o tema:

https://tm.santiagodecompostela.gal/

https://mulleresencompostela.gal/

Dentro dos seus Paseos por Compostela con mulleres podemos escoitar as “Mulleres nas industrias de Compostela” https://ateneodesantiago.gal/index.php/radio/programas/33/paseando-por-compostela-con-mulleres/podcasts/518/mulleres-nas-industrias-de-compostela

https://ateneodesantiago.gal/index.php/radio/programas/33/paseando-por-compostela-con-mulleres/podcasts/524/chelo-pineiro-vella-unha-traballadora-na-fabrica-de-age

4. Camiñamos pola Compostela medieval

Camiñamos pola Compostela medieval xunto coa tiktoker Sara Seco e co profesor Carlos Callón que nos explicaron unha serie de aspectos da nosa historia non moi coñecidos como a razón do nome da rúa da Raíña, certas historias silenciadas como a da parella de mulleres que viviu hai 800 anos na rúa da Moeda Vella e das que sabemos polo testemuño dunha cantiga do trobador Joám Vásquez de Talaveira ou o contido do Libro de Horas de Fernando I e Sancha I, que se conserva na biblioteca da USC. O fío condutor do percurso foi a recuperación da memoria do reino galego, dándolle voz aos diferentes grupos sociais que o conformaban, incluídas as mulleres e as relacións non heterosexuais documentadas nas rúas de Compostela.
https://www.instagram.com/reel/C5EndH1sIKL/?igsh=eG1lNWtqMzZ5aDBz
https://www.tiktok.com/@sarasecorial/video/7351413118561488161

https://www.xerais.gal/libro/xerais-universitaria/vidas-e-historias-lgbt-da-idade-media-carlos-callon-9788411106085/

Volver