Intensa xornada de Correlingua en Compostela con moita música, convivencia e enerxía a prol do galego

Terceiro día de Correlingua no que participaron arredor de 1400 estudantes que percorreron a capital galega suscitando moito interese entre veciñanza e visitantes.

A nosa lingua mantense viva entre a cativada e a mocidade que un día máis a defendeu con fachenda e alegría polas rúas neste caso de Compostela. Arredor de 1.400 estudantes de 17 centros estaban inscritos na actividade lúdico reivindicativa que desde hai 25 anos desenvolven a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ao longo do mes de maio en diversas vilas e cidades galegas. Hoxe o bo tempo acompañou e tamén a forza e a enerxía por reivindicar vivirmos e medrar en galego con normalidade. 

 

O alumnado e profesorado participante portaron camisetas, cartaces, estandartes e pancartas feitos para a ocasión. Houbo tamén actuacións musicais improvisadas e ensaiadas da nosa música tradicional, con moito son de pandeiretas e algunha gaita e bombos, así como coplas e versións de pezas máis modernas compostas para a ocasión. A implicación da comunidade educativa foi un ano máis exemplar e a carreira, que nesta ocasión tivo dous percorridos para adaptarse ás idades do alumnado participante, transcorreu polo casco histórico de Compostela suscitando moito interese por parte da veciñanza e sobre todo por parte dos miles de visitantes que ateigan Santiago estes días.

O traxecto comezou e rematou na Alameda compostelá e a festa final tivo lugar no palco da música ao que Isabel Risco, a encargada de amenizar o acto, se referiu en varias ocasións como o "noso torreiro". Houbo entrega de premios ás mellores pancartas e á mellor animación, unha mención especial para o profesorado e alumnado do CEE A Barcia pola súa participación activa e moita música e boas vibras. A actuación final correu a cargo da banda Mekánika Rolling Band que durante media hora fixeron saltar e bailar a mestras, profes e sobre todo á ampla variedade de asistentes, desde peques de infantil até rapazada de instituto.

Centros participantes

Entre os centros inscritos atopábanse os composteláns CEE A Barcia, Compañía de María, IES Arcebispo Xelmírez I, CEIP Pío XII, CEIP Monte dos Postes, CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Ramón Cabanillas, IES Arcebispo Xelmírez II, CEIP Agro do Muíño, CEIP Xixirei, CEIP López Ferreiro e IES Rosalía de Castro, ademais do CPI Ponte Carreira (Frades), o CPI de ZAS (Zas), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Xulián Magariños (Negreira) e o IES FéliX Muriel (Rianxo).

Quedou adiada por mor da previsión de choiva a xornada de mañá do Correlingua en Vigo.

Volver