Instrucións para o novo curso: a Consellaría segue adiante sen contar con ninguén

Na liña do camiño encetado co protocolo, a Consellaría vén de publicar, a escasas 24 horas do inicio das vacacións do profesorado en xeral e as equipas directivas en particular, unhas instrucións que non contaron con ningún tipo de contraste e opinión

Aos traballos incluídos no protocolo que se lle encomendan ás equipas directivas e que xa por si son inasumíbeis se se queren facer con rigor e o tempo necesario, agora as instrucións de carácter educativo publicadas na web da Consellaría, inclúen aínda máis cometidos para un inicio de curso deseñado por cargos políticos que demostran vivir de costas á realidade da xestión dos centros educativos.

Estas funcións que agora se indican son, maioritariamente, moi necesarias mais serán de difícil execución pola sobrecarga de traballo que implica o protocolo e que, como a denunciou reiteradamente a CIG-Ensino, supón a evasión de responsabilidades da administración educativa, deixando que recaian no profesorado en xeral e nas equipas de dirección en primeiro termo.

Programacións didácticas adaptadas a unha realidade que se descoñece e para a que non sabemos se a Xunta está preparada.

Hai numerosas referencias aos diversos escenarios nos que os centros educativos terán que se desenvolver o traballo no próximo curso e que implican que as programacións didácticas se teñan que adaptar a eles (presencial, semipresencial ou a distancia) mais tanto neste documento como no propio protocolo non se recolle ningún compromiso por parte do goberno galego para que tanto profesorado como alumnado teñan garantido o acceso á teledocencia (medios proporcionados pola Consellaría, conectividade garantida, etc..). Polo tanto, o que se lle pide ao profesorado é que faga unha adaptación das programacións didácticas sen saber se van poder levarse á práctica.

A doutrina Feijóo do custo cero mantense.

Fronte á necesaria e demandada ampliación dos cadros de persoal para poder contemplar unha mellor reposta ás necesidades do novo curso escolar, a Consellaría mantén a doutrina Feijóo do custo cero, recorrendo de novo á mentira e a ocultación de información. A Consellaría chega a afirmar na nota informativa do seu portal web que a contratación de profesorado a maiores se coñecerá cando estean pechados os datos de matrícula “en todas as etapas”. Unha vergoña, se temos en conta que en Infantil e Primaria xa se coñece nestes momentos a matrícula do curso 2020/21 e que a situación  extraordinaria do último trimestre deste curso, tamén nas decisións sobre avaliación e promoción, fan posíbel ter unha foto practicamente final de como serán os cursos da ESO e o Bacharelato, polo que en todas etapas educativas se podería saber xa con certeza cales son as necesidades que se terán que atender. Obviamente, a Xunta prefire non revelar agora eses datos para non quedar en evidencia.

Dotación de profesorado

Recorte da nota da páxina da Consellaría

Ademais do profesorado que se incorpore aos centros para facer posibles os desdobramentos precisos a Consellería de Educación dotará os centros de profesorado de apoio e reforzo a través dos contratos programa e do programa ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación), e que poderán colaborar no desenvolvemento das devanditas  medidas.

O número concreto  de docentes que a Consellaría de Educación contratará a maiores darase a coñecer unha vez estean pechados os datos de matrícula do vindeiro curso 2020/2021 en todas as etapas educativas non universitarias.

Os contratos programa fronte á ampliación de cadros de persoal.

A CIG-Ensino xa se ten pronunciado en contra do modelo de contratos-programa como síntoma dunha política de parches na atención educativa fronte á necesaria dotación de máis medios e máis persoal fixo nos centros. Estes programas, que se xustificarán co argumento de fornecer con docentes de apoio para afrontar as necesidades do novo curso escolar, parten dun erro de concepción xa desde as súas orixes e do que é tan responsábel o goberno español como o galego.

Os contratos programa como o ARCO ou O PROA nacen maiormente de partidas finalistas creadas polo MEFP, cando para a CIG-Ensino, o que se debería facer desde o Ministerio é pactar coas CC.AA. a creación de fondos para a contratación de máis docentes para ampliar os actuais cadros de persoal, mesmo que fose con carácter puntual e transitorio.

Os contratos programas, tal e como foron concibidos até o momento, non son universais nin garanten que se dea o mesmo trato a todos os centros. Esta modalidade de contratación incide na precariedade, xa que a inmensa maioría son contratos a media xornada e non teñen as mesmas competencias que o resto do profesorado. Para a CIG-Ensino a alternativa é reforzar con máis docentes a tempo completo e que formen parte a todos os efectos do cadro de persoal.

Ligazón ás instrucións publicadas hoxe 30 de xullo pola Consellaría de Educación

Volver