Instrucións para o desenvolvemento da FP no curso 24/25. Principais novidades

A Consellaría vén de publicar na súa web as instrucións que desenvolverán as ensinanzas de FP o vindeiro curso e as relativas á implantación da reforma de FP nos primeiros cursos dos graos D e E.

Despois das negociacións que tiveron lugar na Mesa Sectorial e no Consello Galego de FP (CGFP), as instrucións publicadas incorporan novidades, algunhas na liña do que defendeu a CIG-Ensino e outras non, tal e como se pode ver a continuación.

O pasado 10 de xullo a Consellaría publicou na súa web (pendente de saír no DOG): 

Nos documentos publicados destacan certas novidades que afectan directamente ás condicións laborais do profesorado e que se resumen nos seguintes apartados:

1.- O próximo curso a reforma de FP só se aplicará en primeiro curso da oferta ordinaria, modalidade presencial e réxime dual xeral dos graos D (é dicir, ciclos básicos, medios e superiores) -agás ciclos LOXSE- e dos graos E (cursos de especialización). É dicir, non afectará á oferta modular, ás modalidades semipresencial e a distancia e ao réxime dual intensivo. 

2.- Desaparece o módulo de FOL, que se substitúe por Itinerario Persoal para a empregabilidade (IPE, agora tamén obrigatorio na FP básica) e incorpóranse dous módulos novos curriculares en todos os ciclos medios e superiores: Inglés profesional I e Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo. 

3.- A Consellaría rectificou e admitiu, aínda que só parcialmente, a demanda da CIG-Ensino ao respecto da nova reordenación horaria dos ámbitos na FP Básica. Dado que para incluír o novo módulo de IPE era preciso reducir dúas horas semanais nestes optou por facelo reducindo 1 a cada un deles. Porén, dentro do de Comunicación e Sociedade a súa proposta inicial era esta:

Finalmente a redacción quedou do seguinte xeito: 

  1. MP3011_13 Comunicación en linguas galega e castelá I: 88 horas.
  2. MP3011_23 Comunicación en lingua inglesa I: 59 horas.
  3. MP3011_33 Sociedade I: 28 horas.

A CIG-Ensino considera que non é de recibo que a carga horaria da unidade formativa de lingua inglesa (59 horas, 1 máis ao respecto da primeira proposta) sexa superior á de cada un dos idiomas cooficiais de Galiza:  lingua e lingua castelá (44 horas cada unha). É certo que na súa proposta inicial tiñan só 29 horas cada unha pero a CIG-Ensino considera que a distribución da carga lectiva resultante da modificación debería ser máis equitativa, reducindo a unidade de lingua  inglesa para que non sexa a de Sociedade a que sufra o maior recorte. O sindicato lembra que esta unidade fomativa de Sociedade debe ser impartida en galego, algo que nalgúns centros non acontece. 

4.- Implántase a dualización de toda a oferta formativa de graos D destas ensinanzas (non así nos CE), coa que se amosou moi crítica a CIG-Ensino. 

No réxime dual xeral, que será no que se aplique a reforma o vindeiro curso, o alumnado terá que adquirir entre o 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais en empresa ou organismo equiparado. Con todo, a Consellaría de Educación introduce unha aclaración, que non estaba incluída no borrador destas instrucións que pasou pola Mesa Sectorial e polo CGFP, e que deixa aberta a interpretación de que tamén nos novos módulos de competencias básicas que se van introducir nos currículos dos ciclos o vindeiro curso se poidan adquirir RAs nas empresas. 

4. A formación na empresa ou organismo equiparado recollerá entre o 10 % e 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais do ciclo:

  1. a) No caso dos ciclos formativos de grao medio e superior, todos os módulos poderán ser susceptibles de incorporar formación na empresa ou organismo equiparado.
  2. b) No caso dos ciclos formativos de grao básico, só se considerarán os resultados de aprendizaxe do ámbito profesional.”[nbsp]

5.- A Consellaría mantén a súa decisión de que a formación na empresa ou organismo equiparado obrigatoria pola nova normativa se realice no segundo curso (400 h en ciclos básicos e 500 en medios e superiores) deixando que no primeiro curso se realicen a maiores 80 horas nos ciclos básico e 200 horas nos de grao medio e grao superior.

A decisión de que o alumnado vaia ou non á empresa en primeiro corresponderalle colexiadamente ao equipo docente, alqo que a CIG-Ensino considerou esencial. O alumnado que non vaia á empresa seguirá coa súa formación no centro educativo segundo o establecido no currículo correspondente a cada ensinanza. 

6.- Para que o alumnado poida ir á empresa ten que ter mínimo 16 anos e ter superadas as unidades formativas de Prevención de Riscos Laborais (30 h en ciclos básicos e mínimo 50 en medios e superiores). Así mesmo, o profesorado que imparta módulos profesionais que teñan RAs relacionados coa PRL tamén os deberá impartir a comezos de curso.

7.- Os CE de Audiodescrición e subtitulación, de Cultivos celulares, de Fabricación intelixente, de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, de Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, e de Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias terán período formativo en empresa incluído no seu contido curricular. 

8.- A atribución docente do módulo de Inglés profesional corresponderalle ao profesorado especialista de Inglés de Secundaria pero nas intrucións inclúese expresamente que tamén poderá impartilo profesorado de FP con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística en Inglés que corresponda ao nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ou excepcionalmente ao B2. A CIG-Ensino amosouse de acordo coa inclusión deste punto sempre e cando esta impartición sexa de carácter voluntario e sirva para completar horario do profesorado das especialidades de FP. 

9.- Titoría de ciclos/titoría dual de centro. A Consellaría nas Instrucións xerais para o desenvolvemento da FP no curso 24/25 no apartado 9.1 inclúe expresamente como novidade que o profesorado de FP poderá completar horario no momento da súa configuración"coa realización da titoría da formación na empresa ou organismo equiparado no primeiro curso da oferta ordinaria".

No apartado 10 relativo á Titoría de Ciclos mantén a mesma redacción que remite ao artigo 84 da Orde do 1 de agosto de 1997, que permitía que a titoría de ciclos sexa de até 3 horas semanais, aínda que é certo que elimina con respecto ás instrución publicadas en cursos pasados que esta corresponde a segundo curso.

Por último, no apartado 19.4 especifícase que "o centro educativo designará unha persoa como titor ou titora do grupo de alumnado, que será responsable da coordinación do equipo docente e será a interlocutora coa empresa para o desenvolvemento da actividade formativa".

Os cambios nestes artigos dan pé a interpretar que se pode estabelecer tamén esta liberación horaria para primeiro curso, tal e como pedía a CIG-Ensino, dado que se o alumnado vai ir á empresa precísase desta dedicación por parte da persoa que vai exercer as tarefas de titoría dual de centro, unha figura que estaba recollida expresamente no RD 659/2023 polo que se desenvolve o sistema de FP.

Tamén se introduce unha nova actividade que se poderá realizar no tempo no que o alumnado estea realizando o módulo de FCT ou a formacion na empresa ou organismo equiparado:

d) Apoio á titoría e á impartición de ciclos formativos ou cursos de especialización desenvolvidos polo réxime intensivo nos proxectos específicos de formación profesional dual da oferta modular.

10.- Plan formativo individualizado. Inclúese tamén nas instrucións xerais, como demandou a CIG-Ensino en múltiples ocasións, que no plan formativo que deberán asinar cada alumno/a e as persoas encargadas da titoría no centro educativo e no centro de traballo deben figurar "as secuencias e a duración dos períodos de formación na empresa". Neste sentido, o sindicato estará vixilante para que estes documentos reflictan claramente a temporalización, o horario e a distribución das horas entre actividade curricular e profesionalizadora (isto último na FP dual intensiva) durante a formación na empresa, para evitar os casos de abuso que se producen, sobre todo, no réxime dual intensivo.

11. Cursos de especialización. As instrucións xerais incorporan un artigo, o 25, no que se detallan unha serie de indicacións para o desenvolvemento dos Cursos de especialización, á vez que indica que estes se impartirán, con carácter xeral, en horario de tarde e noite e  que a súa actividade lectiva dará comezo entre outubro e a primeira semana de novembro. Entre estas consideracións destaca que a docencia poderá alternarse de forma presencial e telemática, que a atribución docente dos módulos profesionais lle corresponderá ao profesorado con formación ou experiencia profesional específica na área destas ensinanzas e que este poderá formarse en período lectivo, así como dispoñer dunha "bolsa de horas" lectivas para "organizar e desenvolver a formación, co fin de acadar a excelencia na cualificación e na competencia do alumnado". Sobre este punto, a CIG-Ensino lembra que a reivindicación de que o profesorado de FP, especialmente o que ten que impartir os CE e os novos módulos dos graos D, poida formarse en horario lectivo foi unha constante nas negociacións coa Dirección Xeral de FP.

Para a CIG-Ensino son insuficientes estas rectificacións, aínda que volora positivamente que algunhas das súas achegas se tiveran en conta, e agarda que se poida negociar desde comezos do vindeiro curso o novo Decreto galego que vai ordenar e regular a Formación Profesional contando co profesorado e coa súa representación sindical.

Volver