
Instrucións internas da Consellaría desvelan máis recortes e incumprimentos da normativa de persoal para o vindeiro curso
No documento incídese en que para calcular desdobres e agrupamentos se teña en conta só alumnado “real”, en que todo o profesorado realice reforzo e que os centros con atención preferente, PROA+ ou MEGA non poidan pedir especialistas de PT e AL.
Entre outras directrices fíxase para as etapas de infantil e primaria que non se realizarán desdobres até chegar a unha ratio de 28 “reais” por aula, recórtanse mestras de catálogo (apoios en infantil, especialistas de inglés e de AL a tempo completo en EEI nas que se reduza matrícula), elévase até 30 as unidades que pode atender un especialista en Orientación nun centro e até 18 se é compartido e foméntase a itinerancia mesmo incluso para cubrir a liberación horaria por cargo directivo.
A CIG-Ensino está recibir durante este mes de xullo múltiples chamadas de centros que amosan a súa preocupación pola falta de dotación de persoal para atender o alumnado con diversidade de cara ao vindeiro curso á vez que realizan consultas sobre a normativa de agrupamentos e desdobres “ante as novas instrucións da Consellaría a este respecto”. Unha das máis chamativas é que non se autorizarán desdobres nas aulas que teñen como ratio máxima 25 (todos os cursos agás 4º e 5º de infantil) até que cheguen aos 28 “reais”, sen ter en conta discapacidade, dependencia ou trastorno de conduta debidamente acreditado. É dicir, nin con 26 nin con 27 estudantes, o que implica un flagrante incumprimento da lexislación vixente, que só autoriza o incremento dun 10% de matrícula no caso de incorporación tardía ás aulas (cambio de residencia ou traslado de centro fundamentalmente). Tamén denunciamos unha falta de criterio claro sobre os agrupamentos, o que leva a que nalgúns centros se pase de ter os tres ciclos de primaria separados a agrupar de 1º a 3º nunha aula e de 4º a 6º noutra, con graves consecuencias pedagóxicas para ese alumnado, así como a negativa a enviar as vacantes destas etapas para a súa negociación nas Xuntas de Persoal provinciais. Nalgúns casos, só cunhas horas de antelación, remitiron a proposta de vacantes que se poden consultar nesta ligazón.
Pois ben, estas e outras novidades que nos están a trasladar os centros foron constatadas pola CIG-Ensino nun documento de instrucións internas dirixido ás inspeccións no que se afonda nos recortes e na “optimización de recursos” ao máximo, sen que á administración lle pareza importar en absoluto o benestar e a atención do alumnado.
Máis recortes e incumprimentos legais
Ademais do relativo aos desdobres, nas instrucións tamén se inclúe o incumprimento do catálogo de postos de traballo nos centros de infantil e primaria, aprobado no ano 2007, que contou co aval da CIG-Ensino e que está plenamente en vigor. A dotación dunha mestra de Infantil de apoio por cada tres unidades non estivo nunca en función, nin debe estar, do número de alumnado en cada aula. Porén, no documento remitido ás inspeccións indícase expresamente que non se autorizarán apoios “independentemente do que apareza na aplicación UPT Centros/Catálogo” e que para poder acceder ao primeiro haberá que reunir 46 nenos e nenas en 3 unidades e 92 en 6 unidades. Isto parece confirmar a intención de que as unitarias ou aqueles con centros con menos desa matrícula non conten co apoio que si lles corresponde.
Ao longo do texto insístese en que hai que “optimizar recursos” e amósase unha excesiva preocupación porque “haxa profesorado con gardas ou outras tarefas” que non estean facendo reforzos. Neste sentido insístese en que, independentemente da especialidade, todo o profesorado, sexa ou non especialista na atención á diversidade, debe realizar estes reforzos. En paralelo con esta “optimización” de persoal proponse que docentes especialistas (Música e EF) dean clase en Infantil, cando a súa función, en todo caso, sería só a de apoiar a mestra titora.
A itinerancia como parche para todo
Sorprende como ao longo do documento se alenta a itinerancia, unha precarización das condicións de traballo que a CIG-Ensino entende que se debe reducir ao máximo posible e non expandila, como se propón. Anteponse o criterio “sine qua non” para fixar a itinerancia entre centros ao acordo entre as inspeccións de que dependan e non ao das súas direccións nin a cuestións máis obxectivas como a proximidade e a compatibilidade horarios entre os mesmos. Recóllese que naquelas Escolas de Educación Infantil que por catálogo tiveran un especialista de inglés ou de AL se hai baixada de matrícula ou perda de unidades este persoal pase a ser itinerante e incluso aparece este recurso para cubrir as horas que por cargo libera a dirección, indicando que se esas horas non as colle profesorado definitivo do centro terá que ir a itinerancia, algo que non se viña facendo como norma até agora.
Así pois constátase que non só non se reduce a burocracia nin, como reclama a CIG-Ensino, se aumente o persoal administrativo nos centros senón que claramente se prohibe solicitar profesorado a tempo completo para cubrir os horarios docentes que a dirección non pode asumir.

A atención á diversidade, lonxe de ser unha prioridade
Na liña do que vén denunciando a CIG-Ensino nos últimos anos a atención á diversidade só existe para a Consellaría en forma de palabras baleiras. Cómpre lembrar a non convocatoria das prazas de atención preferente e que nas instrucións que rexerán o vindeiro curso se determina que o profesorado de PT e AL fóra de catálogo, que se dedicará exclusivamente a alumnado NEE e moi excepcionalmente a NEAE, terá un sistema moi ríxido de petición por parte dos centros e será outorgado por un comisionariado político dependente da Subdirección Xeral da Inspección educativa. Porén, nesta nota interna engádense medidas que van na liña de limitar ao máximo o persoal especializado en atender as cada vez maiores e máis diversas necesidades do alumnado escolarizado en Galiza. Así, indícase unha ratio de unidades para cada especialista de Orientación (até 30 aulas para un ou unha orientadora) e 18 se é orientación compartida que non figura en ningunha norma, buscando deste xeito rexeitar moitas demandas de Orientación a tempo completo en Primaria ou de segundos postos de Orientación en centros grandes ou con moitas necesidades de atención á diversidade.
Por outra banda dise textualmente “a atención á diversidade comeza polo reforzo, tanto en EP como en Secundaria. Moitos centros seguen a ter moitos docentes de gardas e noutras tarefas e non dedican tempo ao reforzo” dando a entender que o profesorado está ocioso durante o período lectivo, acusacións ás que xa nos teñen acostumados os responsábeis políticos da Consellaría, e insistindo en que todo o persoal docente ten que facer reforzo, sexa ou non especialista de PT e AL. Ademais, tamén se deixa claro que non se dotará deste persoal aos centros que teñan concedida prórroga de atención preferente, PROA+ ou Plan Mega (financiados integramente estes últimos polo Ministerio e pola Unión Europea). É dicir, volverán empregar no curso 25/26 fondos alleos á Consellaría con carácter finalista e para cometidos concretos para cubrir os recortes de mestres e mestras de PT e AL. No texto chégase mesmo ao estremo de afirmar que non se pidan docentes de PT “amparándose nas supostas dificultades do centro” e descárganse moitas tarefas, que non lle son propias, no que ten a ver coa atención ao alumnado máis vulnerábel no persoal coidador.
A CIG-Ensino seguirá denunciando as intencións da Consellaría e combaterá estas instrucións nas reunións das Xuntas de persoal, convocadas de momento en todas as provincias menos en Pontevedra, exixindo a obrigatoriedade de que se cumpra a normativa de dotación de persoal.