Inscríbete nas actividades do Correlingua que volve co formato carreira e concertos con máis forza ca nunca!
Doce cidades e vilas galegas volverán acoller este mes de maio a edición clásica desta festa reivindicativa polo galego que terá o día 12 unha parada especial en Lourenzá, localidade natal de del Riego, homenaxeado no Día das Letras
Así mesmo, segue aberto o prazo para participar nas outras actividades que acompañan nos últimos anos esta iniciativa: a creación dunha regueifa colectiva coa gravación de 3 coplas por parte de cada centro participante, obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras para 1º e 2º da ESO e o concurso Crealingua, unha xanela aberta ao idioma en todos os formatos (banda deseñada, contidos de Tik Tok, vídeos, blogs ou calquera outra produción realizada polo alumnado para normalizar e prestixiar o galego) e moito máis… Toda a información e a ligazón para a inscribirse na páxina www.correlingua.gal
A CIG-Ensino, entidade organizadora do Correlingua, xunto coa Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza e A Mesa pola Normalización Lingüística, animan aos centros educativos a inscribirse nas carreiras con festa final en forma de espectáculo musical que se celebrarán ao longo do mes de maio nas seguintes vilas e cidades:
Mércores 3 Ponteareas
Xoves 4 Vigo
Venres 5 A Coruña
Mércores 10 Ourense
Xoves 11 Lugo
Luns 12 Lourenzá
Martes 23 Ferrol
Mércores 24 Pontevedra
Xoves 25 Moaña
Venres 26 Compostela
Luns 29 Monforte
Mércores 31 A Estrada
Este ano o día 12 haberá unha celebración especial en Lourenzá, concello no que naceu Francisco Fernández del Riego, o homenaxeado no Día das Letras. Esta actividade será posíbel grazas á implicación do Concello de Lourenzá, da Mesa Coordinadora D. Paco e do colexio desta vila, o CEIP Juan Rey.
Outras actividades do Correlingua
Polo demais, agás para o concurso Cantalingua, que xa pechou o prazo de inscrición para envío dos temas musicais pero non así para que o alumnado participe de xurado, está aberta a posibilidade de participar nas outras actividades que se celebran ao longo do curso dentro da iniciativa Correlingua e que se resumen a continuación:
Regueifando!
Vídeo dunha gran regueifa colectiva.
Envíase un titorial ao centro que só ten que crear e gravar 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continúe. Ao final edítase un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2022 participaron 27 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Está actividade xa está en marcha actualmente.
Desata a lingua
Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO
Desde hai xa dúas edicións impártense estes obradoiros coa intención de elaborar o manifesto colectivo da seguinte edición do Correlingua. As encargadas de impartir estes talleres serán as escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.
CONCURSOS
Crealingua
Concurso libre de creación artística en galego.
O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado. Data límite para o envío do material: o 15 de abril.
O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador.
Cantalingua
Concurso de música en galego.
Co prazo xa rematado para o envío de pezas musicais en galego, o xurado deste concurso estará formado polas entidades organizadoras e por alumnado da ESO que queira formar parte. Para iso teñen que enviar un correo solicitando a participación. Os 3 grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2023. Na edición do ano pasado participaron 35 (grupos e solistas).
Desde a CIG-Ensino animámoste a participar nas actividades que mellor se axeiten ao teu centro e mesmo que as combines como queiras. Todo esforzo a prol da normalización da nosa lingua entre o alumnado de forma lúdica e educativa é necesario! Precisamos, máis ca nunca, como di o lema do manifesto deste ano: Na casa, na escola, botar a lingua fóra!
Máis información en www.correlingua.gal