Informacións varias da mesa sectorial do 3 de febreiro

Calendario de temas a negociar, baixas sen cubrir, concurso de orientación e outros

Consulta desde aquí toda a información

Na Mesa Sectorial de 3 de febreiro de 2011 a CIG-Ensino presentou os seguintes temas varios:

CALENDARIO DE TEMAS A NEGOCIAR: seguimos sen negociar un calendario e estamos xa no medio do segundo trimestre. Non imos repetir os temas que entendemos habería que tratar e que á Consellaría xa lle foron presentados por escrito, mais si hai un tema urxente que é o dereito á xubilación anticipada. Acabamos de entregar máis de 8000 sinaturas en prol deste dereito e reclamamos da Consellaría que se posicione ante o Ministerio reclamando o mentamento do dereito. Queremos saber cal é a opinión da Consellaría.

Denunciar que o día anterior á folga de 27 de xaneiro, enviouse aos centros un correo da Xefa Territorial da Coruña, recadando datos dos centros de xeito ilegal, xa que pedía os datos da previsión de participación. Trátase dun feito totalmente improcedente, dunha conculcación dos nosos dereitos e esiximos que non volva repetirse.

BAIXAS SEN CUBRIR: a CIG-Ensino comprobou e denunciou publicamente que onte, día 2 de febreiro, a Consellaría tiña 58 baixas sen cubrir, das que 19 non se cubrirán xa que neste momento soamente se están a cubrir as baixas para as que restan 15 días desde que chaman por teléfono. Mais as chamadas telefónicas non se realizan todos os días da semana, polo que aínda que as baixas foran de 15 días, se cando chaman faltan menos de 15 non envían substituto (coa excepción das unitarias, por exemplo), polo que moitas baixas quedan sen cubrir e son retiradas da web sen coñecemento dos centros. A CIG-Ensino criticou tamén este cambio de criterio, pois anteriormente cubríanse todas as baixas a partir dos 10 días. Manifestamos que o alumnado non pode estar 15 días sen profesor, e que os centros non deben soportar os problemas de organización que isto conleva.

Cando vai saír o concurso de traslados de orientación, desde a Dirección Xeral de Persoal informaran en mesas anteriores que se estaba á espera dunha relación de postos que elaboraba a Dirección Xeral de Educación, insistimos en que urxe convocalo. Insistimos no tema ao estar presente na Mesa o Director Xderal de Educación, Mira Lema, que non respondeu cando estaría rematado ese estudo.

Sentenza dun tribunal europeo sobre unha demanda presentada pola CIG-Ensino fixando doutrina sobre o recoñecemento dos trienios con efectos retroactivos: manifestamos que é inxustificado negar o dereito a cobrar os trienios na vía administrativa, sería obstaculizar, de feito xa houbo un xuízo en que a Xunta admitiu o pago desde a publicación desta sentenza. Reclamamos que se acepten todas as reclamacións en vía administrativa. A Consellaría di que as sentenzas xa non se están fallando en contra polo que prevé que as sentenzas pendentes sexan todas favorábeis.

SENTENZA DE COMEDORES: a CIG-Ensino acaba de gañar unha sentenza que recoñece o dereito ao uso do comedor de todo o profesorado, esiximos que non se recorra e que se aplique de inmediato a sentenza.

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO: tal e como xa reclamamos desde a CIG-Ensino na Mesa Sectorial de decembro, esiximos novamente que se convoque Mesa Sectorial para negociar a oferta o antes posíbel, en consideración ademais ás persoas que están a preparar as oposicións e queren saber que materias van ter oferta de emprego. A Consellaría responde que están a realizar un estudo que traerán á Mesa Sectorial proximamente.

INFORME DA UNIVERSIDADE SOBRE O NIVEL DE RADÓN: un informe da Universidade de Compostela investigou 57 centros educativos e establece varios centros que sobrepasan os valores de radón establecidos pola Organización Mundial da Saúde, así o IES Poeta Añón. Desde a CIG-Ensino preguntámoslle á Consellaría que pensa facer, que medidas e cando as vai tomar? O Director Xeral de Educación di que lle dará traslado ao Secretario Xeral Técnico deste tema.

PUBLICACIÓN DA PUNTUACIÓN DO CONCURSO DE TRASLADOS, a CIG-Ensino reclama que a publicación desta puntuación se faga por subapartados, para que o profesorado saiba onde ten que reclamar, e mesmo pór escuetamente a razón para que se saiba o motivo polo que reclamar. A Consellaría responde que no momento en que enter en funcionamento o circuito pechado de participación será posíbel ver todos eses detalles.

CENTROS DE PORTO DO SON: a CIG-Ensino esixe que se lle dea unha saínda a estes centros que tiñan pensado realizar o proceso para a xornada única de cara ao curso que vén, mais que se ven limitados polo transporte, que lles impediría poñela en marcha. Sempre denunciamos esta situación, é inadmisíbel que o transporte condicione os horarios dos centros e o seu tipo de xornada. Esiximos que se busque unha solución.

DATOS DE LINGUA GALEGA EN EI: esiximos novamente que nos faciliten os datos da consulta que a Consellaría realizou en Educación Infantil sobre a lingua.

LEI DE PARTICIPACIÓN E CONVIVENCIA: a CIG-Ensino denuncia o procedemento da Cosnellaría, é inaceptábel que este tema non pase pola Mesa Sectorial.

Volver