Información sobre postos docentes e asesorías no exterior

Na reunión que tivo lugar o 7 de marzo, o Ministerio trasladou as estatísticas de participación no concurso a prazas docentes e asesorías no exterior

Concurso de méritos para a provisión de postos de personal docente no exterior. Estatísticas.

Concurso de méritos para a provisión de postos de asesores técnicos no exterior. Estatísticas.

Das anteriores estatísticas facilitadas polo Ministerio chama a atención o caso das vacantes convocadas para asesorías co perfil de Inspección Educativa, porque son 5 as prazas e só 8 as persoas admitidas a concurso. Este dato pon de manifesto que se debe cumprir a solicitude que a CIG Ensino realizou en anteriores reunións: que as vacantes de asesorías se abrisen ás diferentes especialidades docentes. Outro dato de interese que se conclúe das estatísticas é que os principais motivos de exclusión foron o nivel de idioma e non entregar a folla de servizos.

Datas de interese

- O exame de docentes será no día 25 de marzo na Facultade de Ciencias da Información da Complutense. O chamamento será a partir das 11h. A cafetaría da facultade estará aberta.

- O exame de asesorías será no día 26 de marzo, día no que se muda a hora ao horario de verán, na Facultade de Enxeñaría de Camiños da Complutense. O chamamento será a partir das 8h45. 

- Prevese que a resposta aos test se publique o 27 de marzo, que a lectura dos supostos teña lugar do 17 ao 26 de abril e que a resolución se publique o 19 de maio.

Na reunión co Ministerio, a CIG Ensino solicitou:

- Que haxa por fin unha alternativa para a grande desigualdade do persoal interino.

- Que o Ministerio cumpra coas súas propias recomendacións sobre as 18 horas lectivas na secundaria e 23 na infantil en primaria.

- Que se faciliten as licenzas para poder participar no exame desde as diferentes comunidades autónomas e para o profesorado que estea en comisión noutros estados.

- Que se convoque praza de Portugués en adscrición en Lisboa en canto haxa unha vacante, dun xeito equivalente ao ensino doutras linguas do país de destino.

- DKV, tanto na páxina web como na nova app, continúa sen permitir realizar as xestións en galego (nin en vasco), en canto si permite en inglés, alemán, castelán e catalán. Reclamamos que iso se solucione canto antes e poidamos realizar os trámites na lingua oficial da nosa elección.

- Neste momento, as instrucións para baixas do persoal docente interino marcan que se debe ser tramitar co modelo de baixa do lugar de destino. No entanto, se o modelo dese Estado non inclúe datos que o INSS considera obrigatorios, non se admite o documento, de forma que resulta incoherente e se complica a xestión.

- Na teoría, o profesorado temos posibilidade de solicitar licenzas para asistir a actividades puntuais de formación, mais é habitual que se desestimen de forma automática polas direccións ou as Consejerías. Entendemos que esas licenzas deben autorizarse de acordo coas necesidades do servizo e de forma razoábel, mais a súa negativa automática fai que ese dereito na práctica non exista. Un caso recente foi o de docentes que, para poderen participar na formación dun programa europeo, tiveron que solicitar unha licenza sen soldo despois de lle negaren a autorización para asistir en horas lectivas.

- Segundo o artigo 149.5 das Instrucións de 24 de maio de 2005, todas as titoras e titores deberiamos ter no noso horario un período lectivo á semana para os labores de titoría, que é diferente á hora de titoría co alumnado recollida no artigo 125. Debe cumprirse.

- Que se informe ao persoal que puider aprobar o concurso que, no caso de lograr praza en adscrición ou en comisión de servizos, as súas fillas ou os seus fillos non teñen asegurada a praza no seu centro de destino.

Volver