Información sobre o concurso de méritos excepcional

Unha vez publicadas as listaxes definitivas de persoal admitido e excluído na participación no concurso de méritos excepcional, quedan pendentes os seguintes pasos deste proceso, que resumimos nesta información

A Consellaría de Educación comunicou xa hai tempo que tiña previsto a publicación da listaxe coa puntuación provisional a finais de marzo ou comezos de abril. Na última Mesa Sectorial xa se nos informou que non se ían cumprir esas previsións.

Esta é a información que a CIG-Ensino ten neste momento da evolución dos traballos da administración e da previsión de datas:

  • Están na fase de revisión das autobaremacións.
  • A publicación da baremación provisional sería despois da 3ª semana de abril.

A previsión inicial da Consellaría era publicar unha listaxe ordenada exclusivamente por orde alfabética e non por puntuación. A alternativa era atrasar dúas ou tres semanas máis a publicación para poder contar con esa información. A CIG-Ensino amosouse partidaria na última Mesa de que a publicación da baremación provisional contivese a máxima información posíbel e que se ordenase por puntuación para facilitar ás persoas participantes non só a revisión da súa puntuación senón tamén unha previsión o máis precisa posíbel de se podería obter praza ou non.

A Consellaría, segundo unha última comunicación co sindicato, optou por esta opción e, fronte á intención inicial de publicar canto antes, aposta agora por facelo ordenando por especialidades e, dentro destas, por puntuación.

A CIG-Ensino amosou a súa preocupación pola data do 31 de maio que figura no texto da convocatoria para que as posíbeis renuncias noutras convocatorias ou na galega puidesen ter efectos, pasando a praza ás seguintes persoas que por puntuación lle correspondese. Con esa data, que o sindicato xa solicitara na negociación da orde que non  figurase, todas as renuncias en diferentes convocatorias que se produciran con posterioridade, provocarían que non se cubrisen todas as prazas. A CIG-Ensino ten moi claro que o obxectivo desta convocatoria debe ser que non haxa prazas desertas. A este respecto, a Consellaría amosou hoxe a súa disposición a que iso sexa así, que non haxa prazas desertas e que se poidan cubrir todas, mesmo cambiando esa data se for preciso. Agardemos que isto se confirme.

Que pasos quedan por dar no concurso excepcional?
  • Publicación da puntuación provisional (prevista a partir da 3ª semana de abril)
  • Prazo de 10 días hábiles para reclamar.
  • Resolución das reclamacións e publicación das puntuacións definitivas,
  • Publicación da listaxe provisional de persoas propostas para superar o procedemento selectivo, por corpos e especialidades.
  • Prazo de 5 días hábiles para optar por unha especialidade no caso de acadar a puntuación para ingresar por máis de unha. De non facer opción adxudicarase praza na última especialidade na que se prestou servizos, cando sexa o caso, e, na súa falta, pola especialidade con menor código de identificación.
  • Publicación definitiva da lista de persoas propostas que superan o procedemento selectivopor corpos e especialidades e reservas

Volver