Información sobre a negociación de catálogos e da carga lectiva nos centros de infantil e primaria

Mesa Sectorial do 5 de xuño de 2007

Na reunión da Mesa Sectorial celebrada o 5 de xuño de 2007 debateuse a segunda proposta de catálogos e de xornada lectiva do profesorado entregada pola Consellaría de Educación. A CIG-Ensino valorou esta nova proposta como insuficiente. Na Mesa a Consellaría tamén presentou unha proposta de condicións laaborais para o profesorado itinerante.

NEGOCIACION DA CARGA HORARIA DO PROFESORADO E DOS

CATÁLOGOS DOS CENTROS DE INFANTIL E PRIMARIA

 

 

Na Mesa sectorial de hoxe, 5 de xuño de 2007, a Consellaría de Educación presentou unha segunda proposta para negociar. A CIG-Ensino valora como insuficiente esta proposta, que se concreta en:

 

Carga horaria do profesorado

Proposta da Consellaría

Proposta da  CIG-Ensino

- 22 horas lectivas.

- 27 de permanencia semanal.

- resto até 30 en cómputo mensual.

- 18 horas lectivas (até 20 incluíndo as gardas).

- 23 de permanencia semanal, que inclúen 1 hora de titoría cos pais e 1 hora de coordinación.

- resto até 30 en cómputo mensual.

 

A CIG-ENSINO presentou unha proposta de 18 horas lectivas e 23 de permanencia semanal, e manifestou que, tal e como sucede agora en Secundaria, poderíamos chegar a 20 horas lectivas, incluídas as gardas, e 23 de permanencia semanal.

 

Catálogos, 2º proposta da Consellaría.

 

Pódense coñecer as modificacións sobre os catálogos actuais premendo aquí

 

A CIG-ENSINO valorou tamén como insuficiente esta proposta de catálogos e manifestamos que segue sendo prioritario que se recollan tantos profesores de educación primaria como unidades teña o centro, que se debe incrementar un posto máis de EI cada tres unidades e mellorar a dotación de profesorado de PT, AL e orientadores.

 

A CIG-ENSINO expresou o seu desacordo co período de aplicación presentado pola Consellaría, até o 2010-2011. Aínda que defendemos un período de aplicación de dous anos, finalmente mostramos a nosa disposicións a aceptar un período de aplicación de tres anos, até o 2009-2010, se a Consellaría aceptase a proposta da CIG-ENSINO en canto á carga horaria e os catálogos. En todo caso a CIG demandou que se periodizase a aplicación destes cadros de persoal, estabelecendo obxectivos que aplicar en cada curso. Así propuxemos que para o curso vindeiro se apliquen xa as reducións horarias relativas ao horario de permanencia semanal e unha parte da redución horaria prevista.

 

A CIG-ENSINO incidiu na importancia da negociación, non só para o profesorado, senón tamén como medida complementaria para atallar o fracaso escolar, xa desde infantil.

 

A proposta da Consellaría significaría só un incremento dos cadros de persoal dos centros nun total de 320 postos completos (195 de EI, 35 EP, 42 FI, 20 EF, 26 PT) e uns 200 postos para itinerantes dos cales moitos xa se tiñan que crear debido á aplicación da LOE. Coa proposta da CIG estaríamos falando, por exemplo, de incrementar esas cifras en 137 de EI e 541 de EP.

 

Na Mesa sectorial do pasado 29 de maio en que se iniciou a negociación dos cadros de persoal e o horario laboral e lectivo do profesorado, catro das organizacións sindicais (CCOO, UGT, ANPE, CSIF), asinantes do acordo que liquidou a xornada lectiva reducida nos meses de xuño e setembro, pretenderon excluír a CIG-Ensino da posibilidade de facer unha proposta unitaria en relación cos catálogos e a xornada laboral do profesorado. A CIG-Ensino, en aras de conseguir a maior forza posíbel, amosouse partidaria de intentar presentar unha proposta o máis unitaria posíbel para conseguir un acordo satisfactorio. Mais unha vez parece que estas catro organizacións seguen empeñadas en deseñar estratexias anti-CIG aínda que os resultados sexan contrarios aos intereses do profesorado e da calidade do ensino.

 

A Consellaría comprometeuse a remitir unha nova proposta para negociar o vindeiro venres, agardamos que esa proposta se aproxime das reivindicacións da CIG-Ensino, pois esta proposta é totalmente inaceptábel. Por outro lado, deben ter en conta a unión do profesorado e a súa disposición a reivindicar os seus lexítimos dereitos como quedou patente na mobilización en contra da eliminación da xornada reducida. A forza desa mobilización foi fulcral para condicionar a disposición e a posición da Consellaría nesta negociación.

Volver