Información sobre a Mesa Sectorial do concurso excepcional de estabilización

Está previsto que o prazo de presentación de instancias comece o 18 de outubro para todos os corpos agás as do antigo corpo de PTFP

A CIG-Ensino fixo un repaso do proceso de negociación, evidenciando as discrepancias e os logros conseguidos, tanto a nivel estatal como galego, e dos que xa fomos dando cumprida información ao longo destes últimos meses.

Tendo en conta o que centraba a reunión de hoxe, coa oferta de prazas xa publicada no DOG desde maio e co reparto de especialidades xa pechado desde abril, a intervención da CIG-Ensino centrouse na nosa absoluta desconformidade cun sistema de concurso que non é nin de lonxe o máis acaído para o profesorado e máxime se está, como é o caso, limitado polo baremo imposto polo Ministerio e que foi publicado no BOE o 13 de abril. Un baremo que evidencia, máis unha vez, que negociar en Madrid impide poder adaptar unha convocatoria da transcendencia desta ao marco galego e á realidade do noso profesorado.

Máis alá da nosa posición sobre o sistema de acceso mediante concurso, do baremo e do total de prazas ofertadas, así como da súa distribución por especialidades, temas que o sindicato deixou perfectamente claros en cadanseu  momento da negociación, as ordes que presenta a Consellaría poden ser melloradas e neste sentido foron as propostas da CIG-Ensino.

  • Proba previa de galego.
    • Estamos en desacordo coa decisión da Xunta (e que afectará a todos os procesos na administración autonómica e non só no ensino). A nosa discrepancia non se limita a que consideremos que sexa innecesario facer esta proba, ao considerarmos que nun concurso non ten cabida unha proba escrita eliminatoria para cumprir un requisito que se pode xustificar perfectamente pola presentación de varios certificados e que se debe fixar directamente o CELGA-4 ou equivalente como requisito. Máis alá desta cuestión, vemos una clara discriminación entre o noso idioma e o castelán. Para este último non hai alternativa de exame previo: é preciso ter unha titulación específica. Exiximos, cando menos, o mesmo trato para a nosa lingua. A Consellaría limítase a dicir que están vinculados por unha decisión única da Xunta.
    • En todo caso, queremos que se indique expresamente cando se vai realizar a proba, que entendemos debe ser nun prazo inmediato á publicación definitiva de persoas admitidas a participar no concurso. 
  • Convocatoria específica das especialidades do corpo a extinguir de PTFP. A Consellaría opta por agardar pola publicación no BOE do RD de integración no corpo de PES e da creación do novo corpo de PESSFP. Desde o punto de vista de evitar un novo proceso de integración posterior pode parecer correcta esta decisión mais hai un tema que para nós é capital: no caso de existir algunha especialidade das que se integrarán no corpo de PES na que aínda non se efectuaran as catro convocatorias ás que fai referencia a disposición adicional única do RD 276/2007, debería facerse a convocatoria deste concurso antes da publicación do RD de integración, porque do contrario non se poderían presentar as persoas que carecesen de titulación de diplomatura ou equivalente. Queremos saber se existe algunha especialidade nesta situación. A Consellaría indica que non hai ningunha especialidade na que non se celebraran as catro convocatorias que cita o RD.
  • A negativa a puntuar titulación oficial ou formación específica en lingua galega. Presentar un CELGA-4 non pode ser a razón para non puntuar un nivel avanzado de EOI de galego ou cursos de perfeccionamento. Isto só ten sentido se esa titulación ou eses cursos son os que se presentan como medio para acreditar o CELGA-4. Todas aquelas persoas que teñen este nivel validado por cursar lingua galega até o Bacharelato en Galiza están sendo discriminadas, xa que esas titulacións ou curso son un esforzo a maiores que non precisaban. Demandamos que se puntúen nos apartados correspondentes (2.4.b e 3.2). Van revisar xuridicamente se poden puntuar o C1 ou un curso no caso de que se xustifique a validación do CELGA-4 por outra vía (por exemplo, por ter cursado o Bacharelato), aínda que o ven difícil.
  • A limitación do nivel avanzado de EOI a C1 e C2. A orde limita a puntuación do apartado 2.4.b. aos niveis que teñen a consideración de avanzado desde a reforma introducida polo RD 1041/2017. A CIG-Ensino considera que as acreditacións anteriores á entrada en vigor desta norma deben ser puntuadas, xa que o baremo que figura no RD 276/2007 só identifica “avanzado ou equivalente” e até o ano 2017 este acadábase co nivel B2, polo que non telo en conta, vulneraría o propio RD ao implicar unha aplicación retroactiva da nova clasificación dos niveis das EOI. A Consellaría comparte a interpretación xurídica do cumprimento dunha norma desde que esta se aproba, sen poder alegar unha titulación anterior, polo que non van puntuar o B2, como tampouco farán as demais administracións.
  • Expresamos as nosas dúbidas sobre a correcta colocación no baremo das certificacións dos niveis C1 e C2 diferentes á EOI. Como xa indicamos no debate na Mesa estatal, está claro que existindo unha sentenza como a que se indica na exposición inicial da orde, estas acreditacións deben puntuarse. O que nos xera dúbidas é o apartado no que se deben puntuar. O MEFP vai introducilo como un novo apartado 2.5. A Consellaría, ao publicar a orde antes de publicación no BOE deste cambio, opta por incorporalo no mesmo apartado que as titulacións das EOI, dentro dun apartado denominado “titulacións de ensinanzas de réxime especial e da FP específica”, cando un certificado dunha entidade como Trinity ou Camões non é unha titulación senón unha acreditación de coñecemento de idioma. Debe puntuarse, mais o correcto sería facelo noutro apartado. A Consellaría indica que non existe outra posibilidade e que, de feito, na orde de convocatoria de FP xa se inclúe un apartado 2.5 porque se publicará despois da entrada en vigor da modificación que crea este apartado.
  • Indicar expresamente a idade forzosa de xubilación. O requisito 2.1.b. indica, como é habitual, que para presentarse non se pode ter alcanzado a idade estabelecida, con carácter xeral, para a xubilación forzosa. Pedimos concreción. A Consellaría ten dúbidas sobre se a idade é 65 anos (xa que así figura actualmente no EBEP) ou ben a idade que para o 2022 está regulada, tras a reforma das pensións, para aquelas persoas que non teñan 37,5 anos cotizados; neste caso serían 66 anos e 2 meses).
  • A esixencia da tutela investigadora debe respectar a sentenza do Tribunal Constitucional (TC). A Consellaría tiña coñecemento da sentenza porque lle foi remitida pola CIG-Ensino. Debe incorporarse unha nova opción para acreditar a tutela para as prazas de cátedras de música e AA.EE., nas especialidades propias das ensinanzas artísticas de Conservación e Restauración de obras escultóricas e pictóricas, así como nas propias de arte dramática, que non se inclúen na orde: a da experiencia previa nos centros que imparten esas ensinanzas artísticas superiores. Así, débese incluír:
    • no apartado 2.2.2 para o corpo de cátedras de música e AA.EE.
    • nun novo apartado para o corpo de profesorado de música e AA.EE. para as especialidades propias da ESAD.
    • no apartado 2.2.3 para o corpo de artes plásticas e deseño para as especialidade de conservación.

A Consellaría xa na súa intervención inicial adiantou que modificaría a orde no sentido do que propón a CIG-Ensino, en cumprimento da sentenza do TC. Está pendente decidir que tempo de experiencia serviría para acreditar esta tutela. En principio, a Consellaría inclínase por empregar o mesmo criterio que existe para o caso da equivalencia da formación pedagóxica (2 cursos académicos completos ou 12 meses en períodos continuos ou descontinuos)

  • Taxas
    • Non parece apropiado o epígrafe “pagamento dos dereitos de exame”. Debe substituírse por participación.
    • Faltan as taxas do corpo de cátedras de música e AA.EE.
    • Do mesmo xeito que se exime do pagamento de taxas ás vítimas de terrorismo debería facerse o mesmo coas vítimas de violencia machista.
  • Demandamos que se eviten as prazas desertas.
    • Pedimos aclaracións sobre a data do 31 de maio para que a praza dunha renuncia sexa adxudicada á seguinte persoa na lista. Debe procurarse que se cubran todas as resultas, evitando as prazas desertas. Din que a data está pensada tendo en conta as súas previsións de finalizar todo o proceso mais que, de ser o caso, poderían ampliar esa data.
    • Pedimos explicacións sobre a base 1.3, sobre acumulación de prazas noutras. especialidades no caso de recursos de reposición. Indican que para evitar ter que retirar unha praza a unha persoa que, por recurso doutra aspirante, puidese perdela, teñen de marxe as prazas desertas das oposicións deste verán. Isto non quere dicir que se amplíen as prazas senón que, de ter que aceptar recursos, terían esa marxe para evitar terceiras persoas prexudicadas.
    • Solicitude de destino provisional. Regúlase, como nunha oposición ordinaria, o prazo de dous días desde a publicación de persoas aprobadas. Isto só ten sentido se os prazos non coinciden co CADP. De coincidir, debe permitirse que se poida pedir destino no prazo normal dos destinos provisionais. Están de acordo coa nosa proposta e van modificar a orde no sentido de que só existirá ese prazo de 2 días no caso de que a resolución definitiva sexa posterior ao prazo de CADP.
  • Incoherencia nos prazos para cumprir requisitos. O apartado 2.4 indica, como vén sendo habitual, que “todas as condicións e requisitos” deben posuírse no día que remate o prazo de presentación de solicitudes. Porén, no 11.2 e na DC 1ª indicase que “todos os méritos deberán estar perfeccionados no día de publicación da convocatoria e xustificados no remate do prazo de presentación”. Entendemos que debe existir unha única data de referencia e que debe ser o remate do prazo de presentación. A explicación da Consellaría está vinculada a garantir a maior axilidade no proceso e a que dentro do prazo de presentación de instancias se teña que presentar toda a documentación, sen abrir a porta a poder engadir posteriormente xustificación de méritos, algo que consideran que só se garante se pechan o cumprimento dos méritos na data de publicación.
  • Demandamos que haxa unha baremación incorporada de oficio no caso do profesorado con servizos prestados para a Consellaría. Tendo en conta que a Consellaría dispón de moita información do profesorado interino que vai participar (tempo de servizo, formación, titulacións…) solicitamos que na aplicación apareza (como ocorre no concurso de traslados) a baremación cargada, para que a persoas só teña que revisar se falta algo e poder validar sen ter que completar todos os datos. Afirman que non teñen capacidade técnica para facelo.
  • Non limitación de méritos alegados. No apartado 5.1 dise que a aplicación web non permitirá que se superen os máximos estabelecidos en cada apartado. Sendo correcto, solicitamos que se indique que, “con independencia do total da puntuación parcial dos méritos alegados….”. Non se debe limitar a documentación que se presente, especialmente polas dúbidas que provoca a puntuación da formación no apartado 3.2. Non vai haber limitación: todas as persoas poderán cargar todos os méritos que desexen. A aplicación o único que fará será limitar a suma total de cada apartado, segundo o baremo.
  • Prazas da quenda de discapacidade. Pedimos aclaración á Consellaría polos criterios que empregou a Consellaría para decidir o reparto destas prazas. A Consellaría afirma o seguinte: o decreto da OPE estipula que a porcentaxe do 7% será sobre o total das prazas (neste caso da suma das 1156 do concurso e das 125 da oposición). Din que revisaron os datos do persoal interino de todas as especialidades e que a distribución das prazas está feita a partir deses datos.
  • Algoritmo. A Consellaría debe asegurar a solución de calquera incidencia relacionada co número de solicitudes que van ser baremadas segundo o algoritmo fixado na convocatoria. Na información que se nos traslada indican que esa cifra vinculada ao algoritmo terá carácter de mínimos e que, en caso de necesidade, poderán ampliala.
  • Traballo da comisión de selección. O Decreto da OPE xa recolle que estará designada pola Dirección Xeral entre persoal funcionario dos servizos centrais e non por sorteo entre todo o funcionariado docente como é habitual e propuxemos. A CIG-Ensino sempre defendeu en todos os procesos que os tribunais fosen nomeados por sorteo. Aínda que este é un proceso excepcional, consideramos que se debe seguir o mesmo criterio e poder designar cantos tribunais sexan precisos. Preocúpanos que non se garanta a máxima axilidade no proceso e a subxectividade que se poida producir á hora de baremar os cursos de formación, pola súa adecuación ou non á especialidade ou a aspectos que son transversais a todas. Demandamos que se dote aos servizos centrais co persoal necesario para levar a cabo todos os traballos deste proceso selectivo. Non entran a debater este tema xa que así aparece na OPE. En todo caso, aseguran que contarán con persoal docente (de CFR, CAFI) para asesoralos no caso da formación.
  • Criterios de desempate. Solicitamos incorporar antes dos que aparecen citados os seguintes (e por esta orde):
    • Tempo de experiencia docente na mesma especialidade do corpo polo que se presenta
    • Tempo de experiencia docente noutras especialidades do mesmo corpo polo que se presenta
    • Tempo de experiencia docente noutras especialidades doutros corpos polo que se presenta

Non están de acordo xa que consideran que non se atén ao RD.

  • Faltan os anexos de titulacións equivalentes para a docencia na convocatoria de especialidades de FP anteriormente vinculadas ao corpo de PTFP. Solicitamos, ao haber un cambio importante nas especialidades do corpo de Profesorado especialista de sectores singulares (titulacións da familia profesional), ter acceso á listaxe antes da súa publicación no DOG. Non teñen capacidade para facelo xa que as titulacións son múltiples (hai especialidades que teñen competencia docente en varias familias profesionais).

BAREMO

Aclaración importante da Consellaría a instancias da intervención da CIG-Ensino:

A finais desta semana estará dispoñíbel para todo o profesorado con servizos prestados na Consellaría a posibilidade de descargar certificacións cos servizos prestados e coas fases de oposición superadas, para que se poidan presentar en calquera proceso selectivo.

1. Experiencia docente previa.

  • Debe aclararse se os servizos prestados fóra de Galiza se acreditan con nomeamentos ou follas de servizos certificadas ou se chega cunha certificación do centro. O lóxico sería que estas certificacións, en todos os casos, fosen sempre expedidas pola administración educativa. A Consellaría mostrouse partidaria de aceptar esta proposta. 
  • Solicitamos que se inclúan nas disposicións complementarias as seguintes equivalencias:
    • Que o profesorado con anos traballados en Orientación de Primaria obteña a puntuación do apartado 1.1. se participa pola especialidade que xerou o dereito a traballar por orientación.
    • Que o profesorado con anos traballados en Prácticas e Actividades obteña a puntuación do apartado 1.1. se participa pola especialidade da que provén (Servizos á Comunidade)
    • Que o profesorado das listas de PES que se viu obrigado a traballar en EOI antes da creación das listas correspondentes a este corpo poida ter a opción a que se lle puntúen os anos traballados como PES.
    • Que figure expresamente unha referencia ao profesorado especialista de FP como aparece co de relixión.
    • Que o profesorado que traballou nos CMUS superiores antes da apertura das listas de interinidades, percibindo o complemento de equiparación, puntúe eses anos como catedrático interino. 

A CIG-Ensino xa lle expresou á Consellaría con moita anterioridade a esta reunión que considerabamos unha inxustiza que haxa profesorado de especialidades non recoñecidas a nivel estatal, mais que foron creadas e mantidas no tempo pola Consellaría, que agora se vexan totalmente prexudicadas no baremo deste concurso. A Consellaría xa nos dixo hai tempo que non tomarían ningunha medida que implicase unha clara inseguridade xurídica. Mais ningunha decisión está exenta de ser impugnada nun tribunal e neste proceso moito menos.

Pois ben, non hai máis que ver a convocatoria de Euskadi para ver que, polo menos alí, non lle ven moito problema a autorizar unha determinada puntuación a postos de traballo que non se corresponden exactamente coa especialidade.

Vexamos só algúns exemplos do que se regula en Euskadi:

  • consultor/a en centros públicos = Pedagoxía Terapéutica.
  • profesorado de reforzo lingüístico ou de Euskera en Primaria = Primaria
  • profesorado de reforzo lingüístico ou de Euskera en Secundaria = Castelán, Historia, Francés, Grego, Inglés, Alemán, Latín, Euskera, Filosofía

Na convocatoria de Catalunya tamén podemos atopar numerosos exemplos de puntuación máxima por especialidade en postos que non se corresponden cunha especialidade concreta. No caso de Galiza todo o que reclamamos ten como elemento común que se garante a procedencia dunha lista coincidente cunha especialidade convocada.

Nos casos de Orientación de Primaria e de Prácticas e Actividades, e despois dun longo debate, a Consellaría abriuse á posibilidade de estudar a nosa proposta, sempre partindo da realidade que lles mostramos doutras convocatorias mais aclarando que dependerá dunha valoración xurídica que farán en breve.

No caso de PES-EOI a Consellaría afirma que non se pode facer ao seren de corpos diferentes.

2. Formación académica.

  • Debe puntuarse como avanzado o nivel B2 das EOI até o ano 2017 xa que o que se indica no RD é a puntuación de nivel avanzado. Xa aclararon que non o aceptan.
  • Sen poñer en dúbida a súa puntuación, expresamos as nosas dúbidas sobre a correcta colocación da puntuación dos niveis C1 e C2 diferentes ás EOI ao non seren titulacións de réxime especial. Xa aclararon que non o aceptan.

3. Outros méritos.

  • Como xa dixemos na negociación do RD na Mesa estatal estamos totalmente en contra de que, unha vez que se puntúa ter fases de oposición aprobadas, non se puntúen as anteriores ao ano 2012.
  • Estando totalmente en desacordo coa decisión do Ministerio de non permitir a puntuación da formación inferior a 20 horas, consideramos que o cómputo da Consellaría é moi limitante: con tres cursos de 20 horas só se puntúan dous, xa que a norma indica “cada dous cursos 0,2”. O lóxico é sumar todas as horas e puntuar o que corresponda; neste exemplo serían 0,4 ao ser 60 horas polos tres cursos (co que sumaría o mesmo que dous cursos de 30 horas). Do mesmo xeito os criterios do baremo non hai por onde collelos. Un curso de 80 horas e un de 40 puntúan igual. Van deixar a puntuación tal cal está e coinciden que os criterios que fixa o RD son moi mellorábeis. 
  • Preocúpanos tamén do baremo estatal a limitación dos cursos, moito maior que nas oposicións ordinarias (referencia expresa á especialidade). É certo que se introducen temas xerais, como novas tecnoloxías mais faltan outros como normalización lingüística, coeducación, atención á diversidade, etc; exemplos claros de formación integral necesaria e proveitosa para todo o profesorado que debe ser puntuado. Entenden que toda a formación de contidos transversais afecta a todo o profesorado e que, polo tanto, será puntuada.
  • Debe aclararse se tamén se puntúan os cursos impartidos xa que só figuran os superados. O RD só permite puntuar a participación en cursos e non a súa impartición.
Información sobre a Mesa Sectorial do concurso excepcional de estabilización

Documento


Ligazón a toda información da mesa sectorial

Volver