Información sobre a campaña de vacinación nos centros docentes

Na reunión convocada pola Consellaría de Educación e na que participou Saúde Pública evidenciouse que se actuou no día de onte e hoxe con precipitación

A CIG-Ensino reiterou na reunión as queixas que lle trasladamos onte ao conselleiro de Educación e presentamos unha serie de propostas e cuestións sobre o desenvolvemento da campaña de vacinación do persoal dos centros educativos, facendo fincapé na necesidade de dotar de maior transparencia a campaña, informando correctamente a todos os sectores afectados.

O caos e o malestar producido no día de onte non se pode volver a repetir.  Un exemplo da descoordinación foi a recepción de SMS inesperados a profesorado convocado con independencia da súa idade (en contra do criterio anunciado pola Xunta de atender a persoal menor de 55 anos pola chegada de vacinas Astra-Zeneca e a escaseza de Pfizer ou Moderna, máis indicadas para persoas maiores desa idade). Outro foi que uns 200 docentes tivesen que agardar no Hospital de Montecelo en Pontevedra durante horas por unhas vacinas que non daban chegado.

Na reunión participou a Directora Xeral de Saúde Pública da Xunta que foi quen respondeu ás criticas e cuestións que lle trasladamos. Pediu desculpas pola présa que se deron nestas 48 horas, indicando que deberían telo falado previamente connosco e afirmou que os erros cometidos onte e hoxe se deben a ese apresuramento por unha chegada de vacinas con antelación ao tempo previsto e a que non se tomaron todas as medidas de control que, asegurou, tomarán a partir de mañá.

Ambas Consellarías se comprometeron a manter reunións de control quincenal para testar a evolución da campaña de vacinación. A CIG-Ensino insistiu en que urxía unha reunión canto antes cos responsábeis de Educación para poder trazar a prioridade de colectivos dentro do persoal dos centros se a escaseza das vacinas así o aconsella. En todo caso, a decisión final será de Sanidade en función de criterios de saúde pública, se ben a Directora Xeral agradeceu que se puidesen fixar eses criterios.

Sanidade ten previsto que, sempre que se manteña a provisión de vacinas de Astra-Zeneca, a finais de marzo ou principios de abril todo o profesorado menor de 55 anos estea vacinado.

En liñas xerais, esta é a información práctica que consideramos mais relevante poñer no coñecemento de todo o persoal dos centros educativos:
  • A vacinación será para menores de 55 anos porque só se dispensará a vacina Astra-Zeneca. Os datos dos que dispón Sanidade neste momento indican que se debe gardar un intervalo de 10-12 semanas antes da segunda dose. A cita poderá darse no propio día da 1º dose ou cun SMS posterior.
  • A vacinación será nos hospitais de referencia do centro docente no que se traballa, non do domicilio. A orde será alfabética, comezando polo H. Todo isto entra en vigor mañá mércores 24.
  • Na chegada ao hospital farase unha breve anamnese (posíbeis problemas de saúde, alerxias..) e preguntarase a cada persoa se se quere vacinar ou non. A decisión de se vacinar ou non quedará rexistrada na historia clínica.
  • Unha vez vacinada a persoa agardará uns 15 minutos. Se hai algunha reacción adversa debe comunicala ao médico de atención primaria.
  • O colectivo que traballa nos centros educativos será vacinado na súa totalidade mais queda pendente unha posíbel priorización da que serán informadas as organizacións sindicais. Neste sentido, por exemplo, podería diferenciarse quen está con docencia directa en contacto co alumnado de quen non o está. Isto finalmente será obxecto dunha reunión sindical con Educación nesta mesma semana ou a principios da que vén, como insistentemente solicitamos desde a CIG. En todo caso, Sanidade seguirá vacinando co plan actual á espera de posíbeis cambios. O persoal liberado a tempo completo, como lle demandamos desde a CIG-Ensino, quedará para o final. Entendemos que hai outros colectivos que tamén poden estar nesta situación e haberá que analizalo con Educación.
  • Todo o resto do persoal maior de 55 anos será vacinado coas outras vacinas (Pfizer, Moderna). A escaseza destas no momento actual non lle permite a Sanidade fixar prazos, sobre todo porque a súa administración irá en paralelo coa vacinación xeral de persoas maiores, que teñen prioridade polas franxas de idade xa coñecidas (maiores de 80 anos, etc..).
  • O profesorado que está de baixa médica por I.T. non será convocado. No momento no que cause alta será incorporado nas bases de datos que Educación lle proporciona a Sanidade e posteriormente convocado para se vacinar.
  • As mulleres embarazadas deben consultar co médico ou médica de referencia (atención primaria, xinecóloga) para que valore o “beneficio-risco” de ser vacinada. A vacinación non está categoricamente contraindicada nestes supostos mais é preciso valorar cada caso.
  • Se hai persoas que non se vacinan, ben porque non queren ou porque, por exemplo, queren quedar embarazadas, deberán indicar por escrito que non queren. A decisión non é irreversíbel e poderán ser vacinadas noutro momento, se así o solicitan.
  • Non se indicou expresamente na reunión que deben facer as persoas que teñen síntomas compatíbeis coa covid mais as instrucións do SERGAS para o seu persoal indicaban que non debían acudir á vacinación. Agardamos que isto se aclare canto antes por parte de Sanidade.
  • Neste momento Sanidade conta cunha listaxe do profesorado do ensino público. Educación remitirá en breve o resto de listaxes pendentes: persoal non docente da Consellaría, persoal dependente dos Concellos -para o que xa remitiu unha circular ás direccións- ou persoal dos centros privados concertados e privados. Non se nos contestou á pregunta de se ían mandar tamén listaxe de persoal colaborador de comedor, mais é de supoñer que así será.
  • Sanidade informou que a experiencia coa vacina para menores de 55 anos nos colectivos nos que xa se empregou non está a dar moitos problemas de reaccións adversas e, textualmente, que non se deron casos de IT. Na CIG-Ensino temos coñecemento, por parte de persoal de atención á diversidade de centros privados, de que non son excepcionais as reaccións con sintomatoloxía leve, semellante a unha gripe, e que si deu lugar nalgúns casos a cansazo e malestar nos días seguintes. En todo caso, desde o sindicato consideramos que é necesario estender ao máximo posíbel a inmunidade e chamamos ao profesorado e ao conxunto do persoal dos centros e da sociedade a se vacinar.
CIG

Desde a CIG-Ensino agardamos poder manter en breve a reunión comprometida con Educación e tanto nela como nas posteriores con Sanidade trasladar todas as cuestións, queixas e recomendacións que se nos trasladen nos locais do sindicato, nos propios centros docentes nos que seguimos facendo asembleas a diario ou tamén a través do correo electrónico:

vacinacion-docentes@cig-ensino.gal

Información Campaña de Vacinación

Documento


Volver