Información reunión da comisión negociadora do VI convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos

Confinados os pagos dos atrasos das táboas salariais de 2019 e prolongado o prazo de solicitude da cláusula de descolgue salarial mentres dure o estado de alarma, tal e como pretendía a patronal e aceptou o trío sindical estatal

A quince días do remate do prazo dos 3 meses para o abono aos traballadores/as dos centros concertados que non están en pago delegado dos atrasos correspondentes á revisión salarial das táboas de 2019 (asinadas en decembro de 2019 con moito retraso, como denunciou a CIG,e publicadas no BOE do 15 de febreiro de 2020) as patronais convocan unha mesa negociadora para que ditos atrasos se poidan “confinar” apoiándose no estado de alarma decretado polo Goberno Estatal (R.D. Lei 463/2020) e facendo unha interpretación interesada dos prazos administrativos, co beneplácito dos 3 cómplices sociais habituais.

A CIG-Ensino non compartiu, nin por suposto subscribiu dita proposta, por ser inxusta e inxustificada. Estamos a falar duns atrasos de 2019 miserentos, por unha suba salarial insuficiente, que a CIG-Ensino non asinou, e para un colectivo de traballadores/as cos salarios máis baixos e precarizados. Como defendemos na mesa, non hai motivos para esta medida e é unha falta de respecto e desprezo aos traballadores/as, que levan máis dun ano esperando pola suba salarial de 2019 e máis cando veñen de anos de conxelación salarial ou subas por debaixo do IPC, acumulando moita perda de poder adquisitivo. Ademais, segundo as patronais, moitas empresas xa aplicaron as subas salariais e son poucas as que faltan, polo que lle trasladamos a nosa incomprensión ás patronais ao entendermos que mesmo sería unha burla para as empresas que cumpriron cos prazos,ao recoñecer ou premiar ás “morosas”.

Logo, por se non fora suficiente agravio anterior aos traballadores/as, tamén se asinou suspender os prazos de solicitude da aplicación da “cláusula de descolgue” do convenio polas empresas, sobre as táboas salariais de 2019, nos mesmos termos que os pagos dos atrasos. Dito prazo de solicitude da cláusula de 30 días para as empresas, dende a publicación das táboas salariais no BOE (15 de febreiro), prolóngase, co aprazamento dende o 14 de marzo, ate o remate do estado de alarma ou 1 de xuño como máximo. Ademais, segundo as patronais, había que xustificar os prazos de resposta ás solicitudes         (outros 30 días), cousa que si entendemos estaría xustificado dobremente e sen este acordo interesado, pois 1º estaría a saída legal dos ERTES (R.D.Lei 8/2020), moito máis agresiva para os traballadores/as e máis beneficiosa para as empresas, que levaría a estas a solicitar un Erte no canto do descolgue; e 2º a falta de resposta ou xestión da solicitude de descolgue estaría xustificada, ao noso entender, pola mesma norma do RDL, que paraliza prazos administrativos por imposibilidades de desprazamentos e reunións. Preguntado ás patronais polas solicitudes de descolgue presentadas  a resposta foi: “non sabemos”.

O terceiro punto do acordo, Comisións mixtas provinciais para as bolsas escolares, é o único que tiña xustificación real e necesidade, polo menos para os traballadores/as afectados/as, precisando dunha modificación como se fixo dos prazos. Este foi apoiado dende a CIG-Ensino.

O cuarto punto do acordo “Carta ao Ministerio” para solicitar información do abono ás Comunidades Autónomas do 0,25% dende xullo, tampouco o compartiu a CIG-Ensino, por tratarse dun paripé e adorno do documento en xeral. Entendemos que queren xustificarse diante dos traballadores/as, os asinantes dunhas táboas salariais en “papel mollado” no referente á anterior porcentaxe, como denunciamos desde a CIG-Ensino ao non asinalas. Supeditalas a que pague un terceiro que non está na negociación é un “brinde ao sol” (temos como exemplo as pagas extras por antigüidade, PEA).Ogallá erremos e haxa vontade de pagar aos traballadores/as...Ademais, para a CIG-Ensino este non era un tema da mesa de negociación, senón máis ben da Comisión Paritaria, ao tratarse de só solicitar información de si se transferiu ou non o 0,25% do Ministerio ás CCAA, para estas facer efectivos os abonos ás empresas na partida “outros gastos” e estas aboarllo aos traballadores/as, posto que así o recollen as táboas asinadas en decembro de 2019.

Tras as deliberacións pertinentes, tómanse por unanimidade das patronais e maioría da parte social ( UGT, FSIE e USO), os seguintes acordos, que reproducimos textualmente:

Primeiro.- A suspensión do cómputo dos prazos recollidos no anexo V, relativos á cláusula de descolgue salarial, estabelecida na disposición adicional Quinta, ambos do VI Convenio Colectivo, relativos á revisión salarial correspondente ao ano 2019 publicada no BOE de 15 de febreiro de 2020. Adóptase esta medida con carácter extraordinario derivada da situación ocasionada polo COVID-19. A suspensión comprende desde o día 14 de marzo de 2020 ata que finalice o estado de alarma, e en todo caso máximo o 1 de xuño, no que se renovará o prazo.

Segundo. -
Que, aínda que esta Comisión Negociadora entende que na maioría das empresas xa se abonaron aos traballadores os atrasos correspondentes á revisión salarial de 2019, e insta ás que aínda non o fixeron a que cumpran canto antes con esta obrigación, tamén é consciente de que pode existir algunha empresa que teña dificultades para regularizar os salarios como consecuencia da situación especial ocasionada pola crise do coronavirus. Por iso, acorda suspender o cómputo do prazo de tres meses recollido para o pago dos atrasos na revisión salarial correspondente a ano 2019 (BOE 15 febreiro 2020). Adóptase esta medida con carácter extraordinario derivada da situación ocasionada polo COVID-19. A suspensión comprende desde o día 14 de marzo de 2020 ata que finalice o estado de alarma, e en todo caso máximo o 1 de xuño, en que se renovará o prazo.

Terceiro. - A suspensión das actividades educativas presenciais e a declaración do estado de alarma establecido polo Real Decreto 463/2020 provocou que se paralicen os procesos de escolarización, polo que as Comisións Mixtas provinciais para a concesión de prazas gratuítas escolares non poderán constituírse na primeira semana do mes de maio. A súa constitución farase na primeira semana de xuño, sendo a resolución das becas durante a primeira semana do mes de xullo, debendo quedar, en todo caso, totalmente resolto para o 15 de xullo.

Cuarto.- Enviar ao Ministerio de Educación unha carta conxunta de todas as organizacións que conforman a Comisión negociadora do VI Convenio Colectivo de Empresas de Ensino Privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, coa finalidade de aclarar si este transferiu ás CC.AA. a partida orzamentaria correspondente ao incremento do 0,25% do salario do PAS aplicable desde o mes de xullo de 2019. Con iso o que se pretende é que as CC.AA., si recibiron esas cantidades, abonen ás empresas o 0,25% na partida “Outros Gastos” para poder facer fronte aos incrementos salariais do Persoal de Administración e Servizos desde xullo de 2019.

Quinto. - O aquí acordado apróbase por unanimidade das patronais e por maioría das organizacións sindicais, non estando de acordo CC.OO co punto primeiro e segundo, e CIG-Ensino manifesta a seu desacordo co punto primeiro, segundo e cuarto.

CIG
Para a CIG-Ensino estes acordos, lesivos para a maioría dos traballadores/as, supoñen a maiores un mal precedente de cara as negociacións do VII Convenio Estatal, que está en negociacións. Estes modelos sindicais “pactistas e entreguistas”, que representan os sindicatos estatais, non son o camiño para virar esta dinámica de perda constante de dereitos laborais e salariais na parte social a favor das patronais e como exemplo o VI convenio asinado con enormes regresións e involucións de dereitos, aproveitando outra crise como a que estamos a vivir. Nas vosas mans está que cambien estas dinámicas!!
CIG Informa sobre a reunión da comisión negociadora do VI convenio colectivo do sector privado sostido con fondos públicos

Documento


Volver