Información práctica para persoal do ensino público: como actuar en caso de que creamos ter sintomatoloxía do covid-19

A atención sanitaria para posíbeis casos de contaxio é universal, tanto para mutualistas de MUFACE como para persoal do réxime xeral

Desde o día 17 de marzo tanto o SERGAS como os hospitais privados funcionan como un sistema único e integral. En todo o relacionado coa prevención dunha posíbel infección por coronavirus o persoal do ensino público galego ten que actuar do mesmo xeito, con independencia de que sexa mutualista de MUFACE (con prestación sanitaria no SERGAS ou nunha entidade privada) ou do Réxime Xeral da Seguridade Social aos efectos da prestación sanitaria (profesorado interino e de relixión, así como todo o persoal non docente).

Como debemos actuar no caso de que creamos ter sintomatoloxía do covid-19?

Todo o persoal dos centros educativos vai ser atendido do mesmo xeito, seguindo o protocolo fixado pola autoridades sanitarias. No caso de que creamos ter os síntomas que se identifican como propios da infección por coronavirus (tose, febre e/ou falta de aire) non debemos acudir a urxencias. Debemos chamar ao 900 400 116. O protocolo que seguen nesta atención telefónica é o mesmo ao que nós mesmo podemos acceder mediante o autotest que o SERGAS puxo a disposición de toda a poboación: AUTOTEST.

Se na atención telefónica consideran que, en función da información que lle proporcionamos (se somos dun grupo de risco, a gravidade da sintomatoloxía, etc..) poden derivarnos na mesma chamada ao 061 (ao que non debemos chamar directamente xa que é só para urxencias). Será o 061 o que decida se teñen que facernos a proba do coronavirus así como calquera outra medida que adopten.

Reiteramos a este respecto que non hai diferenzas entre hospitais privados e públicos. Se procedese ir a urxencias por indicación do 061 ou unha posterior hospitalización sería indistintamente nun ou noutro tipo de hospital e ao que o servizo público nos indique ou derive.

Como debemos actuar no caso dunha enfermidade común, intervención cirúrxica ou hospitalización?

Exactamente igual a como o viñamos facendo até o inicio da declaración do situación de emerxencia sanitaria e o estado de alerta. Acudindo ao noso centro de saúde se temos prestación sanitaria co SERGAS ou aos centros e persoal sanitario do cadro médico da entidade privada correspondente.

No caso de que fose preciso unha licenza por incapacidade temporal (IT) recomendamos que se fagan igualmente as xestións con normalidade, especialmente se a baixa se prevé que se poida estender máis alá do incerto período de suspensión de actividade educativa e, en todo caso, cando a IT implique que non poidamos realizar as posíbel atención on line que viñésemos prestando, se é este o caso.

Lembremos que a xestión das baixas non cambia. Temos que facelo a través da web de datos persoais, achegando o parte de baixa ou de continuidade. Podes acceder ao parte oficial de MUFACE nesta ligazón (se ese fallara nesta outra ligazón), que terá que ser cuberto pola médica ou médico correspondente.

Xestións con MUFACE

Co mesmo criterio que para o resto das limitacións indicadas para calquera actuación que precisemos cunha administración pública, debemos empreguemos, sempre que sexa posíbel, a vía electrónica de MUFACE, que xa a día de hoxe proporciona varias funcións, como a solicitude de envío por correo postal das receitas ou a xestións das prestacións ás que poidamos ter dereito.

Podes acceder a toda a información na sede electrónica de MUFACE.

Volver