Información do seguimento da campaña de vacinación nos centros educativos

Na mañá de hoxe CIG-Ensino participou nunha reunión de seguimento da marcha da campaña de vacinación coa Consellaría de Educación e a Dirección Xeral de Saúde Pública

Nunha información inicial de Saúde Pública indícase que neste momento hai uns 26.000 docentes de 55 anos ou menos anos vacinados. Quedan algunhas persoas deste colectivo que agardan ter solucionado estes días, entre eles os dos EOE ou, como reclamamos desde a CIG-Ensino hai días, o persoal con contrato a media xornada ou con redución de xornada -uns 300- que por erro non se remitiron. Segundo a información de Sanidade houbo un 90% de docentes que acudiron ao chamamento da vacinación.

Nestes momentos foron remitidos listaxes de todo o persoal non docente dos centros públicos de 55 anos ou menos (ao redor de 3000 dun total de 4000 traballadoras e traballadores) que se vacinarán seguindo a prelación de maior ou menor contacto co alumnado previamente anunciado. De todas formas, Saúde Pública informa de que non teñen problemas de stock de AstraZeneca e que, polo tanto, todo se fará nuns poucos días.

Tamén será vacinado o persoal dos centros educativos privados e privados concertados, seguindo os mesmos criterios de priorización que no ensino público. Neste caso fálase duns 6000 de 55 anos ou menos dun total de 8000 persoas.

PERSOAL MAIOR DE 55 ANOS

Non nos poden confirmar a data de vacinación con Pfizer ou Moderna do persoal maior de 55 anos, xa que van en paralelo á vacinación por colectivos de idade mais contan que poidan multiplicar por 4 estas vacinas no mes de abril. De se confirmar isto, e dado o reducido número do persoal destas idades (unhas 7500 persoas no ensino público entre docentes e non docentes e unhas 2000 no privado), cren que en maio podería ter todo o mundo a 1ª dose. Como estas vacinas teñen fixada, en principio, a 2ª dose en 21-28 días, a previsión é que todo o persoal dos centros educativos estea vacinado antes de rematar o curso. Hai que ter en conta que a 2ª dose de AstraZeneca se administra en 12 semanas, polo que ben puidese darse o caso de que todo o persoal, maior ou menor de 55 anos, recibise a 2ª dose en datas moi próximas.

PERSOAL CON IT DE LONGA DURACIÓN OU PATOLOXÍAS CRÓNICAS

Insistimos, como xa llo trasladamos a Sanidade, que isto debe solucionarse canto antes. Sabemos que o criterio pactado a nivel estatal é que non se vacinen até que se incorporen mais non nos parece correcto. Saúde pública indica que non van mudar esa directriz se non se cambia a nivel ministerial e que se está a analizar a administración a persoas con patoloxías oncolóxicas, transplantadas ou hematolóxicas, entre outras, para darlle prioridade. Se alguén colle a alta será vacinado inmediatamente e se non irán por grupo de idade ou de factor de risco.

Sobre outras cuestións tamén formuladas pola CIG-Ensino esta é a información máis relevante

Cremos que unha vez que se aceptou a vacinación da maioría do persoal dos centros débese corrixir o criterio que segue Sanidade con outros colectivos que quedan fóra e que debe respectarse, cando se selecciona a prioridade dun servizo esencial como é o educativo, a vacinación de todas as persoas que teñen presenza nos centros. Saúde Pública confirma que se vacinará a todo o mundo mais lembra que a directriz aprobada a nivel estatal é que se administre a vacina a “persoal docente e outro persoal con contacto directo co alumnado”.

Neste sentido, insistimos en varias propostas que fixemos a Educación e que non se incorporaron ao documento de prioridades coa xustificación de que os criterios de Sanidade o impedían:

  • Estudantado en prácticas de Grao e Mestrados: Saúde Pública confirma que está de acordo coa nosa solicitude e que hoxe mesmo a trasladará á Comisión estatal de Saúde.
  • Hai outros colectivos que desde a CIG-Ensino propuxemos e que se nos dixo que non: persoal de transporte, actividades extraescolares, persoal de cafetarías… e para os cales o criterio de Sanidade é que se vacinen como os seus homólogos das liñas regulares de transporte ou do persoal de hostalería. O criterio, para a CIG-Ensino, debe ser outro: vacinar a calquera persoa que traballe nun servizo esencial. Saúde Pública indica que aquí non se ten previsto variar o criterio e que se prima o contacto directo e continuado co alumnado, seguindo o criterio fixado a nivel estatal.

Indicamos que se nos trasladaron algúns problemas na administración da vacina, como persoal de máis de 55 anos convocado e que nalgún caso se lle tería administrado AstraZeneca: non teñen constancia mais indican que todos os novos informes confirman que esta vacina se pode administrar en idades máis avanzadas, como xa fan algúns estados europeos. Pídennos que, se temos incidencias concretas, llas traslademos. Os colectivos que se vacinarán nos próximos días (persoal non docente, centros privados) xa van previamente filtrados por idade polo que estes problemas xa non se darían.

Problemas de stock

Consultamos se hai problemas de subministro de vacinas nalgunha área sanitaria, como é o caso de Ferrol. Indican que non, que contan con stock dabondo e só chaman cando teñen garantías de stock. Insisten en que se coñecemos incidencias llas comuniquemos.

Ausencias xustificadas

Alegrámonos de que a Dirección Xeral de Centros dese resposta áxil á nosa solicitude de aceptación dunha declaración responsábel para ausentarse do centro en caso de reacción adversa, logo de demandalo na Mesa Sectorial. Mais lembramos a nosa demanda de que se envíe algunha instrución aos centros para a autorización da alteración do calendario escolar, coa suspensión total ou parcial da actividade lectiva, no caso de centros nos que a vacinación masiva afecte a un número elevado de docentes, tanto para o que resta de 1ª dose, no que a afectación vai ser menor pola xente que queda, como sobre todo para a 2ª dose, na que nos imos atopar coa mesma situación. Non se contestou a esta cuestión e agardemos que se nos dea resposta en breve.

Colectivos con máis retraso por problemas de recollida de datos e outras incidencias

Pedimos información sobre propostas que trasladamos con anterioridade tanto a Educación como a Sanidade. Informan de que os problemas de demora se centran nos aproximadamente 500 auxiliares de conversa e o persoal que depende dos concellos (subalterno de colexios de primaria). Informan que as solicitudes feitas pola CIG-Ensino (que se contactase coa Deputación da Coruña para os tres centros docentes, con outros centros docentes dependentes doutras Consellarías, etc…) xa están en tramitación.

Volver