Información das negociacións do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3

Rexeitada a segregación do XIII convenio en dous - xestión directa e indirecta, como pretendían as patronais do sector- tal e como defendeu a CIG-ensino na mesa negociadora xunto con algunha das demais OO.SS.

Mesa de negociación 6ª do 29/03/2023:

Logo de máis dun ano de “negociacións”, coas patronais instaladas no inmobilismo e involucionismo e as OO.SS estatais na pasividade, agora  as primeiras propoñen a segregación do convenio en dous coa finalidade de precarizar aínda máis as condicións laborais e salariais do sector.

Nesta mesa “negociadora” do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, celebrada o pasado 29/03/23, a patronal maioritaria (ACADE), xunto con outras que suman máis do 50% de representatividade, propoñen a segregación do sector en 2 convenios: centros de xestión directa (privados) e centros de xestión indirecta (públicos).

Con este cambio de rumbo no convenio, logo de máis dun ano de “negociacións” estériles e de clara perda de tempo e falta de respecto ao persoal traballador, todas as patronais en conxunto fan as seguintes propostas salariais e laborais:

XESTIÓN DIRECTA ( Privadas)

O ano 2022 e ate o 31/08/23 - Conxelación salarial ( IPC do 2022 foi do 5,7%).

O curso 2023-24Mestras/es, persoal complementario e cargos: suba 1%.

                                Educadoras/es : Incremento a 1.100€/mes.

                                O resto do persoal : Aplicación do SMI (agora 1080€/mes).

O curso 2024-25 -  Mestras/es, persoal complementario e cargos: suba 1%.

                                Educadoras/es : Incremento a 1.150€/mes.

                                O resto do persoal : Aplicación do SMI .

O curso 2025-26 -  Mestras/es, persoal complementario e cargos: suba 1%.

                                Educadoras/es : Incremento a 1.200€/mes.

                                O resto do persoal : Aplicación do SMI.

XESTIÓN INDIRECTA ( Públicas)

O ano 2022 e ate o 31/08/23 - Conxelación salarial ( IPC do 2022 foi do 5,7% e o do 2021 do 6,5%, cando a suba do 2021 só foi do 3,1%, perdendo o 3,4% de poder adquisitivo; total 9,1% de perda e atrasos de 2 anos).

Durante os 3 cursos: Mestr@s, persoal complem. e cargossuba 4% anual.

                                    Educadoras/essuba do 6% anual.

                                    O resto do persoal  :  suba do 6% anual (mínimo SMI).

Só terían garantidos estes salarios anualmente o persoal traballador dos centros que renovaran concurso ou concesión pasados 2 meses de publicadas estas táboas salariais no BOE, polo que o resto só terían un 1% anual nos cursos 23-24 e 24-25.

No curso 25-26 todo o persoal, renovaran ou non concesións, cobrarían polas táboas máis altas; repetiríanse as dobres táboas salariais do XII convenio.

Ligado a estas dúas táboas salariais, privadas e públicas, irían as seguintes propostas laborais do resto do articulado e adaptadas a cada tipo de xestión:

  • Incapacidades temporais, recortando máis as compensacións ao 100%.
  • Vacacións e permisos, recortando días nos mesmos e dereitos.
  • Flexibilidade na xornada, sacando referencia máxima semanal e aumentando as horas anuais das mestras/es.
  • Gratuidade por fillo/a, limitándoa máis (%) e recortándoa (50% no pago).
  • Cláusula de descolgue salarial, facilitando o acollerse a ela as empresas.
  • Endurecemento do réxime disciplinario, ao que chaman actualización.
  • Adaptación Reforma Laboral, obrigado por lei.

A CIG-Ensino rexeitou esta proposta patronal por insuficiente, inxusta e inxustificada, por querer seguir mantendo a precariedade salarial e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal traballador e máis logo do esforzo que fixeron na pandemia, que non se recoñece. Esiximos unha vez máis un cambio de rumbo ás patronais, instaladas no inmobilismo e involucionismo, así como ás OO.SS estatais abandonar a pasividade e o entreguismo á patronal. Denunciamos que seguimos o mesmo camiño do XII convenio.

Reivindicación salarial CIG-Ensino, por coherencia sindical co defendido sempre:

-Retroactividade dende xaneiro do 2022 co 5.7%, as demoras “provocadas e permitidas” na mesa negociadora son responsabilidade dos maioritarios e xa son estratexias de mal pagador e negociador, que se normalizan.

-Cláusula de revisión salarial ao IPC acumulado de decembro de cada ano, evitando o perder poder adquisitivo futuro  e máis coas inflacións actuais, que dificultan o chegar a fin de mes ao persoal traballador.

-Camiñar cara igualar táboas salariais (xestión indirecta), ou como máximo unha diferenza de 20/30€ que historicamente houbo, pois a igual traballo igual salario e máis agora que hai gratuidade para todas, polo menos na Galiza. O diferencial das educadoras coas categorías máis baixas (SMI) é o xusto, sobre 100€.

-As mestras/es, persoal complementario e cargos suba do 5% anual mínimo, así coma aos Centros de Obras Sociais e Fundacións, a aplicar sobre os seus salarios actuais, tendo como mínimos as de xestión indirecta, no camiño de igualalas todas.

Sobre a segregación do convenio en dous diferenciados, a CIG-Ensino entende que se posicionará na seguinte mesa unha vez tratado coa súa base social e representación sindical do sector así coma nos organismos de decisión do sindicato, deixando claro o seu posicionamento en mesas anteriores, sendo os únicos, de camiñar cara unhas únicas táboas salariais e condicións laborais (coa máxima de a “igual traballo igual salario”) e iso defenderémolo tanto se hai un convenio coma se se decide segregar en dous.

Mesa de negociación 7ª do 27/04/2023:

Rexeitada a segregación do XIII convenio en dous ( xestión directa e indirecta, como pretendían as patronais do sector) tal e como defendeu a CIG-ensino na mesa negociadora xunto con algunha das demais OO.SS.

Nesta mesa a patronal maioritaria comezou pedindo posicionamento das OO.SS sobre a segregación ou non do convenio actual en dous, sendo só unha negativa clara, sen aclaracións, a dun sindicato xunto coa CIG-Ensino, pois os demais só decidiron non apoiar esa proposta das patronais por non haber un consenso moi maioritario.

Posicionamento na mesa negociadora da CIG-Ensino sobre a segregación do convenio en dous diferenciados: un para xestión directa e outro para xestión indirecta.

Logo de ser consultada a nosa base social, representación sindical nos centros de Galiza, así coma nos organismos de decisión internos do sindicato, entendemos que a segregación do convenio é NEGATIVA E INXUSTIFICADA.

A CIG-Ensino entende que o dito de “divide e vencerás”, é o camiño elixido polas patronais, polo que sempre defenderemos o mellor para o persoal traballador como xa manifestamos nas mesas negociadoras reivindicando a unidade das táboas salariais á alza e dos dereitos, máis cando na Galiza están equiparados coa gratuidade, os 2tipos de xestión de centros.

É negativa, porque a división prexudica ao máis débil (privada ou xestión directa) e neste caso, na Galiza, crea competencia desleal coa xestión indirecta, sendo unha ameaza para os postos de traballo nas mesmas; polo que as dúas xestións sairían mal paradas na parte social e a patronal máis reforzada do que xa está e se lle permite.   

É inxustificada e incoherente , porque a división iría en contradición co defendido, polas mesmas organizacións que estamos nesta mesa negociadora, noutros convenios da ensinanza ( XV de atención á discapacidade, VII de perruquerías, escolas de música e de artes aplicadas,... que contan ambos con centros distintos, con distintas funcións e incluso categorías e están no mesmo convenio), separando centros iguais, coas mesmas funcións e categorías. Preguntámonos: o convenio da concertada  será o seguinte en segregar?                                                                                                

Continuidade das negociacións deste XIII convenio:

A patronal tomou a palabra, deixando de lado a segregación do convenio en dous e expondo que ´”comezan unhas novas negociacións”. Deciden manter a proposta feita pero só para centros de xestión directa, e a de xestión indirecta retírana ao tela feito en base a que se dividira o convenio en dous.

Nesta situación de convenio único, propoñen que a dualidade de xestión debe quedar recollida dentro do mesmo convenio ( dous convenios nun), con modificacións en determinados artigos segundo se apliquen a xestión directa ou indirecta, ao igual que a dualidade actual nas táboas salariais. De non ser así, para eles o manter a unificación actual suporía unificar táboas salariais tamén, pero conxelando as de xestión indirecta ate que as outras as pillen ou equiparen...( ACADE).

Pola parte social, os sindicatos estatais aceptaron negociar esta dualidade, tanto nas dobres táboas salariais, como no resto do articulado que propoña a patronal. Rexeitaron a proposta de xestión directa esixindo melloras na parte salarial por insuficiente, desligándoa do resto de propostas noutros dereitos que propuxo a patronal por involutivos, pero con disposición a negocialos nos termos da súa plataforma conxunta; e reclamaron manter modelo de táboas de xestión indirecta segundo se renoven os pregos ou non se renoven e con distintas porcentaxes de suba ( táboas A,B e C, coma no 2019).

Dende a CIG-ensino mantivémonos na nosa coherencia sindical, mantendo o defendido na anterior mesa e rexeitando estas propostas por involutivas, inxustas e ate discriminatorias, ao querer tratar ao persoal como de primeira ou de segunda, con salarios e condicións laborais distintas segundo onde traballe: xestión directa ou indirecta. Denunciamos esta tomadura de pelo por parte da patronal ao querer dar comezo a unhas novas negociacións, así como o conformismo ou rendición dos sindicatos estatais maioritarios, cando levamos máis dun ano de “negociacións”, con sete mesas estériles e de perda de tempo.

Rexeitamos o modelo de renovación de pregos, por discriminatorio (táboas A, B e C) entre traballadores/as de centros do mesmo tipo de xestión indirecta. Xa o dixemos no 2019 demandando porcentaxes moito máis altas para non perder poder adquisitivo, ou negociar antes do remate do convenio as novas táboas salariais para anos vindeiros, xusto o contrario do que se está a facer, que só prexudica aos de sempre.

Por último, ante este bloqueo constante nas negociacións, fixemos un chamamento á responsabilidade dos sindicatos maioritarios e patronais e dar resposta canto antes a un sector, que xa dixo moi claro en 2019, con mobilizacións e presión social, que este convenio só pode ir nunha dirección: melloras laborais, sociais e salariais, é dicir, un convenio digno. Non queremos que se volva chegar tarde, mal e arrastro á presión social.

CIG
Próximas mesas: 18 de maio (xornada e IT) e 29 de maio (táboas e artigos X. indirecta)

Reivindicacións sociais e laborais da CIG-Ensino sobre o articulado actual:  

Consulta a Plataforma reivindicativa da CIG-Ensino para o XIII convenio, ou contacta co teu local  comarcal, que podes atopar na seguinte ligazón.

Por un marco galego de relacións laborais:

Dende a CIG-Ensino defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras/es por cúpulas sindicais e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo vós os que decidades para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno. Para isto precisamos máis representación sindical, para reforzar o noso modelo sindical reivindicativo e combativo, fronte ao pactista e entreguista das demais OO.SS estatais.

 

 

 

CIG Informa Mesas Negociadoras 6 e 7 do XIII Convenio de Educación Infantil 0-3

Documento


Volver