Información da sexta reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3

A mediación rematou sen acordo ante un novo bloqueo patronal, nunha actitude irresponsábel e soberbia e tras unhas propostas á baixa dos sindicatos estatais

A pesar do grave erro na estratexia do sindicalismo estatal, a CIG-Ensino fai un novo chamamento á unidade de acción, co fin de cambiar o rumbo das patronais a través do único camiño posible: a presión social coa mobilización do sector.

A 6ª reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3, celebrada o 13 de xuño, rematou cunha ACTA DE NON ACORDO, que pon fin a este proceso de mediación, logo dun novo bloqueo patronal que reafirma o seu inmobilismo e involucionismo nas negociacións, amosando unha actitude totalmente irresponsábel cara as traballadoras do sector, ao manter sen cambios as táboas salariais dende 2021, con salarios por debaixo do SMI e cun convenio dos máis precarios no sector educativo. Ademais, as patronais amosaron unha enorme soberbia ao rexeitaren as propostas feitas á baixa polos sindicatos estatais, que practicamente ían na liña das propostas patronais, cun grande acercamento a estas, desoíndo o mandato das traballadoras do sector, manifestado nas folgas, manifestacións, concentracións e recollido na campaña de sinaturas, feitas na Galiza.

A CIG-Ensino, aínda que amosou nas mesas negociadoras o seu rexeitamento a acudir a estas mediacións no SIMA, mantívose firme tanto nas súas propostas defendidas nas seis reunións, como na transparencia amosada en todo momento co proceso de mediación, informando sen agochar propostas nin ocultar a marchas das negociacións.

Malia estar totalmente en contra da práctica dos sindicatos estatais nestas reunións e da súa propia estratexia de acudir ao SIMA, que non fixo nada máis que perder un ano sen avances e negociacións reais, a CIG-Ensino renova o seu chamamento á unidade de acción sindical, co fin de dignificar o convenio e cambiar o rumbo das patronais a través do único camiño posíbel: a presión social coa mobilización do sector. Para a CIG-Ensino o calendario de mobilizacións deben comezar en setembro, retomando as acordadas por todos os sindicatos  para setembro de 2023 e que non foron adiante, como defendeu a CIG en solitario no seu día.

Un convenio galego

A CIG-Ensino, como sempre afirmou, defenderá os intereses do persoal traballador no marco estatal até que este se peche, pero sempre que se pacten uns obxectivos, cun cadro reivindicativo. De non estar dispostos a isto os sindicatos estatais, porque retoman as mesas de negociación en setembro, a CIG tratará de traballar por un marco galego de negociación, co fin de loitarmos por un convenio digno e xusto na Galiza.

A última reforma do Estatuto dos Traballadores, fixando a prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais, remata xa coa escusa que moitos (sindicatos e patronal) tiñan á hora de se negar a que sexa o galego o marco das nosas relacións laborais. Agora todo depende da vontade de ambas partes: que unha maioría sindical e patronal a nivel galego acepten que sexa en Galiza onde negociemos o futuro das condicións de traballo das traballadoras das escolas infantís de 0-3 anos.

A CIG-Ensino proporá unha unidade de acción aos demais sindicatos con representación no sector  para poder facer realidade, máis cedo que tarde, unha vella demanda da nosa central sindical e, cónstanos, da inmensa maioría do persoal das escolas infantís de 0-3 anos.

  • Propostas da CIG-Ensino para o XIII Convenio de Educación Infantil (0-3)

    En primeiro lugar, insistir no emprego dunha linguaxe non sexista en toda a redacción do texto, empregando termos neutros e ambos os xéneros.

    En segundo lugar, adaptación do texto ao recollido na normativa laboral vixente que entrou en vigor despois da negociación e/o publicación do XII convenio en vigor. Como sempre defendemos neste convenio, que non asinamos por ser do máis precario no sector do ensino, só se pode avanzar en dereitos, tal e como reivindicaron as traballadoras e traballadores nas mobilizacións ( con 6 xornadas de folga).

    SALARIOS:

    Na xestión indirecta, aceptando proposta do sindicato maioritario, a 1/01/2026 as Mestras deben chegar aos 1780€, o Persoal Complementario a 1770€, as Educadoras a 1450€ e o Pas a 1350€, o camiño debe ser abonar xa o 12,20% ( IPC 2021 6,5% que menos 3,1% aplicado queda pendente o 3,4% + o 5,7% de 2022 + 3,1% do 2023) retroactivamente desde xaneiro de 2023 e o resto repartido no 2024 e 2025. E caso de comezar a subida do 12,20% en xaneiro de 2024, cada traballador/para recibirá unha única paga durante 2024 de 1500€ en compensación polo incremento deixado de percibir pola retroactividade de 2023. Concordamos co diferencial para as educadoras sobre o PAS (SMI) de 100€ mínimo a maiores. De asinar táboas a dúas marchas, con e sen pregos publicados, o que deixara de gañar o persoal sen novos pregos, estes, recibiríano nun complemento salarial ou paga única de atrasos, cando se  unificaran as táboas (2026), de forma que complementase a diferenza salarial que deixaron de recibir, con respecto aos seus homólogos/as aos que lles aplicaron as táboas dos novos pregos. Igual nos centros de obras sociais e fundacións.

    Na Xestión Directa, para a CIG-Ensino as subas para aplicar deben ir no camiño de que a diferenza salarial coas de xestión indirecta debe alcanzar a equiparación salarial en 2026, ou como moito 20€ ou 30€ menos en cada categoría, como sempre foi historicamente nos convenios anteriores. A xustificación está en que na Galicia ambos os tipos de xestións son gratuítos e a proposta do novo goberno camiña cara a esa gratuidade na etapa 0-3.

    Ningún salario base estará por debaixo do SMI.

    LICENZAS E PERMISOS:

    O apartado G) amplialo a fillos/as menores e a maiores a cargo que non poidan valerse por si mesmos.

    XORNADA:

    Camiñar cara a redución das xornadas máis altas a 35h./semana e adaptación da xornada máxima anual. Recomendación de directivas europeas. O goberno xa vai reducir a mesma a 37,5h./semana. Nos docentes (educador/a, mestre/a) diferenciar xornada lectiva de non lectiva (1h./ día) Flexibilidade horaria, proposta pola patronal, entendemos que é innecesaria e non se xustifica neste sector,só entenderíase con boas medidas de conciliación laboral e familiar, que carecen delas, nas licenzas e permisos e aceptando a xornada que reivindicamos. Esta medida iría na contra deste dereito para conciliar este persoal, cando un dos fins destes centros é a conciliación do resto de traballadores/as. Avanzar neste punto non significa ceder nas reivindicacións das táboas salariais.

    IT:

    Rexeitamos calquera regresión neste artigo, non ten xustificación, mesmo van traballar enfermas moitas veces e non hai abuso de absentismo como di a patronal. O complemento da empresa nos 3 primeiros meses, que debe ser do 100% do salario, debe cumprirse e retirar o de non abonar o correspondente ás extras dos días de baixa laboral, pois é contraditorio ( “100% do salario”cando a extra tamén é salario). O recorte no complemento salarial da empresa que pretende facer a patronal ao comezo da baixa e aumentalo ao final, non é compensación algunha, é unha perda moito maior para o persoal e máis cando falamos de salarios precarios, cos que non chegan ao fin de mes... Só sería negociable caso de alcanzar as melloras anteriores na xornada, garantir o 100% do salario os 3 primeiros meses(contando extra) na 1ª baixa, completar ate o 90% do salario na segunda, e ate o 85% na segunda e seguintes; aceptando recoller que unha enfermidade ou accidente leve, con xustificación documental médica, que non dá lugar a unha IT  permíta ausentarte ao teu posto de traballo ata 24 ou 48h.nas que che recuperas. Avanzar neste punto non significa ceder nas reivindicacións das táboas salariais.

    CLÁUSULA DE DESCOLGUE:

    Mantela tal cal está, xustificándoo o pouco que foi solicitada polas empresas, non sendo necesaria e menos cando camiñamos cara a unha gratuidade neste ensino como xa temos en Galicia, e que as ratios deben baixarse ( infantil 3-6 comeza a 20 nenos/as).

    MELLORAS SOCIAIS:

    Na excedencia voluntaria reserva do posto de traballo 1 ano. En todas as xornadas dereito a mínimo 15´ de descanso que computarán como de xornada efectiva.

Ligazóns ás propostas das outras partes

Volver