Información da reunión técnica sobre a fase final do concurso excepcional de méritos

Nesta semana vaise publicar a baremación definitiva e a adxudicación provisional de prazas por corpos, especialidades e quendas

A Consellaría de Educación vai publicar nesta semana (nunca antes do xoves) dúas resolucións no mesmo día: 

  • baremación definitiva
  • adxudicación provisional de prazas por corpos, especialidades e quendas.

A continuación da publicación abrirase un prazo de 3 días hábiles para poder renunciar.

Teñen que renunciar obrigatoriamente as persoas que teñan dúas ou máis prazas de diferentes especialidades do mesmo corpo. De non renunciar expresamente aplicaríase a base 13.6 da convocatoria: 

De non facer opción, entenderase que acceden pola última especialidade en que prestaron servizos, cando sexa o caso, e, na súa falta, pola especialidade con menor código de identificación

A renuncia no caso de obter prazas de diferentes corpos é voluntaria. 

Non ten que renunciar a persoa que obteña unha soa praza, aínda que teña expectativas de obter outra praza noutra especialidade por posíbeis renuncias. No caso de que acabe obtendo dúas prazas (a inicial á que non renunciou e unha segunda como efecto de renuncias de terceiras persoas), a Consellaría contactará con esta persoa para que opte por unha delas, xa que non se vai abrir ningún outro período de renuncias. No suposto de que a Consellaría non puidese contactar coa persoa quedaría coa praza obtida inicialmente na adxudicación provisional.

Moi importante:  As persoas que obteñan unha praza na adxudicación provisional terán garantida esa praza, con independencia dos efectos de posíbeis recursos que se poidan producir. 

Procedemento da presentación das renuncias

Terá que facerse na sede electrónica, localizando en últimos expedientes a solicitude do procedemento da especialidade á que desexa renunciar e acceder á opción do trámite de renuncia, cubrir os datos e presentar na sede. Se ten que renunciar a máis dunha especialidade terá que facer este procedemento en cada unha das especialidades ás que renuncia.

É moi importante ter en conta que se unha persoa non realiza este trámite correctamente se lle aplicará a base 13.6. 

Publicación de adxudicación definitiva

A Consellaría vai facer coincidir a publicación definitiva galega coa publicación da adxudicación provisional do Grupo do Estado (prevista entre o 29 de maio e o 1 de xuño). Unha persoa que obteña praza na adxudicación provisional do Estado poderá renunciar á praza que obtivo definitivamente en Galiza, no prazo que se indicará na propia resolución. De ser así, habería unha modificación da adxudicación definitiva, segundo a base 13.7: 

A renuncia aos dereitos derivados do procedemento selectivo con anterioridade á realización da proposta de nomeamento como persoal funcionario de carreira dará lugar a que se declare aprobada a persoa que corresponda conforme os criterios establecidos nesta base. En ningún caso se declarará aprobada unha persoa que xa teña esa condición noutra especialidade do mesmo corpo.

A CIG-Ensino propuxo que se regule que facer no caso das persoas que obteñan praza fóra e tamén en Galiza, de tal xeito que aquelas que non opten expresamente pola praza de Galiza se entenda que desisten desta, correndo a lista e evitando así as prazas desertas. A Consellaría, estando de acordo coa nosa proposta, indicou que dependerá da decisión conxunta co resto das comunidades do Grupo de Estado e que así o vai propoñer. 

Nomeamento como funcionariado de carreira e prelación nos destinos provisionais para o curso 2023/24

Os nomeamentos estarán publicados no BOE antes do 1 de setembro. As persoas que obteñan praza neste concurso excepcional irán a continuación do profesorado en expectativa -incluído quen este curso aprobe a fase de prácticas- e por diante de quen aprobe o concurso oposición deste ano, xa que este colectivo participa como funcionariado en prácticas.

Volver