Información da reunión sindical co ministro de Universidades

A CIG, organización sindical maioritaria en Galiza, participou na tarde do día 8 de abril nunha xuntanza telemática co Ministerio de Universidades, Manuel Castells, o Director Xeral de Universidades e a Directora de Gabinete do ministerio

O Ministro trasladou os cambios normativos realizados para permitir a prórroga dos contratos de profesorado temporais que remataban nesta etapa do estado de alarma. Os sindicatos pedimos que esta prórroga se estenda até o final do curso académico e tamén estudar como afecta aos contratados predoutorais.

 

Tamén informou de que, por agora, non está definido como quedará a taxa de reposición de efectivos que, ademais dependerá dunha negociación co Ministerio de Facenda. Na web do ministerio hai información sobre a prórroga dos contratos de FPI e FPU, que é voluntaria e ten que solicitarse se se quere.

Con respecto ás adaptacións de docencia, avaliación e calendario académico, o Ministro entende que é unha decisión que corresponde ás Universidades dentro da autonomía universitaria, pero hai un acordo xeralizado de que o curso remate telematicamente e de preparar alternativas para avaliar en caso de que a situación se prolongue. Nese caso serían as axencias de avaliación as que estudarán a viabilidade e legalidade dos sistemas que eventualmente se puideran usar para unha avaliación telemática se é precisa.  A CIG propuxo que o Ministerio negocie co Ministerio de Sanidade que nas medidas de desescaladado estado de alarma poida incluírse ao sistema universitario de forma separada da educación obrigatoria, tendo en conta que non vai haber xa docencia presencial e que temos estudantes adultos, para facilitar a realización presencial dos exames coas lóxicas medidas hixiénicas e de distanciamento e unha posíbel adaptación de calendario.

O Ministerio trasladou a previsión de que o sexenio de transferencia poida resolverse en datas próximas e que o de investigación seguirá o calendario habitual.  O Ministerio non é partidario de que o calendario oficial deste curso se alongue máis alá do 1 de agosto, coa excepción das incorporacións de 1º  polo efecto das datas de celebración da ABAU. Non se pode descartar un retraso no inicio do curso escolar 2020/21 polo efecto da 2º convocatoria da ABAU ou por unha eventual modificación do calendario que realicen as universidades en virtude da autonomía universitaria.

A CIG consultou a posibilidade de flexibilizar os requisitos académicos das bolsas de estudo universitarias. O Ministro dixo que está traballando nun cambio de criterios con diminución do peso dos criterios académicos e aumento de contías, pero que dependerá tamén dos condicionamentos orzamentarios.

O Ministro anunciou que están traballando nun borrador de Estatuto do PDI que empezarán a negociar nas próximas semanas.

 

Volver