Información da reunión mantida hoxe co director e subdirector xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación
A Consellaría non atendeu a demanda da CIG-Ensino de convocar concurso xeral de traslados (CXT) no ámbito galego
A Consellaría de Educación, a través da Dirección e Subdirección Xeral de Centros e RRHH, convocounos, hoxe, 22 de xaneiro, a unha reunión como consecuencia de termos presentado, o 23 de decembro de 2014, unha solicitude de revogación da Orde do 5 de novembro de 2014 pola que se convocaba concurso xeral de traslados só a prazas de fóra de Galiza (ligazón).
A Consellaría trasladounos a súa decisión de non aceptar a nosa proposta de convocar concurso xeral de traslados a prazas de Galiza por dous motivos:
Falta de tempo, debido aos prazos que ten fixado o MECD para publicar a resolución provisional e definitiva.
Dado que a sentenza é firme en Galiza, poderían ter problemas xudiciais se convocasen un CXT aplicando o baremo que, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, é ilegal por contradicir as normas europeas.
A CIG-Ensino non aceptou as razóns expostas, porque a nosa solicitude foi feita o 23 de decembro e, de haber vontade e interese, poderíanse axilizar os prazos, así como facer as xestións correspondentes para retrasar a resolución provisonal a nivel de Estado. Así mesmo, a súa decisión comporta novos prexuízos para moito profesorado.
A CIG-Ensino, na reunión, trasladoulles a necesidade de convocar Mesa Sectorial para negociar un novo baremo a fin de aplicalo no próximo concurso a nivel galego. A solución á actual conflitividade e problemática xurdida en relación ao CXT, para a CIG-Ensino, pasa por abrir unha negociación na Mesa Sectorial de Galiza e acordar un baremo que considere os servizos prestados, independentemente da situación administrativa na que se prestara, tal e como ditaminou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), mais non outorgándolle a puntuación de provisionalidade aos interinos e interinas.
Exixísmolle, tamén, que tiñan que actuar perante o MECD para que a convocatoria a nivel de Estado, previa negociación coas OOSS con presenza na Mesa Sectorial do Estado, se fixese coa seguridade xurídica suficiente.
A CIG-Ensino tamén vai solicitar ao MECD a apertura de negociación para resolver este conflito.