Información da reunión do día 21 de febreiro de 2011 da Mesa de Ensinanza Pública non Universitaria do Estado

Reunión no Ministerio de Educación

Na orde do día tratouse o borrador da Orde pola que se estabelece a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica exixida no artigo 100 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, para aquelas persoas que tendo a titulación requirida para o exercicio da docencia non poden realizar os estudos de Mestrado.

Orde do día:

Borrador Orde pola que se estabelece a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica exixida no artigo 100 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, para aquelas persoas que tendo a titulación requirida para o exercicio da docencia non poden realizar os estudos de Mestrado.  Achégase ao final un resume da orde que se vai enviar ao centros e afiliados e afiliadas de FP.

  • A CIG-Ensino defendeu que a planificación, a impartición e a obtención de acreditación desta formación pedagóxica e didáctica debería corresponder unicamente ás administracións educativas e ás universidades públicas, rexeitando calquera privatización. O Ministerio aceptou a nosa proposta e comprometeuse a redactar de novo o artigo 5 do borrador da Orde para que non caiba dúbida e este respecto.
  • Así mesmo, solicitamos que non se recollese como requisito para acceder a esta formación obrigatoria o dominio dunha lingua estranxeira equivalente ao BI porque non todo o profesorado está en condición de telo e porque supón unha exixencia innecesaria nun País como o noso con lingua propia e dúas oficiais. Non entanto, o Ministerio non aceptou a nosa proposta porque  os outros sindicatos dérona por boa. En todo caso, o requisito non será necesario antes de setembro 2014). A proposta inicial era para setembro de 2013.  
  • O Ministerio tamén aceptou a proposta da CIG-Ensino de aprazar un ano máis (até o curso 2013-2014) o requisito de posesión do certificado para impartir docencia.
  • Non aceptou a proposta de reducir de 12 a 9 meses o recoñecemento da docencia como equivalente ao certificado oficial.

 Despois da nosa intervención, os outros sindicatos, en termos xerais, coincidiron coa nosa proposta, no sentido de que esta formación corresponderíalle unicamente ás administracións educativas. CCOO, secundada por outras organizacións sindicais, non vía con bos ollos o dos 20 créditos de libre configuración.  Desde a CIG-Ensino deixamos constancia que ás diferentes administracións educativas, con lingua propia, correspóndelle fixar o 45% dos currículos e os 20 créditos propostos como de libre configuración non supoñen, nin sequera, esa porcentaxe. O Ministerio respondeulle que as CCAA tiñan tamén competencia para fixar parte do programa e que non querían problemas con elas.

Ningunha organización sindical secundou a nosa proposta para suprimir o requisito do nivel BI. O Ministerio contestounos que tamén se solicita para o mestrado e que por iso se esixe nesta orde.

Proximamente, terán unha reunión coas CCAA para a continuación publicar a orde.   

ROGOS E PREGUNTAS

Oposicións 2011

O Ministerio informou que na última reunión mantida coas CCAA, o día 18 de febreiro, procurou que todas as comunidades autónomas convocasen oposicións e que cumprisen o estabelecido nos orzamentos do Estado respecto da taxa de reposición que, como sabedes, non pode superar o 30%. Informa que  hai comunidades como Murcia, Cantabria, Castela-A Mancha que fixaron a taxa de reposición no 10%. Neste momento, Canarias, Castela-A Mancha, Murcia, A Rioxa e Asturias, ou non convocan ou non teñen tomado aínda a última decisión .

 A CIG-Ensino defendeu que o nº de prazas  e a propia convocatoria de oposicións lle corresponde exclusivamente as diferentes administracións educativas.  Amais de rexeitarmos a limitación do 30% da taxa de reposición, temos que dicir que e a lei de orzamentos da  Xunta de Galiza deixa á marxe desta taxa a oferta das vacantes que se produciran pola xubilación anticipada. A CIG esixirá que estas prazas saian a oposición.

Sistema de acceso para o ano 2012

 O Decreto 276/2007 que regula o sistema de acceso a función docente, estabelece un sistema transitorio que remata neste ano e fixa tamén o sistema de acceso a función pública docente desde o 2012. Agora, o ministerio comprometese, a partir de marzo, negociar un novo sistema de acceso que substituiría  ao  que estaba previsto aplicar a partir do 2012.

Temarios

Como sabedes, para o ano 2012 entrarán en vixencia uns novos temarios de oposicións. Consúltaos desde aquí Corpo de mestres /// Corpo de secundaria

Xubilación anticipada LOE

A CIG-Ensino formulou a necesidade de convocar unha reunión da Mesa para tratar especificamente a prorroga para poderse acoller á xubilación anticipada, segundo a disposición transitoria da LOE. O Ministerio respondeu que non o vía necesario, xa que despois do acordo acadado entre o Goberno, CCOO e UGT sobre as pensións non cabía ningún tipo de negociación fóra dese acordo. Co acordo de pensións asinado por  CCOO  UGT non hai cabida posíbel para a prórroga  xubilación máis aló do 2012.

O  único que podía afirmar é o  que xa o ministro expresara publicamente: que está pedindo a posibilidade de prorrogar a xubilación anticipada un ano máis.

RESUME DA ORDE :

Obxecto desta Orde

O obxecto da Orde é regular a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica exixida no artigo 100 da LOE que será necesaria para aquelas persoas que non teñen a titulación necesaria para acceder aos estudos de Máster (regulados pola Orde ECI 3858/2007 que estabelece os títulos necesarios para exercer a profesión de profesor de ESO, FP, EOI, E. Artísticas Profesionais e Ensinanzas Deportivas) e que pretende impartir docencia.

Destinatarios/as

Persoas que por razóns derivadas da súa titulación non poden acceder aos estudos de mestrado. Toda persoa que estea en posesión dunha titulación declarada equivalente para efectos de docencia e que vaia impartir Ensinanzas de Formación Profesional, Ensinanzas Artísticas Profesionais ou Ensinanzas Deportivas debe ter esta formación.

Requisitos para o acceso a esta formación

  • Ter unha titulación declarada equivalente para efectos de docencia e non pode acceder aos estudos de mestrado.
  • Acreditar o dominio dunha lingua estranxeira equivalente ao nivel BI do Marco Común Europeo de Referencia das linguas. Este requisito non se exixirá até o 1 de setembro de 2014.

Equivalencia mediante a docencia impartida 

Todo profesorado obxecto desta Orde que acredite, antes do remate do curso 2011-2011, ter impartido docencia durante 12 meses en períodos continuos ou descontinuos en centros públicos ou privados recoñeceráselle a dita docencia como equivalente ao certificado oficial que acredita a formación pedagóxica e didáctica.

O profesorado interino e substituto que teña titulación adecuada para realizar o mestrado (licenciatura, título de grao equivalente, arquitectura, enxeñaría) e que non se lle requiriu, no seu día, non pode acollerse a esta orde a non ser que para acceder presentase título de Técnico Superior. O MEC queda de estudar unha saída para este colectivo.

Planificación destas ensinanzas

-       Terán unha duración de 60 créditos

-       20 créditos serán de materias de libre disposición.

-       80% dos créditos totais, incluído necesariamente o práctico, serán presenciais.

-       Os módulos das ensinanzas estarán repartidos da seguinte maneira:

  • ·         Módulo xenérico de 10 a 16 créditos.
  • ·         Módulo específico: de 15 a 22 créditos.
  • ·         Practicum: 15 a 22 créditos.
  • ·         Traballo fin de estudos.

Datas da exixencia do certificado para acceder ao ensino

A partir do curso 2013-2014 as persoas obxecto desta orde deben estar en posesión deste certificado oficial para poder impartir docencia. Os/as de Ensinanzas Deportivas deberán telo a partir do 3º curso de implantación do título da especialidade ou modalidade correspondente.

Volver