INFORMACIÓN DA REUNIÓN DO CONSELLO PARA A CONVIVENCIA ESCOLAR
Realizou a súa primeira reunión en setembro tras a súa constitución
A CIG-Ensino, nas emendas presentadas no Consello Escolar de Galiza, xa reclamaba recursos e medios para facilitar a prevención da conflitividade e a convivencia escolar, tales como: redución das ratios, garantía de desdobres, orientación en todos os centros de máis de 6 unidades, ampliación e comarcalización dos Equipos de Orientación Específicos, tratamento transversal do tema da conflitividade, formación do profesorado dentro do horario lectivo, etc,
Tal e como está actuando a Consellaría de Educación nos últimos cursos, coa supresión continua de postos de traballo, fundamentalmente de PT, AL e Orientación (este inicio de curso, o 21 % do profesorado itinerante é de Orientación e o 66% de prazas de orientación son itinerantes), e coa negativa a dotar os centros de profesorado de PT e AL demandado polos centros, moito nos tememos que todo este plan quede en papel mollado.
Outro punto importante que se tratou foron dous borradores en materia de formación en saúde:
1.- Atención en urxencias sanitarias.
2.- Atención ao alumnado con diabete.
É importante sinalar neste apartado que a CIG-Ensino xa manifestou en moitas ocasións o seu rexeitamento a que lle trasladen ao profesorado responsabilidades que non son súas. O control da saúde e a administración de medicamentos non forma parte das funcións dos mestres e cando algún alumno ou alumna precisa dunha atención específica neste sentido terán que estabelecerse mecanismos de coordinación cos centros de saúde e persoal sanitario para a súa atención. É significativo que o representante das direccións neste organismo manifeste o seu apoio a estes documentos argumentando que a gran maioría do profesorado está a favor.
Quedaron de analizar as propostas feitas .
No apartado de rogos e preguntas, a CIG-Ensino manifestou a súa sorpresa de que o sindicato que se autopropuxo para a Permanente (UGT co apoio de CCOO e ANPE), impedindo, por tanto, á CIG, sindicato maioritario, ter presenza nese órgano, non acuda ao Pleno.
Hai que salientar que non houbo practicamente ningunha intervención en ningún apartado, excepto as da CIG-Ensino.