Información da reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Educación

No derradeiro día lectivo día do primeiro trimestre de curso tivo lugar a única reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL)

A reunión veu motivada pola denuncia que a CIG fixo na Inspección de Traballo e na que se constatou que se vulnerou a preceptiva comunicación coa representación do profesorado. Na orde do día figuraba un único punto na orde do día: Información sobre actuacións correspondentes do primeiro trimestre do curso escolar 2020-2021.

Na intervención da CIG no CISSL fixemos especial fincapé en que a realidade da prevención de riscos na Consellaría de Educación vén lastrada desde hai anos por unha ausencia practicamente absoluta de actuacións. Sirva como exemplo que este Comité Intercentros está sen renovar desde hai aproximadamente 10 anos, malia os requirimentos presentados pola CIG-Ensino, e que só se reúne unha vez ao ano para que o servizo de prevención dea conta de datos relacionados coa accidentabilidade e coa campaña anual de vixilancia da saúde. A situación non é mellor nos comités provinciais, nos que a maior parte non se reúnen desde hai anos.

Ese ano excepcional provocado pola incidencia da pandemia nas nosas vidas e no noso traballo debería ter sido o dun punto de inflexión no desinterese da Consellaría pola prevención da saúde de miles de docentes e non docentes. Mais non foi así, como todos e todas sabemos.

Por iso, a CIG denunciou á Consellaría diante da Inspección de Traballo, xa no mes de outubro, por múltiples incumprimentos:

- Falta de planificación preventiva. A Consellaría de Educación sostén todas as pautas de actuación nos centros educativos ao respecto da situación creada pola covid-19 nun enfoque exclusivamente de saúde pública e non de prevención de riscos laborais, como ao noso entender, está obrigada pola lei 31/1995 de prevención de riscos. Así:

  • Non se realizaron avaliacións de riscos nos centros educativos. Con carácter xeral, e sen estar relacionada coa covid-19, esas avaliacións nunca existiron (máis alá dalgunha puntual en centros de FP).
  • Aprobación de diferentes protocolos, nos que non se regula nada desde a perspectiva da protección de riscos específicos, sen negociación previa en ningún ámbito:
    • Cada centro educativo tivo que elaborar un “Plan de adaptación á situación covid-19” e o “Plan de Continxencia do centro educativo”. As persoas responsábeis da súa elaboración e aprobación non contaron con ningún tipo de asesoramento en prevención de riscos nin eran tampouco expertas no tema.
    • En ningún momento se contou nin cos servizos de prevención nin cos comités provinciais ou co Intercentros.
  • Falta de medios ou criterios sobre a dotación de material de protección e deficiencia da formación necesaria.
  • Con data 14 de setembro a CIG-Ensino remitiu un escrito ao conselleiro de Educación facendo fincapé na dotación de material de protección axeitado.
  • Con data 18 de setembro remitimos un novo escrito, neste caso o Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Educación, criticando que na nova versión do protocolo (data 31 de agosto) se eliminase por completo toda a sección relacionada coa tramitación das solicitudes nos supostos de persoal vulnerá

Entre outros aspectos, a CIG demandou na denuncia á Inspección de Traballo:

  1. A avaliación de riscos dos postos do persoal dos centros educativos.
  2. Os EPIS adecuados para a actividade para o persoal (máscaras ou outro material de protección axeitado para cada actividade e repostos suficientes: pantallas, máscaras transparentes para alumnado ou profesorado con limitacións auditivas ou con necesidades educativas especiais).
  3. A valoración de todas as solicitudes de persoas especialmente sensíbeis partindo dunha valoración previa en cada posto de traballo do risco, tanto en función do posto como da vulnerabilidade do ou da traballadora, coa dispensa a incorporarse ao centro de traballo mentres esta non se produza.
  4. A revisión das medidas incluídas nos protocolos desde a perspectiva da prevención de riscos, nomeadamente a obriga a dar docencia en aulas con alto nivel de ocupación (até 25 alumnos en infantil e primaria, 30 na ESO e en FP e 35 en Bacharelato e outras ensinanzas) sen medidas de distanciamento mínimo (1,5m) mediante o uso de anteparos.

A Inspección constatou moitas deficiencias, moitas que aínda non foron corrixidas, e que polo camiño emprendido polos responsábeis da Consellaría non parece que vaian facelo.

  • A Consellaría non ten capacidade para a vixilancia e protección da saúde do seu persoal e o camiño da privatización non foi nin é, para a CIG, a forma de reverter a situación.
  • Tamén é un impedimento a nova estrutura da Consellaría publicada no DOG do 1 de decembro, onde elimina o Servizo de Prevención como tal, xa non ten nin a categoría de Xefatura, engádense as súas funcións áSubdirección de Persoal que xa ten traballo abondo como para ter por riba que facerse cargo da Prevención e da Saúde Laboral do seu persoal. Non é un problema nominal, de onde estea e de quen dependa senón de que dispoña dun Servizo propio con persoal suficiente.
  • A Consellaría permitiu que CUALTIS, empresa contratada para a realización de plans, se desentendese da elaboración de avaliacións propias e diferentes de cada centro.
  • CUALTIS non elaborou ningunha avaliación específica centro a centro, nin tan sequera por tipoloxía destes, senón que fixo un “corta e pega” con informes idénticos desde o punto de vista da prevención da saúde.
  • A Consellaría pretendeu lavarse as mans e responsabilizou aos centros educativos das deficiencias nos Plans de adaptación á covid-19.
  • A Inspección de Traballo detecta contradicións no Protocolo da Consellaría e indica que a administración debe dotar de EPIs a todos os centros.
  • Tamén é necesario, para a Inspección de Traballo, “unha valoración sobre o nivel de exposición do traballador e sobre a necesidade de dotalo dos EPIs pertinentes (cando menos das vías respiratorias de nivel FFP2 para aquelas tarefas de maior risco)”, coincidindo exactamente coa demanda que desde a CIG-Ensino vimos facendo desde hai meses e que a Consellaría se nega a aplicar. Á hora de identificar esa maior exposición ao risco, na resolución cítase expresamente non só a quen ten que acompañar a alumnado con síntomas senón tamén a docentes de Audición e Linguaxe ou persoal coidador que atende a alumnado con NEE, persoal de Conservatorios, é dicir, todo aquel que polo seu traballo é susceptíbel de estar máis exposto ao risco.
  • O profesorado que solicitou a consideración de vulnerábel foi desprezado pola Consellaría. Non foi até o 6 de outubro cando, pola incapacidade de dar resposta ás solicitude feitas, se lle encomendou estas valoracións á empresa CUALTIS, cunha contrata limitada a 850 valoracións. E dos datos aportados pola propia Consellaría se deduce que tampouco se preocupou do que pasou con esas valoracións, cando é súa a responsabilidade de adaptacións de postos ou posibles baixas que puidera dar lugar.
  • A formación para a protección da saúde é Convoca formación a partir de xaneiro cando xa leva o profesorado 4 meses nos centros.
  • A Inspección de Traballo censura a ausencia de negociación cos sindicatos. Na resolución queda confirmada a denuncia da CIG dunha total ausencia de negociación por parte da Consellaría nos cambios dos protocolos e na adaptacións destes aos diferentes centros. Instamos polo tanto a que se corrixa convocando os órganos con tempo suficiente para a implementar todas as medidas necesarias que demanda o profesorado e ás que a Consellería se negou.

Volver