Información da reunión coa Consellaría para informar sobre os efectos do RD 5/2023 nos procesos selectivos no ensino público

A reunión foi solicitada pola CIG-Ensino en canto tivemos coñecemento da incorporación dun artigo na lei que habilitaba a posibilidade dun “novo” concurso de méritos para as administración que non tivesen cumprido coa Lei 20/2021

O pasado 29 de xuño publicouse no BOE o  Real Decreto-Lei 5/2023, unha norma “ómnibus” que recolle todo tipo de medidas, tanto de cambios de permisos como de materia económica e que incorporou un artigo polo que se autoriza ás administracións públicas a unha “taxa adicional” para prover, mediante un novo concurso de méritos, o ingreso na función pública partindo do criterio da disposición adicional 8ª da Lei 20/2021.

A xustificación que dá o goberno estatal para a incorporación do artigo é a seguinte: 

  • Existen administracións públicas que incumpriron o disposto na Lei 20/2021no referido á disposición adicional oitava da lei.
  • Na execución dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021 confluíron procesos derivados de normativas anteriores, xerando diferenzas respecto ao réxime selectivo mediante concurso e cos criterios fixados na lei (con mención expresa á DA8), coa consecuencia de que procesos de estabilización para casos similares poderían ter sido convocados con regras diferentes en función de cada administración.
  • So neses casos, sería necesario ofrecer un proceso selectivo mediante concurso que parta dos requisitos da disposición adicional 8ª da Lei 20/2021se unha administración non permitiu que se fixese.

O día 30 de xuño a CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría de Educación a solicitude dunha reunión analizar o percorrido desta novidade lexislativa no marco da función docente galega e para que a administración educativa. 

O luns 3 de xullo recibimos a convocatoria para unha reunión técnica na que a Consellaría expuxo as súas consideracións sobre este tema. 

Como conclusión dun extenso informe presentado polo subdirector xeral, a Consellaría informou que non procede un “novo" concurso de méritos ao non se ver afectado o sector educativo galego polo que recolle o artigo 217 do RD 5/2023.

A CIG-Ensino trasladou, en resposta á Consellaría, a súa análise:
  • A incorporación deste artigo fíxose dun xeito moi deficiente, ao ser preciso acudir á exposición de motivos para interpretar correctamente o que se pretende. De novo pártese dunha concepción centralista e sen ter en conta a realidade de cada sector e de cada administración.
  • Non estamos diante dun “novo proceso de concurso de méritos” senón da habilitación estatal para facer ou ampliar o actual se non se fixo ou se fixo incorrectamente.
  • O artigo 217 está pensado expresamente para administracións que ou ben non convocaron concurso de méritos ou fixérono sen aplicar total ou parcialmente a disposición adicional oitava DA8). Por tanto, estase a referir a unha administración que, coincidindo co prazo no que debería convocar o concurso de méritos excepcional, resolveu procesos selectivos anteriores polo que prazas ocupadas por persoal interino non puideron computar dentro das prazas que deberían ser ofertadas en virtude da DA8. 
  • Hai que ter presente os diferentes ritmos nas convocatorias de oposicións. En Galiza xa foran convocadas e resoltas con anterioridade á execución da Lei 20/2021 todas as prazas derivadas das oposicións vinculadas cos orzamentos xerais do Estado dos anos 2017, 2018 e 2021. É dicir, cando se determinaron as prazas e se convocou o concurso de méritos só quedaban pendentes de convocar as propias prazas de estabilización previstas na Lei 20/2021. 
  • Para determinar o cumprimento da lei 20/2021 e, especificamente, do criterio da DA8 hai que repasar o proceso de determinación das 1.156 prazas que foron obxecto de oferta no concurso de méritos. A este respecto convén ter presente:
    • É público e notorio o traballo realizado polo sindicato para identificar as prazas que cumprían os requisitos da DA6 e DA8, o que provocou que se duplicaran as prazas inicialmente previstas pola Consellaría (do “ao redor de 500” pasamos a 1.156). Igualmente foi destacado o noso esforzo por dotar da máxima transparencia o proceso de negociación de prazas, sendo a CIG-Ensino e non a administración (nin por suposto ningún outro sindicato, plaxiara o noso traballo ou non) quen permitiu que todo o mundo coñecese a “trazabilidade” das prazas a ofertar e os motivos para que outras non se ofertasen (partindo dos criterios da administración). Isto tamén permitiu un aumento das prazas tras as reclamacións presentadas pola CIG. Non houbo ningún exemplo en todo o Estado que se achegase nin de perto ao que conseguimos no país en canto a transparencia, determinación de prazas e trazabilidade destas. Isto é, en Galiza si se tiveron en conta, grazas ao traballo da CIG-Ensino, os criterios que fixou a Lei 20/2021. 
    • A principal coincidencia entre os criterios trasladados pola CIG-Ensino á dirección xeral e que finalmente asumiu a administración estaba precisamente na prelación da determinación das prazas para cumprir a Lei 20/2021: 1º as prazas da DA6, despois as prazas da DA8 e despois as prazas do artigo 2; isto é, respectar o que nós entendiamos como espírito da Lei 20/2021: primar as prazas a convocar por concurso de méritos (algo que curiosamente agora vén a evidenciar o propio Estado como medida correcta). Outras CC.AA., tamén no ámbito educativo, fixérono ao contrario (como algún sindicato tamén defendeu inicialmente aquí). Serán neses ámbitos onde se teñan que revisar os pasos dados para determinar as prazas. 
    • É coñecido o desacordo da CIG-Ensino coa cifra total de prazas convocadas no concurso de méritos pola fixación duns criterios por parte da Consellaría que, se ben foron mellorados na fase de negociación, limitaron a oferta ao reducir as que se consideran estruturais (especialmente polo criterio de que o carácter estrutural da vacante tiña que ser permanente desde xaneiro de 2016 e por outros criterios con menor afectación).
    • Que exista unha discrepancia, como houbo, nos criterios para considerar que determinadas prazas fosen ou non estruturais, non implica que non se partise de ter en conta especificamente o persoal que traballaba como temporal xa desde xaneiro de 2016 como fixaba a DA8. Por tanto, se a Consellaría mantivese, nunha hipotética nova negociación, os mesmos criterios para determinar que prazas son vacantes estruturais e cales non, o resultado sería que todo o que se podía ofertar por concurso de méritos xa foi ofertado. A única posibilidade de podermos falar dunha ampliación de prazas do concurso de méritos daríase por un cambio da Consellaría nos criterios para determinar o carácter estrutural das prazas, algo que provocaría unha enorme inseguridade xurídica ao actuar nun proceso das mesmas características con criterios diferentes e cando, ademais, existen recursos xudiciais contra o concurso actual.

Volver