Información da reunión co Secretario Xeral de Universidades
A CIG-Ensino participou o 13 de febreiro nunha reunión convocada polo secretario de Estado de Universidades xunto cos demais sindicatos máis representativos a nivel de Estado
Constitución da Mesa de Universidades. Unha tarefa pendente.
Un dos obxectivos da xuntanza era ver se se constituía oficialmente unha Mesa Sectorial conforme ao previsto na normativa vixente. Houbo acordo unánime de facer un escrito para demandar a constitución. Deste xeito tamén se incorporarían á Mesa a representación de Función Pública (Ministerio de Administracións Públicas) e Facenda, ao depender a Mesa de Universidades da Mesa Xeral de AA.PP. e sendo necesaria a presenza destes departamentos á hora de adoptar acordos relevantes, como todo o relacionado coa carreira profesional ou o Estatuto do PDI.
Desde a CIG-Ensino somos partidarios de que se constitúa canto antes e que sexa nese foro oficial de negociación no que poidamos avanzar no debate das demandas de mellora tanto das nosas condicións laborais como das universidades públicas.
Taxa de reposición.
Na reunión acordouse solicitar que se desvinculen as promocións internas (CD-TU e TU-CU) da taxa de reposición, co fin de que poidan incrementarse as prazas ofertadas, singularmente nas universidades que teñen menos xubilacións e nas que as Ofertas Públicas de Emprego son, por ese motivo, moi reducidas.
Para a CIG-Ensino seguirá sendo un tema fundamental que a taxa de reposición desapareza da normativa actual para os postos de PDI e que sexan as Universidades, partindo da súa autonomía, as que teñan a potestade de negociar as prazas que deben ser ofertadas nos procesos selectivos para PDI Laboral ou funcionario dentro das dispoñibilidades orzamentarias coas que conten. Hai que ter presente que a taxa de reposición foi a principal causante da paralización das contratacións, a precarización e a ausencia de renovación do PDI nas universidades nesta última década e que no acordo asinado polos sindicatos estatais con Montoro no 2018 dáse por boa a existencia dunha taxa de reposición do 100% das xubilacións a partir de 2020, o que non permitirá incrementar os actuais cadros de persoal, xa que para consolidar o actual emprego temporal serían necesarias ofertas de emprego que non se limitasen ás xubilacións, co obxectivo de converter en emprego fixo todo os actuais postos de traballo en precario de carácter estrutural.
Derrogación do RD-L 14/2012. Unha oportunidade perdida.
A reunión tamén serviu para que, desde a parte sindical, se demandase que o goberno derrogue o RD-L 14/2012 (o que implantou Rajoy para someter os orzamentos, titulacións e a política de persoal das universidades e que agravou a precariedade laboral e o freo á carreira docente e investigadora do PDI). O Secretario Xeral de Universidades afirmou que esa era a intención do seu departamento mais que a Avogacía do Estado informou negativamente sobre a derrogación ao existir artigos que modificaron a LOU, polo que sería necesario modificar a Lei.
Desde a punto de vista da CIG esta realidade implica que se perdeu un tempo fundamental para avanzar na eliminación dos recortes aplicados polo anterior goberno, o que é responsabilidade do actual goberno. A propia inestabilidade política actual e a previsión dunha novas eleccións provocarán, con seguridade, que se manteña a lexislación actual, totalmente lesiva para os nosos dereitos como profesorado e para a autonomía universitaria.
Grupos de traballo como subterfuxio dunha auténtica negociación.
Como xa fixemos na última reunión co Secretario Xeral, trasladamos a nosa queixa polo feito de que os traballos previos á elaboración dunha proposta de Estatuto de PDI se estea a facer por fóra da Mesa de Universidades. O Ministerio optou pola creación dun grupo de traballo coa presenza de 3 sindicatos (coa exclusión da CIG malia sermos sindicato máis representativo), 3 reitores e 3 CC.AA.
Non estamos de acordo con este sistema de funcionamento nin de selección “a dedo” por parte do Ministerio de quen deben ser os que leven xa preparada ou cociñada unha proposta.