Información da mesa sectorial sobre o Protocolo para o curso 2021/22

Hoxe tivo lugar a mesa sobre o Protocolo que se aplicará no vindeiro curso

CIG Informa sobre o Protocolo. Ligazón

Temas varios

A CIG-Ensino presentou os seguintes temas na rolda final de intervencións: 

Os primeiros datos dos tribunais apuntan a unha porcentaxe importante de prazas desertas

Na revisión que a CIG-Ensino vén realizando a diario da evolución das oposicións xa nos encontramos con que neste momento é seguro que no corpo de PTFP van quedar desertas un mínimo do 21% das prazas, xa que só superaron a 1ª proba o 79% das aspirantes. Non parecen normal estas cifras , sobre todo se temos en conta a alta porcentaxe de persoal interino con experiencia que existe neste corpo. Con menos datos e de menos especialidades tamén constatamos que no corpo de PES só superan a 1ª proba ao redor dun terzo máis das prazas convocadas. No caso de Mestres de taller a cifra quédase practicamente na mesma cifra que prazas e de momento os datos co corpo de mestres son moi incompletos aínda e debemos gardar, tanto neste corpo como en PES a que todos os tribunais publiquen as notas do 1º exame. Porén, todo apunta a que este sistema de oposicións e a súa aplicación por parte dos tribunais segue facendo augas, porque cunhas porcentaxes tan baixas de aprobados na 1ª proba está claro que un ano máis, e este malia a redución de aspirantes por tribunal, non se está a respectar o criterio de que o acceso é por concurso-oposición, xa que finalmente -cando non queden prazas desertas nunha especialidade- a lista de persoas aprobadas na fase de oposición vai ser a mesma que prazas convocadas, desprezando a fase de concurso. Urxe facer cambios para evitar que queden prazas desertas e que se poña en perigo o futuro de quen leva anos traballando e demostra no día a día a súa valía como docente.

A Consellaría afirma ser consciente da situación mais insiste en que os tribunais son soberanos á hora de examinar e avaliar, descargando neles toda a responsabilidade.

Transparencia na publicación e actuacións dos tribunais

Hai algún tribunal que está actuando co máximo rigor e ten publicados non só os criterios de avaliación senón tamén as respostas dos exames. Iso é o que deben facer todos os tribunais, xa que é garantía para quen participa da obxectividade na corrección das probas. Nun proceso selectivo tan cargado de subxectividade como estas oposicións toda transparencia e información por parte dos tribunais é pouca. Neste momento tampouco se publicaron, como comprometeu a Consellaría, a relación completa e actualizada das persoas integrantes dos tribunais.

A Consellaría confirmou que non o colgaron por erro e que procederían a facer pública a composición definitiva dos tribunais inmediatamente. Sobre o resto de actuacións dos tribunais non se pronunciaron.

Aplicación do novo acordo de estabilidade entre os sindicatos estatais e o Goberno

A CIG-Ensino cuestiona á Consellaría se a Xunta ten pensado recorrer o RDL no caso de que se convalide no Congreso. Desde o sindicato amosamos a nosa preocupación por un acordo que entendemos non só non cumpre coa xurisprudencia do TXUE senón que vai incrementar a litixiosidade no ámbito da función pública. Diante dunha primeira intención amosada polo Ministerio de Educación e dos sindicatos asinantes de tratar temas relacionados coa adaptación dese acordo, no que se refire ao persoal interino, queremos saber que vai facer a Consellaría.

O Subdirector Xeral indicou que terán que analizar coa asesoría xurídica central da Xunta e con Función Pública os efectos do RDL mais xa adianta que lle parece moi preocupante que unha norma que se ve claramente pensada para o ámbito da administración xeral se poida aplicar no sector educativo. Fala de contradicións co sistema de nomeamento e cese anual no caso do persoal interino docente e entende que vai traer un aumento da litixiosidade, tanto polo tema dos ceses (tres anos que fixa o RDL cando no caso galego os ceses son anuais) como pola indemnización. 

Concurso de cátedras dos corpos de secundaria

Solicitamos información sobre a situación actual do concurso e das datas previstas.

A publicación do baremo provisional será en breve, seguramente nesta semana, posteriormente publicarán a composición dos tribunais mais xa descartan que poidan rematar agora, levando todo o resto dos prazos ao primeiro trimestre de curso e os efectos administrativos e retributivos a 1 de xaneiro de 2022. A CIG-Ensino mostra o seu total desacordo coa data dos efectos e solicita que, sendo necesario rematar todo o proceso xa iniciado o curso,  sexan con carácter retroactivo do 1 de setembro de 2021. En ningún caso se debe contar con agosto como mes hábil para reclamacións e traballos do tribunal, algo que así confirma a Consellaría.

Situación actual en cátedras de CMUS

Solicitamos información sobre a confirmación da firmeza da primeira sentenza e se está en trámite de execución e sobre o recurso de casación da segunda e, en consecuencia, sobre os prazos previstos pola Consellaría. 

Neste momento non só está pendente a tramitación dun segundo recurso de casación no Supremo senón tamén outros recursos no TSXG, polo que non haberá decisións novas até que rematen todos os procesos xudiciais en marcha.

Negativa a matricularse nun 2º curso dun ciclo superior de FP sen COU e con todo aprobado no 1º curso

Non nos parece normal que persoas con todos os módulos de 1º aprobados non poidan seguir os seus estudos. A Consellería afirma que non se pode matricular deste novo curso por non ter a titulación necesaria (COU). Desde a CIG-Ensino comprendemos que esta situación afecte a quen acceda por primeira vez a un ciclo superior, pero non debera afectar ás persoas que xa iniciaron o ciclo e agora están a rematar os estudos.

Cónstalles que o tema está sendo revisado pola Secretaría Xeral de Educación e FP mais non teñen máis información.

Irregularidades na xestión das probas libres de EOI

Logo de enviar un escrito á DX de Persoal alertando das irregularidades en materia de contratación de persoal interino que se ía cometer pola teimosía da Consellaría en manter as probas libres de EOI no mes de xullo, procedendo a ter a persoal interino sen dar de alta, a Consellaría rectificou e prorrogáronse contratos até o día 13. Porén, os traballos rematan o día 16 e debería ser con esa data coa que se cesase a este persoal. O que non pode ser é que se dean instrucións sobre presenza no centro de profesorado ou de participación na avaliación por parte de persoal asesor da Consellaría. 

Confirman o erro cometido e a súa subsanación e indican que non ampliaron até o 16 porque recibiron a información da Subdirección Xeral de Ensinanzas de Réxime Especial de que ningunha das persoas cesadas hoxe ía ser necesaria até o 16, indicando expresamente que “non poden traballar máis alá de hoxe”.

Peche de aulas e supresións de docentes

Temos datos xa da decisión da Consellaría de pechar un número importante de aulas, tanto en zonas urbanas como rurais. Se en calquera momento nos parece mal que se perdan aulas e profesorado, neste momento é totalmente impresentábel. Argumentar que cae a matrícula é un síntoma de pechar os ollos a unha realidade que precisa de máis docentes, de menos ratios e dunha atención máis especial ao noso alumnado.

Volver