Información da Mesa Sectorial sobre as licenzas de formación, prazas sometidas a convenio, orde directoras e currículos de ciclos formativos

A Consellaría de Educación liquida a licenzas por estudos converténdoas en licenzas para elaboración de materias TIC e formación en inglés

A CIG-Ensino reclama na Mesa Sectorial o ingreso inmediato dos orzamentos dos gastos de funcionamento aos centros educativos. NESTA NOVA PODER LER OS BORRADORES, AS PROPOSTAS DA CIG ENSINO NA MESA SECTORIAL E AS RESPOSTAS DA ADMINISTRACIÓN.

Na Mesa Sectorial de Educación celebrada hoxe tratouse a Orde de licenzas  por formación. Un ano máis a CIG-Ensino denunciou que a proposta da Consellaría liquide catro das modalidades de formación convocadas até o curso 2010-2011, trátase das modalidades de licencias por estudos para a finalización da tese de doutoramento, para a realización dunha primeira ou segunda licenciatura ou para a realización dunha primeira diplomatura, enxeñaría técnica ou estudos equivalentes, modalidades que no ano 2010 se traduciron en 58 licenzas de duración anual. Como o ano pasado a Consellaría fai unha oferta de licenzas formativas pensada segundo os seus intereses e para reforzar as liñas básicas do PP: materiais abalar e ensino en inglés, non pensando na formación necesaria do profesorado a nivel didáctico e pedagóxico. Isto vai en coherencia co desinterese da actual Consellaría pola formación do profesorado, desinterese que explica os continuos recortes en formación ou que ao final a formación sexa utilizada segundo as necesidades ideolóxicas da Administración que incrementa a discrecionalidade na adxudicación destas licenzas, pois será unha comisión integrada por persoas da Dirección Xeral de Educación a que valore o proxecto, que é eliminatorio e ten un peso do 50% da puntuación máxima, e determine a duración das licenzas.

A Administración negouse a recoller a petición da CIG-Ensino de que os proxectos se presenten na nosa lingua e de que se incluíse unha modalidade de elaboración de materiais tic para impartir docencia en galego, en paralelo á proposta recollida de elaborar materiais tic para impartir en inglés.

Na Mesa Sectorial tratáronse ademais as ordes de nomeamento das direccións e de prazas de profesorado en comisión de servizos en entidades que manteñen convenio coa Consellaría.

Orde para o nomeamento de direccións.

A CIG-Ensino volveu manifestar o seu desacordo co procedemento de elección das direccións dos centros educativos e esixiu a democratización deste proceso. Por este motivo a CIG-Ensino reclamou que todo o profesorado poida acceder ao nomeamento de director ou directora, que se valoren os servizos prestados como cargo directivo substituto, que o voto do profesorado na comisión de selección sexa voto delegado e que por tanto dea traslado da posición maioritaria do claustro do centro, que as persoas candidatas teñan que presentar o seu proxecto ante o claustro e o concello escolar e que os proxectos das persoas candidatas recollan os obxectivos de cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización.

Prazas de profesorado pagado pola Consellaría en determinadas entidades.

A Consellería levou a esta mesa unha proposta de prazas para seren cubertas por comisión de servizos en determinadas entidades cos que a Consellaría mantén convenios. Nese sentido a CIG-Ensino reclamou que non se manteñan convenios con entidades privadas que teñen solvencia económica para contratar profesorado. Así mesmo denunciamos a intención de liquidar o proxecto de Preescolar na casa e reclamamos que se dotara co profesorado que viña funcionando nos cursos anteriores. 

A CIG-Ensino denunciou que algunhas das prazas presentadas, visto o perfil solicitado, apuntaban a persoas concretas, ante o que a Consellaría se comprometeu a revisar os perfís. 

Temas presentados en varios.

A CIG-Ensino reclamou a retirada da Lei de Medidas no emprego público e a non aplicación da Lei. O presidente da Mesa limitouse a dicir que é un Decreto da Xunta e por tanto tiña que aplicalo, agás a redución de xornada que non sería de aplicación ao persoal docente.

En relación cos orzamentos por gastos de funcionamento nos centros a CIG-Ensino esixiu da Consellaría de Educación que se comunique urxentemente aos centros cal é a contía do orzamento do ano 2012 e que se aboe este orzamento con carácter inmediato. A CIG-Ensino recibiu durante estes días as queixas de moitos centros por esta circunstancia. En anos anteriores os centros coñecían o orzamento que lles ía corresponder ante de se iniciar o ano, e logo percibían a primeira partida (o 40%) no mes de febreiro, para facer fronte aos gastos do centro: calefacción, luz, etc. O ano pasado se produciu un atraso inxustificado que a Consellaría pretende converter en norma, pois este ano aínda non lles comunicou aos centros nin sequera o orzamento que lles vai corresponder. O certo é que os centros trasladan a súa preocupación para saber como van afrontar os gastos que xa están tendo desde o día 1 de xaneiro, sen teren saldo nas contas, como non teñen moitos centros. 

Ante a nosa reivindicación a Consellaría respondeu que xa foran asinadas as ordes de pago e que neste momento estaban sendo contabilizadas en intervención e que agardaban que a partir do luns se pagasen. Responderon tamén que non haberá variación nas partidas orzamentarias, a non ser nos casos en que houbo variacións na matrícula do centro.No apartado de varios a CIG-Ensino tamén denunciou o intento da Administración de reducir a oferta de centros públicos en Vigo e Monforte. A CIG-Ensino esixiu que se manteña a oferta educativa, especialmente nunha cidade como Vigo que neste momento ten déficit de prazas públicas.

Así mesmo reclamamos que se aboen definitivamente as axudas aos Equipos de Normalización, que se realice o pagamento ao persoal que atende os comedores, que se negocien as vacantes non recollidas na adxudicación provisional, que se corrixan as deficiencias no funcionamento do servizo de correo electrónico da Consellaría de Educación, que se leve á Mesa Sectorial e con tempo suficiente a oferta de ciclos de FP para o vindeiro curso e que as ensinanzas artísticas superiores en universitarias a todos os efectos.

 


Orde do día

1 Aprobación, se procede, das actas das sesións celebradas os días 19 e 31 de xaneiro

2 Orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas reguladas na LOE. Información da mesa. Ligazón ao borrador

3 Orde de prazas sometidas a convenio. Información da mesa. Ligazón ao borrador

4 Orde pola que se convocan licenzas por formación destinadas ao funcionario docente non universitario e se aproban as súas bases de concesión. Información da mesa. Ligazón ao borrador

5 Borradores de currículos dos seguintes ciclos formativos: atención a persoas en situación de dependencia e 10 máis. Información da mesa. Ligazón aos borradores

BorradorDCB_CM_Atencion_persoas_situacion_dependencia.doc

BorradorDCB_CM_Peiteado_cosmetica_capilar.doc

BorradorDCB_CM_Preimpresion_dixital.doc

BorradorDCB_CS_Administracion_finanzas.doc

BorradorDCB_CS_Animacion_sociocultural_turistica.doc

BorradorDCB_CS_Asistencia_a_direccion.doc

BorradorDCB_CS_Comercio_internacional.doc

BorradorDCB_CS_Deseno_amoblamento.doc

BorradorDCB_CS_Proteses_dentais.doc

BorradorDCB_CS_Sistemas_telecomunicacion_informaticos.doc

BorradorDCB_CS_Son_audiovisuais_espectaculos.doc

6 Anteproxectos de decretos polos que se establecen os currículos correspondentes a Cerámica Artística e Mergullo deportivo. Información da mesa. Ligazón aos borradores 

- título de técnico superior de artes plásticas e deseño en cerámica artística

- título de técnico deportivo en mergullo deportivo con escafandro autónomo

7 Rogos e preguntas. Información da mesa.

Volver