Información da mesa sectorial estatal sobre a orde marco de concurso de traslados

Na mesa sectorial do estado celebrada o 26 de xullo

O prazo de presentación de instancias ao CXT  (único para todo o Estado ao ser de ámbito estatal) será do 17 de outubro ao 7 de novembro de 2022.

A orde non achega ningunha novidade xa que se limita a reproducir exactamente ordes anteriores. A orde marco só ten a finalidade de fixar un marco conxunto de actuacións no que se refire ao concurso de traslados a nivel estatal que ten que convocarse cada dous anos e reproduce, deste xeito, o baremo básico fixado no Real Decreto 1364/2010.

Lamentabelmente, o MEFP non aproveitou a oportunidade que lle propuxo a CIG-Ensino na Mesa do mes de maio para, dunha vez por todas, introducir os cambios necesarios para adaptar o baremo á xurisprudencia europea e que xa se aplica en Galiza desde o curso 2013/14. O que máis nos chama a atención neste caso non é tanto a negativa do Ministerio como o silencio total e a falta de posición dos demais sindicatos.

Cando estamos ás postas dun proceso excepcional no que, con certeza, adquirirán a condición de funcionariado de carreira miles de interinos e interinas en todo o Estado, ninguén quere asumir a responsabilidade de mudar o baremo para evitar a xudicialización das puntuacións nos vindeiros concursos de traslados? Afortunadamente isto non afecta ao profesorado galego, mais non alcanzamos a entender como non se dan os pasos necesarios.

Reproducimos os cambios que a CIG-Ensino, tendo en conta as sentenzas, considera que se deben dar no baremo da orde marco do CXT:

  • Anexo I. Baremo dos corpos docentes: eliminar “de carreira” nos apartados 1.1.1, 1.1.3, 1.2.1 e 1.2.3
  • Anexo II. Baremo da Inspección: eliminar “de carreira” nos apartados 1.1, 1.3.1, e 1.3.2

Con estes cambios, puntuaríase a experiencia previa como persoal interino neses apartado, o que xa acontece en Galiza, como dixemos, desde 2013/14.

Outro tema tratado na mesma mesa sectorial.

A CIG-Ensino amosa novamente o seu desacordo co baremo do concurso excepcional para o ingreso na función pública docente.

 

Volver