Información da Mesa Sectorial do xoves 2 de marzo

Oferta de emprego, convocatoria, concurso direccións...

A CIG-ENSINO considera que a oferta presentada pola Consellaría é totalmente insuficiente para atender as necesidades do Ensino Público e esixiu da Consellaría de Educación a inmediata convocatoria das oposicións. Nesta nova tes toda a información sobre os temas tratados na mesa sectorial.

Na Mesa Sectorial de hoxe a CIG-Ensino cualificou de insuficiente a oferta de emprego presentada pola Consellaría de Educación e denunciou que a Consellaría faga pública a oferta sen realizar unha negociación real, que é preceptiva.

Por outro lado, a CIG-ENSINO esixiu á Consellería que siga adiante coa convocatoria, como tamén esixiu  onte na Mesa do Estado volveu esixir que o Goberno do Estado non poña atrancos á celebración de oposicións,  convocalas.

O Secretario Nacional da CIG-ENSINO, Anxo Louzao, expresou: “a nosa enérxica repulsa a todo o acontecido. Denunciamos o uso perverso e de arma política que se está facendo coa convocatoria de oposicións.” Louzao denunciou tamén “a actitude despectiva e irresponsábel da Consellaría e a Xunta de Galiza que deste xeito están a xogar coas persoas opositoras, someténdoas a un martirio.”

Na Mesa Sectorial, Anxo Louzao reclamou que a Consellaría “abandone a actitude servil, submisa e partidista aos mandatos do PP de Madrid. Temos unha Consellaría sen rumbo que actúa erraticamente ao ditado do Estado. Non hai xustificación para continuar a sementar incertezas e inseguridade entre as opositoras e os opositores. Cómpre valentía e vontade política.”

Finalmente o Secretario Nacional da CIG-ENSINO concluiu que esta é unha “manobra de distracción para non convocar máis prazas cás que corresponden coa taxa de reposición.”

A CIG-ENSINO esixiu a convocatoria de oposición, “única saída posíbel”, e por iso reclamou que a conclusión da Mesa Sectorial fose a convocatoria en firme das oposicións, tal e como xa sucedeu noutros territorios do Estado como Euskadi, pois do contrario incrementarase a interinidade, a inestabilidade e mesmo a amortización de prazas.

Respecto da oferta, a CIG-Ensino volveu denunciar unha vez máis que a Consellaría anuncie a oferta publicamente sen negociación, nin información e iso a pesar de que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino, xa o solicitara por escrito en decembro de 2016. 

Respecto da oferta, a CIG-Ensino esixiu a supresión da taxa de reposición e que se realice unha oferta de emprego que garanta a cobertura das necesidades de profesorado de todos os centros, reduza a precariedade, minguando o número de efectivos en situación de temporalidade que xa supera o 10% e que permita impartir un ensino de calidade.

Reclamamos, por tanto, que se faga unha oferta de tantas prazas como vacantes sexan necesarias para o bo funcionamento do sistema educativo, permitan recuperar a xornada lectiva do profesorado e ampliar os cadros de persoal dos centros para a atención ás distintas necesidades. Unha oferta que abranga todos os corpos. 

Orde do día.

1. Oferta de emprego.

CIG Informa coa Oferta de Emprego: ligazón

2. Proxecto de orde pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de acceso ao corpo de profesores de música e artes escénicas e de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de Mestres e  procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e Mestres da Comunidade Aútonoma de Galicia. Ligazón

CIG Informa sobre a convocatoria de oposicións e as nosas propostas Ligazón 

3. Proxecto de orde, pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da Dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Ligazón

Ligazón ao CIG Informa

4. Rogos e preguntas.

Ligazón ao CIG Informa

Concilias e Permutas para persoal interino.

Xa na mesa anterior a CIG Ensino formulara que en concordancia coas sentenzas da Unión Europea o persoal interino debería poder participar nas Concilias, cousa á que a Administración se comprometeu. Nesta mesa volvemos recordarllo e a Administración comprometeuse a traer á mesa unha nova orde que recolla esta posibilidade.

En canto ás permutas entre persoal interino, a administración resposta o mesmo que na mesa anterior, que están estudando o tema mais non teñen resposta definitiva.

Datas do Concurso Xeral de Traslados.

Na mesa sectorial a administración anuncia que a publicación da resolución provisional do Concurso Xeral de Traslados de secundaria (tamén adultos en prazo de reclamación) sería o día 7 de marzo, mentras que a resolución provisional de primaria (tamén adultos e orientación) entre o 14 ou 15 de marzo.

  • Información da Mesa Sectorial do xoves 2 de marzo
  • Información da Mesa Sectorial do xoves 2 de marzo
  • Información da Mesa Sectorial do xoves 2 de marzo

Volver