Información da mesa sectorial do 6 de maio. Desenvolvemento Proxecto Abalar, prazas sometidas a convenio e escolarización alumnado atención preferente.

MESA SECTORIAL 06-05-10

Orde do día: desenvolvemento Proxecto Abalar, prazas sometidas a convenio, escolarización alumnado atención preferente, praza de profesor/a de lingua e lit. galegas Colexio Vicente Cañada Blanch (Londres). Podes consultar aquí os documentos relacionados.

Información da mesa sectorial do 6 de maio: desenvolvemento do Proxecto Abalar, prazas sometidas a convenio, escolarización de alumnado de atención preferente.

Ordes de convocatoria de concurso para:
  • Praza de profesor/a lingua e lit. galegas Colexio Vicente Cañada Blanch (Londres). Ligazón ao borrador
  • Desenvolvemento do Proxecto Abalar. Ligazón ao borrador  (a ter en conta unha modificación sobre o borrador: a praza de asesor que figura no ANEXO I en Pontedeume pasa a Ferrol)
  • Prazas sometidas a convenio ou a programas específicos. Ligazón ao borrador 
  • Postos de escolarización a alumnado de atención preferente. Ligazón ao borrador  (a ter en conta unha modificación sobre o borrador: inclúese unha praza de PT no IES Ricardo Mella)
  • Rogos e preguntas.
 
Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no Colexio Vicente Cañada Blanch (Londres)

Segundo a Consellaría é unha convocatoria dunha praza que mantén as bases da última convocatoria.
 
Intervención da CIG Ensino:
 
Preguntamos se pasaron os 5 anos ante o que a administración di que si.
Desde a CIG quereríamos ver o convenio co MEC xa que o profesorado  quere coñecelo.
Segundo a Administración houbo convenios no 91 e 98 e non falan de retribucións. Neste caso quen paga é a consellaría agás o complemento de estranxeiría, que é o MEC. Insistimos en ter o último convenio.
Entrando na orde:
·         Para a CIG as comisións deberían ter unha composición máis técnica e non tan administrativas (non cos xefes de servizo). Ten que estar presente a administración, pero debe haber persoal da especialidade en cuestión.
·         Tamén demandamos  que non haxa proxecto nin entrevista. Non é unha novidade ese posto de traballo, un posto docente de galego e punto, por iso non ten sentido a entrevista.
·         Tamén pedimos que a folla de servizos  sexa cuberta de oficio pola Consellaría.
·         A comisión será a que traslade ao Conselleiro a persoa que resultou elixida e debe nomear, xa que dá a entender que é o Conselleiro quen a designa.
·         No baremo que teña máis peso a antigüidade.
·         Hai que ter en conta as certificación en Inglés da escola oficial de idiomas. A Admón. di que vén recollido no punto 7 do baremo, ante o cal nos pedimos que se especifique, xa que o que  pon a orde é moi aberta.
·         Cursos de formación: 4 puntos para recibidos e 2 para impartidos.
·         O proxecto non debe habelo, e de habelo non debe ser eliminatorio e, claro está, en  galego.
    Desde a CIG insistimos no sen sentido da entrevista para este tipo de praza. Din que é potestativa. En canto ás actividades directamente relacionadas coa praza, preguntamos cales son esas actividades? Insistimos en que sexan actividades relacionadas coa materia, non coa praza.
 
Finalmente a Consellaría di que analizará as peticións e propostas pero manteñen o proxecto e a entrevista e de forma eliminatoria.
Din que esta convocatoria se asemella ás convocatorias do MEC no estranxeiro.
Especificarán algunhas das características desta praza (retribucións, …).
Especificarán o apartado referente ás titulacións en Inglés.
Tamén incluirán ao profesorado das EOI como posible participante.
 
 
 
 
Desenvolvemento do Proxecto Abalar
A CIG-Ensino denunciou a desconsideración da Consellaría coa formación do profesorado ao non estar cubrindo as vacantes existentes nos CFRs e sobrecargar  de traballo ao profesorado dos mesmos.
 
 En relación coa convocatoria de prazas de asesores para o proxecto ABALAR.
 
A CIG-Ensino indicou que non está de acordo con que estas prazas non se vinculen  ao organigrama de formación; algunhas non dependen da Dirección Xeral  de Educación e outras só teñen en conta os CFR na medida en que os/as asesores estarán fisicamente neles.
 
-Reclamamos que se incrementase a atención a centros e que se reforzasen as prazas nos CFR para poder atender os contidos educativos e o aspecto pedagóxico; Moitas das prazas ofertadas teñen un perfil exclusivamente técnico.
 
-A CIG-Ensino solicitou que se recuperasen os asesores/as TIC nos CFR e que se incardinase nos mesmos a formación de maneira que o proxecto ABALAR non supoña unha estrutura paralela sen integrar na Formación do Profesorado.
 
-Solicitamos que se suprima a entrevista. Como non aceptaron esta proposta que se lle  reduza a puntuación asignada. O proxecto que non sexa eliminatorio.
 
-En canto á avaliación, a CIG-Ensino entende que se deben explicitar e  fixar criterios obxectivos  para as avaliación, na cal ten que haber  presenza sindical.. Estes criterios terán que ser aplicados a todas avaliacións previstas para  continuar no posto..
 
 
A CIG-Ensino aproveitou  para  demandar que urxentemente  pasen tamén as outras ordes de comisións de servizos de asesores de formación (CFR e Servizos Centrais). Moitas delas están sen cubrir, recargando o traballo dos actuais formadores e formadoras, outras están cubertas por libre designación e algunhas destas  de maneira irregular.   
Esiximos o coñecemento do novo decreto de formación que parece que se está a elaborar. O profesorado ten dereito a opinar e a participar no proceso de elaboración do mesmo.
 
Prazas sometidas a convenio ou a programas específicos

 
Desde a CIG-Ensino demandamos que só se estabelezan convenios con entidades públicas, nunca con entidades privadas.
Por outra banda para a CIG a entrevista e o proxecto repetimos: a entrevista non debe habela, o proxecto de habelo non debe ser eliminatorio e en todo caso teñen que ser en galego.
En canto aos centros:
 
·         Outro centro de educación especial, o da Coruña, (CEE Nosa Señora do Rosario) que ten un plano experimental. Para ser experimental, xa é moi vello, leva moito tempo. Que deixe de ser experimental.
 
·         Centro Santo Anxo de Rábade de Lugo: por que ser require experiencia en Adultos? Por que esixir unha experiencia de tres anos mínimo? A praza parece estar destinada a unha persoa en concreto.
 
·         Convenio coa ONCE: dámoslle dous mestres a unha entidade solvente e privada. Estamos en desacordo con este convenio.
 
·         Preescolar na Casa: Saen 3 na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Desde a CIG-Ensino pedimos que se recuperen as catro prazas que foron retiradas hai dous anos. Ademais que se aumente unha praza no Sur de Pontevedra que é moi necesaria.
 
En canto ao baremo, debe recoller máis puntuación para a antigüidade (ata 10 puntos) En canto á formación relacionada co posto, favorece a que estivo ocupando con anterioridade esas prazas.
 
Logo das intervencións do resto de organizacións sindicais a CIG-Ensnio reclama respostas: No caso da ONCE: a Consellaría está dotando de dous docentes a unha empresa privada e quítaselle a Preescolar na casa e tamén no resto de centros do ensino publico!!!.
 
Respostas da Consellaría:
Din que os Convenios son para cumprir, en todo caso habería que denunciar os convenios.
O convenio de Preescolar na casa está a punto de asinarse coa Consellaría. Analizarán o da praza de Pontevedra e comprobarán se están incluídas a totalidade de prazas.
No centro Santo Anxo de Rábade: analizarán os requisitos.
CEE Nosa Señora do Rosario: o plan só leva 5 anos. Para poder dar o nivel da ESO enviamos profesorado de secundaria. Porán como requisito “Linguaxe de signos”.


 
Comisións de servizo en Postos de escolarización a alumnado de atención preferente.
 
Novas prazas incluídas:
·         praza de PT no IES Ricardo Mella: non incluída no borrador pero si antes da mesa sectorial.
·         Praza de PT no CPI Atios (Valdoviño): motóricos.
·         Praza de PT no CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo): psíquicos.
 
Para a CIG-Ensino o modelo pode ter certas críticas xa que o alumnado é sacado do seu ámbito e a integración non será efectiva. Pedimos que o número destes centros sexa mínimo.
·         Por que en Ourense non hai ningunha praza de AL? (resposta: descoñéceno). Ademais hai un erro na listaxe xa que o centro Antonio Faílde é de Ourense, non de Lugo.
·         No caso do centro Príncipe Felipe xa o explicou a administración, é un centro que non pertence á consellaría, e polo tanto non pode haber profesorado definitivo.
·         CEIP Mestre Martinez de Mos: é un centro de 13 unidades e teñen orientación compartida (OC) e ademais teñen 3 alumnos con parálise cerebral e un só coidador, o que limita moito as actividades complementarias. A CIG demanda un coidador máis.  
 
En canto ao baremo,
·         parece desproporcionado o apartado 1 (antigüidade) fronte ao 5 (PT). Desde a CIG propoñemos aumentar o apartado 1 cun mínimo de 2 puntos (aceptan a proposta e soben a 12 puntos). Nos criterios de desempate primar a antigüidade.
·         Non haberá problemas coas certificacións do apartado 5?
 
Modificarán a redacción do artigo 2 “ou que posúan a titulación de Psicopedagoxía” xa que a redacción inducía a erro.
 
ROGOS E PREGUNTAS
 
Cuestións propostas pola CIG-Ensino:
 
1º.- Deben vir á mesa sectorial as ordes para que se cubran todas as vacantes que hai tanto dos CFRs como dos servizos centrais de Formación do Profesorado. Estase elaborando ou non un novo decreto de formación? Resposta: din que virán á mesa
 
2.- O de solicitar un calendario  de temas a negociar non parece a estas alturas oportuno chegando o final de curso, pero seguirémolo pedindo en todas as mesas. A partires do 15 de xuño non aceptamos negociar, as organizacións sindicais representamos ao profesorado e se eles están de vacacións non imos negociar cuestións que lles afecten neses períodos.
 
3.-Hai que traer a orde do calendario escolar para o curso que vén, entre outros temas pendentes de negociar.
 
4.- Probas de galego nas EOIs: Problemática para as probas de certificación pola masificación de alumnado matriculado por libre en Galego. Piden máis profesorado.  Presentamos unha copia do escrito presentado hoxe por rexistro. A Consellaría di que o mirará, pero que a pregunta é para a dirección Xeral de Educación.
 
5.- Orientadores: mandouse unha circular aos centros, tendo que cubrir un documento desde Orientación, incrementando o traballo burocrático e supoñendo que se lles encomendan novas funcións. Hai unha serie de datos que se solicitan que xa os ten a propia consellaría. Por outro lado, convócase un curso para este persoal no La Salle (centro privado concertado, como se non houbese centros públicos con dotación en salóns de actos!!!).
 
6.- Cobertura de substitucións: Desde a CIG xa denunciamos que non se cubren as baixas antes das vacacións. Agora temos que deixar constancia do aumento do tempo para cubrir substitucións en períodos prevacacionais. Non se pode volver a repetir esta situación. Resposta: din que só tiveron problemas na especialidade de Inglés (mestres) debido ao programa PALE.
 
7.- Tribunais nos Conservatorios: Para a CIG non ten ningún sentido mesturar no mesmo tribunal especialistas de “fundamentos de composición” e “percusión”; ou “canto” e “linguaxe musical”; ou “tuba” e “trompa”. Hai profesorado suficiente para constituír tribunais con profesorado da mesma especialidade!!! Resposta: analizarán “fundamentos” e “percusión”. Os outros casos non, xa que hai pouco persoal  matriculado nas oposicións desas especialidades.
 
8.-Probas de acceso a universidade: preocúpanos a ponderación das materias, descoñecida a estas alturas nalgunhas carreiras, e nas coñecidas, Tecnoloxía Industrial, algún desfase na ponderación (exemplo: electrotecnia para o alumnado que vaia ás Enxeñerías). Resposta: din que hai unha norma estatal e ademais non depende da dirección xeral presente na mesa. Desde a CIG insistimos nunha resposta.
 
9.- Oferta de ciclos FP para o 10/11: Non temos resposta da ordenación da FP. Vanse impartir cos currículos vellos ou vai habelos novos? Cal vai ser a oferta de ciclos? Urxe coñecer e negociar a oferta de ciclos para o curso vindeiro.
 
10.- Instrucións alumnado FP: As inspeccións estanse poñendo en contacto cos centros para que o alumnado asista até o 23 de xuño ao centro, aínda que xa teña recibido as horas previstas no currículo. En calquera caso, poderá esixírselle ao profesorado a asistencia, pero non ao alumnado.
 
11.- Necesidade dun Coidador no CEIP Mestre Martínez de  Mos: xa o dixemos noutro apartado da orde do día. Que se dote dun coidador máis.
12.-Necesidade dun novo conserxe para o C.MUS. Profesional de Compostela: Non hai máis que ver o horario de apertura do centro, sen comentarios! Necesitn ademais un administrativo.
 
13.- Datos persoais na consellaría: insistimos que debe ser a consellaría a que debe cubrir de oficio moitos dos datos que solicita.
 
14.- Decreto plurilingüismo: desde a CIG insistimos unha vez máis, que se está a tempo da retirada deste decreto, e xusto agora que acaba de presentar a Universidade un estudo onde se constata que alumnado galego ten unha menor capacitación en galego que en español. Sería disparatado que a estas alturas se pretendera aplicar un novo decreto para o curso que vén.
 
 
Outras respostas da Consellaría:
 
-Por outro lado din que houbo 41 afectados polo erro nos tribunais do corpo de Mestres e uns 19 ou  20 afectados en secundaria.
-Cobro de Trienios opositores 2008: En maio ou xuño estará todo preparado para que o persoal cobre. 
 
Desde a CIG volvemos a insistir en non ir máis alá do 15 de xuño para negociacións na mesa sectorial.

Volver