Información da mesa sectorial do 28 de abril

Seccións bilingües, auxiliares de conversa e programa CUALE

1. Orde pola que se regulan as Seccións Bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario

 A Consellaría presenta a orde como continuísta da anterior e sen maiores cambios. Des de a CIG-Ensino puntualizamos que non é así, pois esta orde recolle diferenzas importantes coa

anterior.

 

A CIG-Ensino propuxo:

·         Eliminar no preámbulo a referencia ao Decreto 79: “dar continuidade ao programa de Seccións Bilingües adaptándoo ás novas necesidades xurdidas pola publicación do Decreto 79/2010”.

  • Art. 2.2. Debería eliminarse o requisito dun mínimo do 50% e recoller o que dicía a orde anterior de que a incorporación da lingua estranxeira tería carácter progresivo.
  • Art. 3.2. Número de seccións bilingües: que sexa como máximo un grupo.
  • Art. 3.4. que o reforzo sexa para todos os centros, se partimos de que son necesarias, hai que partir de que as clases de reforzo sexan para todos e non só para cando hai seccións bilingües, coa aceptación voluntaria do profesorado e a compensación horaria correspondente.
  • Art.4.3. Nas autorizacións paternas hai que exceptuar o alumnado maior de idade, por exemplo nos Ciclos Formativos.
  • Art.4.4. Proponse un incremento do número mínimo de alumnos. Con carácter xeral deben ser 10 alumnos e iniciar a sección cun mínimo de 8 e, no caso de adultos, cun mínimo de 6. Por outro lado, cando se fala da continuidade, entendemos que é mellor a redacción da orde anterior que establecía uns mínimos máis reducidos que deixalo como o recolle esta orde, a criterio da autorización da Xefatura territorial e a inspección.
  • Art.4.4. desacordo con que os agrupamentos bilingües non poidan supor incremento do profesorado. Se se quere potenciar as linguas estranxeiras entón haberá que dotalos de profesorado, que se elimine este impedimento.
  • Art.5.2 desacordo con que se fagan as substitucións do profesorado en réxime de comisión de servizos e con que se modificase a addenda para crear unha lista diferente da xeral para realizar as substitucións nestes casos. En todo caso, rexeitamos que as prazas de Seccións Bilingües saian a concurso de traslados definitivo. Por certo, denunciamos que se fixo sen convocar á CIG-Ensino, que xa se opuxera no seu día por vulnerar a orde xeral da listaxe de persoas interinas e substitutas. Esta modificación vai ser aplicada coa conformidade dunha minoría sindical integrada por CCOO e ANPE.
  • Art.5.3. Non estamos de acordo con que sexa o profesorado de lingua estranxeira o que teña que coordinar, isto supón a sobrecarga de traballo para ese profesorado, pensemos nun centos dunha soa liña. Por outro lado hai centros en que non hai departamento de linguas estranxeiras (FP) e hai que ter en conta eses casos.
  • Art. 5.5. Que a redución horaria de 3 horas se xeneralice. Os coordinadores e coordinadoras deben ter redución horaria.
  • Art. 6.1. A participación nas actividades de formación non pode ser obrigatoria, soamente podería ser obrigatoria se se realizase dentro do horario lectivo.
  • Art. 6.3. Ampliar o dereito a certificación aos coordinadores e coordinadoras.
  • Art. 13: é precisamente aquí onde se produce un dos cambios importantes. Na orde anterior recollíase que se tería que presentar “Certificación do acordo do claustro, con mención explícita do compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante como mínimo dous anos.” e iso desaparece. Ten que existir o acordo do claustro e dos departamentos afectados, así como a aceptación voluntaria do profesorado. A Consellaría negouse argumentando que está posto con toda intención, ten que ser o consello escolar, para que un claustro ou un departamento se non está de acordo non poida impedir que se constitúa a sección se nun centro os pais e algún profesorado están de acordo.
  • Art. 13.f. Eliminar o informe da inspección que non se recollían na orde anterior e non ten ningún sentido.

 

2. Orde pola que se regula a actividade das persoas auxiliares de conversa que realizan o seu labor en centros educativos públicos dependentes da consellería

 

A CIG-Ensino valorou positivamente que se regule esta actividade, para evitar algunhas disfuncións que se produciron.

            A CIG-Ensino manifesta que se debería mellorar o ensino das linguas con máis especialistas e titulados, que temos en abundancia, e que sería unha maneira de crear emprego.

A CIG-Ensino propón que, en aras de mellorar a relación cos auxiliares, que na carta que lles envía o Conselleiro non se recolla que van explicar inglés a un alumnado que ten como lingua materna o español ou que eles teñen que mellorar lingua española. O Director Xeral, o Sr. Mira Lema, responde que descoñece a existencia desa carta!!! (foi publicada nos medios de comunicación, levada ao Parlamento, etc), mais que non debe haber problema en facer referencia á nosa lingua.

Propostas da CIG-Ensino

  • Que as xornadas de acollida se fagan por comarcas, pois a experiencia até o de agora non foi boa.
  • Moitas destas persoas non saben nada de didáctica, nin nunca deron clase. Deberían ter algún tipo de formación, algún tipo de titulación relacionada coa docencia. Isto hai que melloralo, se é necesario hai que introducilo nos convenios que asine o Ministerio.
  • Os auxiliares de conversación non debe ser só para os centros plurilingües, ou para as seccións bilingües, se queremos mellorar os idiomas deberan ir a todos os centros, comezando por aqueles onde hai menos recursos. Non se pode excluír ningún tipo de centro, deben ser para todos os centros. Iso leva consigo que no preámbulo se suprima a restrición nos centros. O mesmo no ámbito de aplicación, que debe ser a todos os centros públicos.
  • Artigo 5, pensamos que non é legal que non teñan relación laboral, teñen dereito como traballadores a algún tipo de contrato laboral. A Consellaría responde que non son traballadores
  • Certificación, agora hai que facela manualmente, que se cree unha aplicación para facela.
  • As persoas auxiliares de conversa non deberían compartir centro.
  • No 6.c. coordinación: debe recollerse que a persoa coordinadora ten que ter unha redución horaria e facilitar que non recaian na mesma persoa todas as coordinacións relacionadas coas seccións bilingües.

 

3. Orde pola que se establece o programa de cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional.

 

O Director xeral presenta a orde indicando que o único cambio é que os programas CUALE para o profesorado xa non se imparten nos centros.

 

Desde a CIG-Ensino trasladamos que a formación do profesorado no propio centro debería manterse. Respecto da orde manifestamos que o lóxico e o normal é que se reforce a aprendizaxes linguas en todos os centros para todos os centros e para todo o alumnado.

Respecto do articulado:

Ø  Artigo 2: deben ofertarse estes programas a todos os centros.

Ø  Artigo 3.3. suprimir a restrición de que non se incrementará o profesorado.

Ø  Artigo 3.6. rebaixar o número de alumnos para constituír grupo a entre 8 e 15 e 6 entre e 15 no caso dos CPI.

Ø  Artigo 4.1. Suprimir sostidos con fondos públicos, o alumnado destinatario debe ser soamente o dos centros públicos.

Ø  Artigo 4.2. Por que non se pode matricular no A2 se o ciclo é de menos de 2000 horas, ou en B1 se é de menos de 2000 h. o CM ou de máis de 2000 h. o CS? por que estas restricións? A Consellaría non o aclara.

Ø  Artigo 5. estas ensinanzas deben computar no horario lectivo do profesorado.

Ø  Artigo 7.2. ten que ser aprobado polo profesorado afectado e aprobado polo claustro e en todo caso ratificado polo Consello Escolar.

Ø  Artigo 8.1. En todo caso a autorización só debe depender da demanda, non se debe ter en conta os recursos cos que parte o centro, porque entón estamos reproducindo as situacións de desigualdade.

Ø  Artigo 11. Cambiar a redacción, a Administración debe garantir que haberá unha aula para impartir estas ensinanzas e non recoller que para poder acceder a ela hai que ter esa aula.

Ø  Artigo 12. Se hai máis alumnado ca prazas, haberá que especificar como se selecciona. A Consellaría responde que o alumnado que solicitan CUALE é escaso, por iso non hai criterios de selección, mais revisarano.

Ø  Finalmente reclamamos que o profesorado que imparta o CUALE debe ter as mesmas garantías e méritos có que atende seccións bilingües ou centros plurilingües.

Volver