Información da 4ª reunión do XII convenio de Educación Infaltil
Celebrada o 14 de febreiro de 2018
Cambios importantes nunha nova Clasificación Profesional.
Nesta 4ª reunión a patronal volve facer unha Análise da situación,nos mesmos termos que na anterior reunión e en contestación á plataforma enviada por correo das demais OO.SS, valorándoa como fóra da realidade do sector e totalmente inasumible pola patronal.
Dende o banco sindical contéstaselle que non vale un “non” a todo e seguir co discurso que todo vai fatal. Débese facer propostas concretas e deixar de dilatar as negociacións, pois vai alá máis dun ano dende a denuncia do convenio e non temos nada concreto.
Dende CIG-Ensino intervimos con 2 temas:
1º Dando resposta á falsa realidade que describe a patronal, pois da que nos falan a nós os traballadores/as galegos/as é outra distinta, que están fartos de recortes e perda de dereitos e que sobre as súas mochilas cargouse a totalidade da crise. Baseámonos en 3 feitos:
- O convenio é moi básico, pouco máis recolle que o E.T. É do peor no ensino
- As esixencias ás traballadoras cada vez son maiores: máis responsabilidades, máis carga de traballo e formativa, máis funcións,… E, pola contra, cada vez menos recoñecementos.
- Elas, as traballadoras, foron as que soportaron toda a crise co seu esforzo. A parte da perda de dereitos laborais, sufriron 2 descolgues salariais, 2011 e 2015,con 4 anos conxeladas e deixando de gañar, no caso dunha educadora, entre 3000 e 4000€ nese período, segundo o tipo de escola e salario. Iso xa o teñen perdido, pero que se lles recoñeza en adiante con subas que recuperen o poder adquisitivo perdido ( 5,6% e 6,6% segundo tipo de escola, privada ou de xestión indirecta).
Por todo isto dende CIG entendemos que a negociación ten que ir nunha soa dirección, a da mellora laboral e da recuperación salarial .
2º Dende CIG-Ensino facémosvos entrega da nosa plataforma reivindicativa, xa pechada dende o ano pasado, e froito das aportacións das delegadas/os e afiliados/as. É de resaltar que cotexada coa que mandastes por correo as demais OO.SS, coincidimos practicamente no 90% do texto, feito este que evidencia que a realidade do sector está deste lado. Tal é así que unha vez a revisedes, podemos refundilas nunha, polo que tamén pedimos que se defenda nos mesmos termos e que as traballadoras/es se vexan protexidos e non vendidos, como xa ten pasado neste convenio.
Logo doutras intervencións das demais OO.SS , deixándolle as cousas claras á patronal, esta pide un receso para falaren entre eles.
Á volta do receso, foinos entregado un texto coa proposta da Clasificación Profesional da patronal, como punto e partida das negociacións.
Aínda que non se pechou con acordo este Capítulo IV de Clasificación Profesional, si se avanzou moito no novo deseño da mesma:
1º Faise unha adaptación á normativa, segundo o art. 22 do E.T., cousa obrigada.
2º A patronal entende que o Persoal Directivo non é un Grupo profesional, senón un Cargo temporal, polo que os mete nun novo artigo. Son a directora, subdirectora e directora pedagóxica. As OO.SS trasladamos que tiñamos que miralo en termos legais, pois había casos de contratacións como directoras e agora non se lle podía poñer en entredito ese contrato. A patronal respostou que se poden recoller eses casos nunha transitoria para que non perdan o dereito. Pendente revisar legalidade.
3º Grupo I : O persoal de Aula, composto por Mestra, Educadora Infantil e Auxiliar de Apoio. Nesta a plataforma sen CIG, pretende introducir a Teacher, a coordinadora e orientadora. A patronal non o ten claro e para nós non é fundamental. O que si propuxemos dende a CIG foi que as definicións destes postos fosen moi claras para distinguilos e marcar moi ben as súas funcións. Non só se aceptou , senón que practicamente quedaron pechadas as súas definicións e funcións. Marcáronse as diferenzas funcionais entre mestra e educadora, e no caso da auxiliar de apoio recollerase que non poderá estar en clase sen a presenza da titora da mesma.
4º Grupo II: Persoal de Servizos Complementarios, composto por persoal especializado logopeda, psicóloga, enfermeira, médica, asistenta social,… eliminándose o caduco titulado medio e superior. Todos de acordo e engadiranse as definicións.
5º Grupo III : Persoal de Administración e Servizos , composto por Persoal de Servizos Xerais (PSX) e Administrativa. Neste grupo presentamos discrepancias dende a CIG coa refundición de 3 categorías en PSX , pois vai supoñer ERES e conflitos entre traballadoras, ademais de perder un dereito adquirido por contrato unha cociñeira, ou limpadora e incluso o persoal de mantemento (pois pasarían a poder ter que facer de todo). En definitiva, estariamos como o caso das direccións. Valorouse metelo cunha transitoria, o mantemento dos dereitos adquiridos, polas traballadoras afectadas, até a entrada en vigor deste convenio. Pero ao final acordouse deixalo como está, pois non está a dar problemas,e os posibles casos de escolas pequenas, que poñía a patronal como exemplo, poden tirar de contratación dunha PSX, que xa se define para distintas funcións de servizos. Nós aquí pedimos o posto de condutora a maiores, outra OO.SS pediu conserxe, pois nunha escola infantil moi grande, que representaba, había esa figura. Na próxima reunión concretaranse os distintos postos e as súas definicións.
Rematouse a reunión ás 13:45h., marcando a próxima para o venres 16 de marzo, cos seguintes temas a tratar:
- Rematar a Clasificación Profesional…
- Traballar sobre a Xornada Laboral e o Ambito funcional. A patronal mandará propostas, de cara á 5ª reunión.