Información da 16ª mesa do XIII Convenio Estatal Educación Infantil 0-3
As patronais lanzan un ultimatum de “negociar só táboas salariais e facer adaptación básica para asinalo xa! ” e os catro sindicatos estatais acatárono
A CIG-Ensino denuncia este novo entreguismo sindical á patronal, despois de tres anos de “bloqueos patronais”, con seis xornadas de folga, concentracións, recollida de máis de 6000 sinaturas polo sindicato nacionalista, reivindicando un convenio digno e xusto, para logo desoír as OO.SS o mandato das traballadoras, nun sector feminizado e precarizado.
Na 16ª mesa negociadora do 21 de novembro, convocada polas patronais do sector, (onde estaban as OO.SS maioritarias despois de 5 meses da última xuntanza no SIMA? ) logo de seis SIMAs estériles neste ano, que só serviron para cortar as mobilizacións do sector como predixo a CIG-Ensino, acabouse producindo o de sempre: un novo entreguismo sindical á patronal (agora xa non só o trio UGT- FSIE- USO, pois uniuse CCOO), con case tres anos de “bloqueos patronais” nas negociacións coas súas propostas inmobilistas e involucionistas, con seis xornadas de folga, concentracións, manifestacións, recollida de máis de 6000 sinaturas na Galiza polo sindicato nacionalista(onde están, cantas recolleron os demais sindicatos logo da ruptura sindical, ou a mesma tiña un fin?), reivindicando un convenio digno e xusto, para logo desoír estas OO.SS o mandato das traballadoras, nun sector feminizado e precarizado.
PARA ESTA VIAXE NON FACÍAN FALTA ALFORXAS.
A proposta que acataron as catro OO.SS estatais foi “Negociar táboas e adaptación básica do convenio”, nun claro ultimatum patronal, porque era isto ou “seguir asi algún ou algúns anos máis, pois as negociacións comezarían de cero”- textual afirmaron. Isto xa nos di o que se fixo nestes tres anos, de que serve o marco estatal negociador e quen son as organizacións sindicais maioritarias que din representan o sector.
Sobre táboas a negociar: na liña do proposto no 6º SIMA pola patronal, con 2 táboas, unha para Xestión Directa (X.D.) e outra para Xestión Indirecta (X.I.) (as 2 eran dende setembro de 2024 e a ver que din agora... para cando se asine convenio?, para 2025?). As de X.I. a dúas marchas: as A) igual, ao ser “aceptadas” polos sindicatos (asinadas en Cataluña), e as B) igualadas mínimo as de X.D. (que "subirán algo", pois é o que lle esixían no SIMA os sindicatos estatais; ademais dunha mínima paga de retroactividade). Segundo a patronal a X.D. é a que marca a pauta polos problemas que ten este subsector, aínda que é minoritario ao supoñer o 30% dos centros do sector. Máis información
Adaptación básica do convenio: na liña do feito no anterior convenio, o XII, ou sexa cero avances, simplemente recoller no mesmo os cambios normativos que xa están sendo de aplicación por lei (melloras permisos, en conciliación, igualdade, cambios ET,...), e manter a precariedade laboral e salarial ate curso 2026-2027, como mínimo. Isto mesmo, provocou no seu día unha folga no 2019 polo sindicato maioritario, que anos despois parece que vai asumir. A CIG mantén, antes e agora, que o convenio e a súa situación é responsabilidade, 1º das patronais, e logo dos sindicatos estatais maioritarios, “asinantes sempre” do articulado, que se mantén convenio tras convenio.
A patronal quedou de mandar a nova proposta salarial, “se pode” antes da seguinte mesa que será o 19 de decembro!!. Dende a CIG-Ensino entendemos esta demora, despois de 5 meses perdidos, como unha clara intención de seguir alongando todo e pagar subas o máis tarde posible. Logo de chegar a acordo cos sindicatos estatais (que se non mandan a proposta antes da mesa do 19 vaise precisar outra mesa mínimo) pasarán a facer a adaptación do convenio con reunións técnicas, e a este ritmo a ver se na primavera está asinado!!. Despois mandaríase ao REGCON, coa conseguinte revisión pausada da Inspección de Traballo, que de non facer requirimentos, mandaríao ao BOE para publicar (mínimo 2-3 mes).
REXEITAMENTO DA CIG-ENSINO. O CAMIÑO: MARCO GALEGO DE NEGOCIACIÓN.
O posicionamento da CIG-Ensino foi de rexeitamento TOTAL, tal e como se recolle na acta da mesa negociadora. As xustificacións e motivos expostos foron os seguintes:
Primeiro, a coherencia sindical, non somos asinantes do XII convenio actual e se van prorrogar o mesmo, non hai razóns para cambiar. Nas mobilizacións que convocamos, xunto coas demais OO.SS estatais, as mensaxes e compromisos eran claros: convenio digno e salarios xustos, polas melloras laborais e sociais, pola recuperación e mantemento do poder adquisitivo e pola mellora da calidade educativa. Onde está a coherencia sindical dos demais?
Segundo, por mandato das traballadoras do sector, manifestado nas seis folgas, outras tantas concentracións e manifestacións, recollida de sinaturas,... a única saída estaba clara nas mensaxes do anterior punto, ou para que tanto esforzo e perda de recursos económicos e tempo, polo menos na Galiza, que foron exitosas e maioritarias as folgas a pesar dos SS.MM impositivos e abusivos que houbo. Que pasou ou cal foi o traballo sindical no resto do estado, ou mesmo as intencións, non dependeu da CIG.
Terceiro, por discriminacións nas táboas salariais, tanto nas dúas táboas polo tipo de xestión do centro( X.D. e X.I.) que pretenden manter e medrando as diferencias salariais, contrario a máxima de que “ao mesmo traballo igual salario”; como nas de X.I. ao subdividilas en A) e B), segundo teñan novos pregos ou non, sendo xa doble a discriminación, mesmo traballo e mesmo tipo de xestión (grandes diferencias salariais). Nas dúas táboas segundo xestión de centro, a CIG-Ensino defendeu en solitario manter límite das diferenzas históricas, sobre 30€ de sempre, e ademais expuxo a “competencia desleal” cos centros de X.I. que se vai dar na Galiza, pola gratuidade no sector 0-3. Coa mesma propúxose o que vimos defendendo historicamente de crear “ámbitos de negociación autonómicos” (convenio galego ou mesmo táboa salarial adaptada a Galiza), dándonos a razón algunhas patronais e algúns sindicatos, polo que esperemos pasen a acción e feitos na Galiza: uns para crear as patronais galegas e outros defender dereitos das traballadoras galegas na súa CC.AA, máis cando no marco estatal non se acadan. Nas de X.I. a dúas marchas (A e B), a CIG-Ensino propuxo para eliminar esta doble discriminación crear un “ Complemento Compensador”(CC), de forma que as que cobren polas táboas B), cando pasen as A) reciban os atrasos(CC) que deixaron de cobrar, ou mínimo unha indemnización que reduza a diferencia salarial tan brutal que se pode dar.
Cuarto, por prolongar a precariedade salarial e laboral dun sector feminizado, pois con conxelacións salariais dende 2021 non se vai cobrar retroactivamente o IPC perdido, máis dun 12% que encareceu a vida, e imos ver se dende setembro de 2024 van aplicar subas, ou mesmo dende 2025, ou cando se asine o convenio. Subas das que falan, están moi afastadas deste IPC e mesmo non garanten IPC futuro, ao non querer as patronais falar de cláusula de revisión salarial anual. Logo as reivindicacións laborais e sociais decaen todas: redución de xornada (nin recoñecer lectiva e non lectiva), permisos e licenzas, conciliación laboral e familiar, vacacións, dereitos sociais, ITs,...
O rumbo das negociacións, fai que vaia tendo máis sentido a demanda histórica da CIG de contarmos cun marco galego de negociación que poidamos negociar directamente e non depender do ámbito estatal que non dá resposta ás reivindicacións e necesidades das traballadoras galegas. Nas vosas mans está o forzar, coa representación sindical da CIG no teu centro, e apoiar, coa sinatura, este camiño que comezamos en setembro coa “Campaña polas melloras laborais, sociais e salariais: por un convenio galego digno”.