Información da mesa sectorial do 12 de marzo

Tratáronse os seguintes temas: modificación da orde de concilia, a orde de titulacións para incorporación a listaxes, orde de direccións e varios

Na Mesa Sectorial de hoxe, 12 de marzo, a Consellaría aceptou a proposta da CIG-Ensino de ter en conta a discapacidade dun fillo ou filla á hora da concesión de comisións de concilia cando non se ten dereito á de saúde. Outras propostas do sindicato nesta orde foron rexeitadas pola Administración, como é o caso de estender a todos os centros con diferentes xornadas a exención dos 60 quilómetros de distancia do centro definitivo. Outra, a de que ambos cónxuxes poidan gozar da comisión nas de tipo III, quedaron sobre a Mesa á espera de coñecer a opinión ao respecto dos demais sindicatos que preferiron reservala ao non ter previsto esta proposta.

Na modificación do acordo do persoal interino evidenciouse unha vez máis que este persoal é, para a Consellaría, como goma de mascar. Só trae á Mesa o que lle interesa para dar saída aos seus problemas de xestión mais négase a tratar sobre a mellora do actual acordo coa inclusión da estabilidade ou a recuperación da paga de verán para quen traballou como substituta 5 meses e medio, cando segue figurando no texto do acordo mais se nega ese dereito na Lei de Orzamentos. A CIG-Ensino volveu insistir en que se modifique o relativo á renuncia a chamamentos por contrato de traballo, no sentido de que se poida presentar calquera contrato de traballo por un máximo de 3 anos, con independencia de que sexa temporal ou non. Existe moita xente con contratos precarios a tempo parcial ou completo e carácter indefinido que non se poden acoller a este dereito, algo que coa actual situación do mercado de traballo e a facilidade dos despidos é totalmente discriminatorio. 

O único movemento da Consellaría foi aceptar a nosa proposta de incluír na modificación non só  a lista de Inglés de EOI senón tamén a de Galego e Francés cando se convoquen oposicións destas especialidades nas escolas de idiomas.

!!??

Chama poderosamente a atención que os demais sindicatos, asinantes do acordo, apoiaran a negativa da Consellaría de non tratar ningunha das propostas da CIG ao entender que só se trae á Mesa unha modificación puntual e non hai que entrar nos apartados do acordo que a Consellaría non propón.

Canto á orde de titulacións para entrar en listas de substitucións a CIG entregou unha listaxe con todas as achegas recibidas nestes días por parte de diferentes colectivos e persoas para a súa revisión pola Consellaría. A administración anunciou que remitirán a orde e os anexo ás tres universidades galegas para a súa revisión e que abrirán un prazo de exposición pública para que todas as persoas que así o desexen poidan presentar alegacións. 

Na orde para a selección das direccións a Consellaría confirmou o seu inmobilismo tradicional e a súa fiel obediencia á LOMCE, aceptando unicamente a supresión dun apartado relacionado co proxecto claramente tendente á arbitrariedade, a revisión dos apartados de antigüidade do baremo para evitar a discriminación entre corpos que optan á dirección dun mesmo centro (Mestres e PES ou PTFP e PES, por exemplo). 

Por outro lado, a Xunta negouse a estabelecer a posibilidade de que o curso de formación para a función directiva non sexa un requisito cando ningún dos proxectos presentado son avaliados positivamente pola comisión.

Outras propostas da CIG-Ensino

Na rolda final de intervención da CIG-Ensino, o sindicato formulou as seguinte propostas e queixas: 

  • Horario de profesorado. A Lei 4/2019, publicada no BOE do 8 de marzo,  indica como recomendación que o profesorado de secundaria imparta un máximo de 18 horas lectivas e o de mestres en infantil, primaria e EE 23. A situación da que partiamos en Galiza era, como se sabe, de 18 e 21 respectivamente. A Xunta negouse nestes últimos anos , e especialmente no final do curso pasado no marco das negociacións retributivas a que recuperemos ese dereito. Agora é o momento de que rectifique e respecte ao profesorado como se merece. Solicitamos a recuperación da nosa carga lectiva. A Consellaría escúdase en que no texto figura expresamente  que “a Administración Xeral do Estado estabelecerá un marco de financiamento adecuado”, o que foi a trampa introducida polo grupo parlamentar do PP para evitar afrontar o que é unha demanda xeralizada do profesorado.
  • Departamentos de Igualdade. Demandamos redución horaria e financiamento para os departamentos de igualdade dos centros. Entendemos que a Consellaría debe apoiar claramente todas as iniciativas que se están a dar e estendelas a todos os centros. Non se pronuncia.
  • Permisos sen soldo. En varias Xefaturas están bloqueando as solicitudes de permisos sen soldo para persoal interino coa escusa de que se solicitaron con moita antelación e non poden saber se van ter problemas para cubrir as prazas. Para a CIG-Ensino isto non ten razón de ser e demandamos que se dea resposta positiva inmediatamente. A Consellaría confirma que se van conceder con carácter xeral e que acaban de pedirlle ás XT as listaxes presentadas para tramitalas. Tamén están revisando todas as listas para calcular cales poden ser as necesidades e poder abrir listas canto antes naquelas especialidades nas que prevexan que poden esgotarse se hai moitas solicitudes de permisos sen soldo.
  • Exención do pagamento de taxas para o persoal docente como alumando de EOI. Para certificar nas EOI que somos profesorado en activo temos que pagar as taxas cando debería chegar cunha certificación da dirección do centro. A Consellaría entende que temos razón na nosa queixa mais queda en consultar o tema coa Dirección Xeral de Tributos.
  • Convocatoria de prazas de atención preferente. Queremos saber se vai haber convocatoria neste curso. Desde a CIG solicitamos que se convoque sempre que existan prazas. Non somos partidarios deste modelo senón dunha maior dotación de PT e AL en todos os centros mais a Consellaría debe traballar coa suficiente antelación para detectar as necesidades do alumnado con NEAE nos centros. Entenden que iso é responsabilidade das Xefaturas e que aos servizos centrais non lles chegaron propostas.
  • Profesorado en expectativa exenta de participar no CADP. Na relación de docentes obrigados a participar na petición de destinos provisionais figuran identificadas varias persoas que estiveron exentas de participar por teren destino para o 2018-19. Solicitamos que se identifiquen os motivos (asesorías, etc…). Temos información de que nalgún caso estamos diante de prazas bloqueadas por petición dalgunha empresa na que se imparte a FP dual. A obtención destas prazas debe ser pola vía ordinaria dos destinos provisionais. Solicitamos transparencia e que se publiquen os motivos polos que non teñen que concursar. Despois de alegar que, supostamente, os motivos serían xustificados, rematan escusando que a lei de protección de datos pon todo máis difícil, algo que non se sostén baixo ningún punto de vista.

Podes ver toda a información da mesa sectorial na seguinte ligazón

Volver