Incidencias na adxudicación provisional do CADP

Trasladamos información de interese logo de contactar coa Consellaría sobre algunhas incidencias que detectamos e que nos comunicades. 

A Consellaría de Educación non incluíu, como estaba previsto, as resultas das prazas de “atención preferente” porque non as tiñan resolto definitivamente cando iniciaron a adxudicación de CADP. Faltan tamén as vacantes que non se cubriron en atención preferente. Tampouco incorporaron as resultas das prazas que quedan libres pola convocatoria de “Convenios” nin eliminaron as persoas que obteñen outro destinos, ben sexa por atenci´on preferente ou por convenio.

Hai casos de especialidades nas que non se lle adxudica destino a todas as persoas que aprobaron as oposicións (p. ex Portugués). Van ter destino todas aínda que non nos adiantan máis.

Tamén existe o caso dunha especialidade (Francés de mestres) nas que hai numerosas vacantes que se lle adxudican a docentes doutras especialidades. Advertimos dese elevado número á Consellaría e pedimos explicacións que non nos dan porque din que non o teñen analizado aínda. Desde o sindicato insistimos en que se revise a adxudicación para comprobar se estamos diante dun erro importante ou non.

A este respecto convén lembrar o que di o artigo 19 da orde de CADP (só con respecto ao corpo de mestres) 

– No caso do persoal docente que supere o procedemento selectivo cada ano e non formule unha solicitude ordinaria, a Administración elaborará unha solicitude en que despois da especialidade pola que aproba ordenaranse as restantes especialidades por orde de código, agás Inglés. 

Neste sentido, só poderían adxudicar de oficio prazas doutra especialidade se non existen prazas da propia especialidade pola que se aprobou.

ACTUALIZACIÓN !

A Consellaría vén de darnos resposta á cuestión da adxudicación dunha trintena de prazas de Francés de Primaria a profesorado en prácticas da especialidade de EP. Tal e como supoñiamos, a cuestión ten a ver coa adxudicación de oficio e está motivada pola insuficiencia de prazas ordinarias de Primaria. 

De feito as únicas interinidades que se adxudican de EP son con perfil bilingüe inglés, o que confirma o que desde hai anos vimos denunciando desde a CIG-Ensino, por desgraza en solitario, sobre os perfís bilingües das prazas: 

  • non son, con carácter xeral, unha resposta para mellorar o coñecemento do idioma estranxeiro, o que se debe dar cos desdobres para garantir un menor número de alumnado por aula
  • condicionan e desvirtúan as adxudicacións de destino, tanto no CADP como no concurso de traslados. Nos destinos provisionais provocan que numerosas persoas co moita maior antigüidade queden sen traballo. A CIG-Ensino xa ten advertido disto á administración e até o momento desatendeu as nosas queixas.
 

Volver