Improvisación, falta de rigor e un desprezo máis á nosa lingua nas probas ABAU

A CIG-Ensino acusa tamén á CIUG de actuar con falta de previsión na suspensión do exame desta mañá de Filosofía que tivo que ser adiado até as 16 horas o que retrasou a finalización de todas as probas

Despois das críticas e cuestionamentos que estes días se están a escoitar ao respecto dos exames da nosa lingua nas probas ABAU, esta mañá coñecemos outro caso denunciábel na Comisión delegada nº1 da Facultade de Matemáticas. Segundo nos comunica profesorado e alumnado presente nas probas o exame de Bioloxía e Xeoloxía foilles repartido exclusivamente en castelán aos estudantes. Cando solicitaron a versión en galego foilles entregada unha copia unha hora despois de iniciado o exame e déronlles sen embargo só 10 minutos máis de prazo para a finalización da proba. Dado que nesta materia as instrucións da CIUG eran entregar os exames en galego e en castelán é curioso que precisamente unha vez máis os erros se produzan na nosa lingua, o que demostra a improvisación e falta de rigor coa que se está actuando por parte da administración á hora de velar polos dereitos lingüísticos do alumnado que quere realizar as probas en galego. 

Hai que destacar tamén a falta de previsión que demostrou esta mañá a CIUG ao ter que adiar a celebración da proba de Filosofía despois de detectar erros na formulación dos exames. Segundo transcendeu publicamente as probas quedaron aprazadas para as 16 horas desta tarde cando estaba previsto que finalizaran xa esta mañá, o que demostra que debeu existir algún problema cos exames de reserva que deben ter todas as materias e aos que xa se tiveron que recorrer con éxito o primeiro día das probas ABAU ao ter que substituír o exame de Lingua Galega II por abrir o paquete antes de tempo.

Volver